ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

estratexias contra a Lingua Galega

Na cafetaría dun hospital atopa un a quen non pensaba. E ela contoume algo que eu nin en pesadelos podía imaxinar.

-A onde ides de vacacións?

Díxenlle que pillaramos destinos en Italia, Florencia e Venecia.

-Eu vou ir a Vigo.

Sorpendeume.

-É que é cidade galega que menos coñezo.

Pregunteille, non me podía esquecer, cómo é que estaba alí, se tiña alguén enfermo.

– A muller dun curmán mais xa lle deron alta, cheguei tarde. En Venecia ide aos monumentos, do resto é unha cidade bastante feíña…

Pois anda que ti…por Vigo non sei que farás. Díxenlle ou algo así.

-E que tal este curso? Esgotado, non? Para min este ano foi moi rariño. Faláronche da estratexia para desacreditar e eliminar a materia de Lingua e Literatura galega?

Interesoume. Moito e moito máis sendo eu docente de Lingua e Literatura e ela de Música, ou como se lle chame agora.

-O centro de irradiación, ou un deles, é Vigo. De alí chegaron ao meu centro. Primeiro visitan o profesor encargado do curso, son inclusive amábeis, iso si, deixan ben claro que pasan do galego e que están no seu dereito. O profesor atendeunos, diagnosticou os problemas do alumno en cuestión e fixo informe dos aspectos que tiña que mellorar e cómo. O profesor decatouse de que o alumno non melloraba e preguntoulle varias veces se estaba tendo axuda externa e porque escollía sempre, nos exames, a opción que menos a favorecía. Hoxe veñen de poñer reclamación porque o fillo aprobou con moi boas notas o resto de materias e non galego.

Mollamos a palleta. Non me sorprendía que houbera reclamacións, aínda que o motivo fose así de curioso.

-Ese pai restoulle calquera autoridade na matreria ao profesor, coma se el soubera máis ca ninguén e o profesor fóra un inútil integral.

Neste oficio un ten que presenciar cousas así de feas…

-O mesmo profesor tivo outra alumna á que o pai lle desculpaba non aprobar galego…

Seguía sen sorpendeme.

-E o máis dificil de dixerir e a campaña que lle montaron catro ou cinco pais. Xa sabes, case todos pais de alumnos que non se distinguen por ser traballadores precisamente. Dirixen a ANPA. Fixeron unha reunión onde menos guapo chamáronlle de todo, dixeron del que era un sexista ( e, ti ben o coñeces, é o meirande defensor da voz feminina),  que poñía en evidencia os seus fillos porque os corrixía cando facían algo mal, que usaba palabras impúdicas na aula ( concretamente os verbos “cagar” e fundindangar, fundindangar, palabra inventada para que comproben como son capaces de conxugar calquera verbo), que facía apoloxía ideolóxica na aula ( e non é de ningún partido, ben sabes, non ten nada bo que dicir de ningún), que as lecturas que lles pide aos alumnos non son axeitadas ( cando con el son os alumnos os que escollen lecturas, e sempre lles advirte que se non lles gusta poden cambiar por outra)…Vamos, todo mentira, mentira gordísima. A min contáronmo alumnos comúns, non un, varios. Por iso o sei. Asegúrocho: non lle puxeron máis chatas porque non se lles ocorreron. Asegúrocho, porque estou convencido, non van por el por consideralo mal profesor precisamente (que se lles aprobara os fillos habíano poñer nun altar), sobre todo van pola materia de Lingua e Literatura Galega, estórballes, estou convencido… E sabes aínda o peor: el, o profesor non ten coñecimento de nada disto, teño que dicirllo e non sei como porque a listaxe de “virtudes” docentes que lle apoñen é de escándalo, coma se fose o mesmiño Demo Maior…A ver se agora que cho contei a ti me serve para dicirllo a  el…e que me crea, xa sabes o humanista romático que é el.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.