ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

a mala educación

Filed under: POLÍTICA, SOCIEDADE, CULTURA — 18 Marzo 2013 @ 6:53 p.m.

Non non imos escribir sobre o filme do mesmo título, mais dificilmente atoparemos outro mellor. Unha vez que se produciu a marcha de Méndez Ferrín da presidencia da RAG, deuse a coñecer este manifesto de apoio das Redes Escarlata. Informado, valente e xusto, a meu ver. Comprendo perfectamente que haxa xente que non o valore así, inclusive xente á que lle doia lelo. O que non podo entender é que haxa o cualifique de “felación”, semellante mal gusto paréceme algo máis que rexeitábel e censurábel. Algo máis: a proba de que contra Ferrín actuouse de mala fe, sen ningún sentido da lealdade institucional e sen importar absolutamente nada as consecuencias. Gardo a proba na miña caixa de correo electrónico, aínda que penso que se puido ver/ler no facebook. E déixoo aí, porque podería ir máis lonxe e inferirlle unhas doses de provocación (provocación desde a perspectiva de quen logrou o seu propósito, nada menos, aínda que cando escribiu sobr o asunto o fixo abrindo todos os paraugas posíbeis e reclamando unha neutralidade que agora se descobre noxentamente falsa).

Velaí a razón do título.

Lin tamén, con moita atención, as manifestacións de Henrique Monteagudo no Galicia Confidencial. O alivio que delas se desprende pola marcha de Ferrín paréceme evidente, como o mal gusto, reclamando  consenso sobre a lingua. Non digo que non sexa necesario, sempre é mellor partir del. Mais dicir iso é suxerir con Ferrín non era pósibel, o cal ademais de feo é torticeiramente falso. Outra cousa é como se tería producido ese ese acordo de ser na “era Ferrín”, inequivocamente a carón da lingua, e sen présas por acadar un consenso que non signifique unha volta ao PXNL consensudado no Parlamento e que o PP desobedeceu e rachou pola súa conta. Igual que chamamento á responsabilidade. Non creo, precisamente non creo nada responsábeis estas manifestacións de que falo. Curioso: responsabilidade, consenso, dúas ladaíñas adoito repetidas polo PP. Curiosa a coincidencia, non? Deixámolo en coincidencia?

Por certo, quero ver eu agora os campiós da transparencia reclamando o mesmo noutras institucións, nomeadamente no Consello da Cultura Galega, ou é que só a RAG entrba no seu concepto de “sospeitoso habitual”? Que, outra coincidencia?

Pois se falamos de coincidencias aínda hai outra ben significativa. Os que botaron a Ferrín, ese “grupo de opinión coincidente”, chamémoslle así, veñen sendo os mesmos que alá polos 80´abandeiraban a diestro y siniestro por doquier que a Literatura Galega non debía ser nacionalista, que para unha literatura como a galega iso era un suicidio…Carafio!, xa abonda con querer facer da Literatura Galega un ente Ente Especial! e que non habendo literatura no mundo que non sexa nacionalista teña que ser a nosa a única!!!!!

Moitas veces teño referido que a cultura galega se entronta ao odio españolista. Velaquí outra proba.

Escribiu Celso Emilio Ferreiro, nadas sospeitoso de ser da UPG ou do BNG:

Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.

Resulta moi complicado falarlle a un irmau que te feriu, porque por el falaron os seus actos, actos coincidentes coas pretensións do enemigo,

Cando se trata de lingua, cando se trata de cultura, algo superior a nós como indivíduos, o pactismo co enemigo resulta absolutamente vergoñento, covarde e vil.

5 Comments

  1. Begoña Caamaño:

    Olá Xosé Manuel. Non sei se coincido contigo. O caso é que. compartindo todo o que dis de Ferrín, no me entero do que pasa na Academia, de quen é quen e que intereses hai (ogallá alguén me contara un dia claramente que demos pasa ali dentro!). Era tan inxenua que pensei que o interese común e único era o idioma.

    Por se che vale de algo, e en pago as tuas reflexións das que tanto aprendo, quería compartir contigo o que foron as miñas palabras o venres, na entrega dos premios AGE, con Freixanes ao meu lado e co señor Director Xeral de cultura sentado na miña fronte. É verdade que este ano o meu cancro mantivo á marxe de moitas cousas, pero ás veces síntome tan perdida…

    Non sei se procede que o pendure aquí, pero como non teño o teu correo persoal nin nada que agochar…
    Velai vai:

    “Boas noites a todas e todos.
    Grazas por este inesperado premio a Morgana En Esmelle. Premio que corresponde á Editorial Galaxia, pero que o seu Pdte, V. Freixanes, tivo a ben compartir comigo.

    Trátase, se cadra, dun honor excesivo para a que tan só é a segunda novela dunha escritora.

    Estou alegre, claro. Estou relamente moi contenta polo premio.

    Pero a alegría por este premio nin agocha, nin equilibra a miña preocupación e desacougo.

    O pasado mércores, cando abandonaba a sede da rúa Tabernas, Xose Luis Mendez Ferrín dixo textualmente : “ A Academia está en perigo”.

    Non sei, é máis, recoñezo, que, aínda que me incomodan, non teño nin idea das liortas internas que pode haber no seo da institución.
    Pero non me fai falla ter unha intelixencia moi avezada para me decatar das presións de fóra.

    E SI, distingo os enimigos: os poderosos, fortes, taimados e decididos enimigos. Por iso é que me permito corrixir a Ferrín, creo que a situación é máis grave do que el dixo, NON é Só a Academia, É O IDIOMA O QUE ESTÁ EN PERIGO.

    E co idioma, o conxunto da nosa cultura: a nosa especificidade coma pobo; a nosa grande aportación á cultura universal…..

    Os ataques á lingua veñen mesmo de quen debería protexela, un dos últimos, por exemplo, foi o de conceder a unha escritora en castelán a honra de ser a voz da homenaxe da Xunta a Rosalía.

    Nacer e ser son cousas tan diferntes como a casualidade e a vontade.
    Non discuto os méritos literarios da autora elixida, Pero a ninguen lle cabe dúbida, imaxino, que aínda nado polaco, Josep Conrad é un escritor inglés, ou que pese a ser o seu autor de nacionalidade rusa, “Lolita” e “ada ou o ardor” son dous titulos imprescindibles da literatura nesa lingua.

    Máis preto de nós, Camilo Jose Cela, malia ser paisano de Rosalía e “exercer de galego” cando así lle conviña e estimaba é, sen dúbida, un premio nobel das letras españolas.

    O meu medo ante estes ataques, a súa ferocidade e desfachatez é tal que, mesmo sendo eu muller atea e feminista, é dicir, radicalmente anticlerical, seguín desta volta co interese inusitado o cónclave para a elección do novo papa para ver se o pontífice elixido era Rouco Varela.

    Aínda sabendo que o cardenal exprésase de común en castelán e que a lingua oficial do vaticano é o latín, pensei que, ao mellor , cun pouco de sorte, ocasionalmente se lle escapasen expresións como “ARRE DEMO”; “MEIGAS FÓRA”: “DEUS O FAGA MELLOR” ou “ CRUZ XA TEÑO”. Así. Aínda que só for ante os asombrados ouvidos da curia romana, o noso idioma non morrería totalmente.

    Por iso :GRAZAS.
    GRAZAS ás editoriais por atraverense a públicar en galego malia non ser a nosa unha lingua que cotice en bolsa.

    GRAZAS a todas as autoras e todos os autores do país pola súa aposta decidida e militante co galego pese a saber todas as “primas de risco” que asumen con esa aposta, e a que a súa curmá xa lles teña advertido dos “recortes” nas traducións .

    GRAZAS , sobre todo, ás lectoras e lectores. Audaces e imprescindibles cómplices nesta loita de resisténcia . Nesta guerra de guerrillas contra o patriarcado idiomático; contra o desafiuzamento lingüístico.

    REMATO XA, Só dicir que este premio á editorial Galaxia por “Morgana en Esmelle” é un premio colectivo. Pertence, como non, a Rosalía…a Luz Pozo, a Xohana Torres, a Maria Xose Queizan, a Helena Villar, a Marilar Aleixandre , a Ana Romani, a Carme Panero, Marica Campos, a Xina Vega a Estibaliz Espinosa, a Xía Arias a Andrea Nunes a María Reimundez a María Rosendo, Marta Dacosta, María do Cebreiro… e tantas e tantas outras irmás…A todas as mulleres, compañeiras que dende o feminismo e dende o galego enarbolan a bandeira do dereito á diferencia”.

  2. xmeyre:

    Beizón, Begoña por este valioso documento. E, sobre todo, pola impagábel dignidade que demostras.

  3. manuel rodríguez alonso:

    Parabéns tanto a Eyré como a Begoña Caamaño. Ao primeiro polo que vén escribindo sobre a RAG e a segunda por ese fermoso texto na entrega dos Premios. Eu, pola miña experiencia no mundo editorial desde 1977, estou de acordo co que afirman Eyré e Ferrín de que o grupo ILGa-Consello, desde os tempos de Constantino García, tentan patrimonializar o galego, nunha liña sempre de “consenso” co poder establecido, tanto filolóxico, coma político. Vexan a historia do ILGa, protexido pola Fundación Barrié e polo reitor García Garrido, polo ICE opusdeísta do segunda metade dos setenta ou premiado recentemente por Feijoo. Sería moi útil reparar en quen foron os membros dos tribunais de tese de moitos membros do ILGa. Alí abundan as xentes do españolista Consello de Investigacións Científicas, de onde por certo procede o seu fundador C. García. Tamén conviría falar sobre o inspirador Dámaso Alonso, que dicía, despois da xeración Nós ou de Galaxia, que o galego non era lingua para a filosofía, que si os galegos querían filosofar que o fixesen en castelán. Ou Zamora Vicente, que nas súas clases de Madrid aseguraba que non pagaba a pena aprender galego. O galego era un simple “dialecto” máis ou unha curiosidade medieval das moitas que estudaba o Consello. Por iso, non nos estraña aos que levamos anos de xeito independente na filoloxía e crítica galegas. Sigue polo mesmo camiño, pois eu léote todos os días e dásme moita moral para seguir teimando nunha filoloxía e crítica galegas abertas, democráticas, con consensos si mais abertos a toda a sociedade civil e non ás costas desta…

  4. chinto:

    Parabéns ao Xosé María, é todo un tratado de valentía a súa análise lo acontecido na RAG. A complicidade doutros coa dereita, de dentro e de fóra do país, é alucinante.

  5. xmeyre:

    Biezón, Chinto, Manuel, polos vosos comentario e pola vosa solidariedade.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.