ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

MIL NOVELAS MÁIS SOBRE A GUERRA CIVIL, POR FAVOR

Estou lendo outra novela sobre a Guerra Civil posterior ao Golpe de Estado executado por Francisco Franco Bahamande contra o lexítimo goberno establecido da República. Trátase de A vitoria do perdedor, de Carlos G. Reigosa. E escribo esta anotación porque vou farto de escoitar iso de “outra novela da Guerra Civil”. Razóns:

Primeiro, todos deberíamos definir a Guerra Civil correctamente, algo parecido a como, humildemente, nós fixemos. Porque se o deixamos en Guerra Civil e nada máis… esquecemos que foi un acto ilexítimo, traídor, contra a lexitimidade e legalidade existentes, houbo culpábeis do inicio desa Guerra Civil, e o reduccionismo convértenos en co-responsábeis por omisión, é un silencio culposo.

Segundo. Escóitase desde voces filofranquistas ( filogolpistas, polo tanto), é dicir, fundamentalmente, Partido Popular, que dese xeito “parece que os perdededores queren facer parecer que gañaron a Guerra”. Evidentemente iso non vai ser posíbel. Mais o que si é posíbel, e ben medo que lles mete, é outra cousa: todas as novelas sobre a Guerra Civil e consecuencias posteriores ( como é esta de Carlos G. Reigosa, onde o protagonista central é un guerrilleiro antifranquista, 1949) , teñen a virtude de retratar un tempo ben distinto da “Gloriosa Cruzada”, un tempo caracterizado pola represión de calquera liberdade, polos ataques inxustificados e xeneralizados contra calquera disidencia, un tempo retratado pola miseria social e económica, onde o poder se valeu das mentes cativas de matóns e aproveitados para substituír as mentes inquedas e formadas de xentes preocupadas polo progreso económico e social. Na novela de Carlso G. Reigosa vese moi ben.

Non, non gañaremos con novelas, con ficcións, o que xa se perdeu na realidade. Porén esas novelas conseguirán retratar con xusteza tanto a Guerra Civil como as súas consecuencias. E axudarán a que xeracións vindeiras se avergoñen de todo ese tempo e de quen e cómo o fixo posíbel. Non gañaremos, porén outra forma de xustiza non nos queda, non nola deixan. E é necesaria. Por decencia!

2 Comments

  1. Vidal:

    Concordo en que hai cousas que non convén esquecer ou tomar á lixeira. Agora ben, acho perigoso empregar a ficción para radiografiar (como gustan dicir algúns periodistas) a realidade.

    ===
    http: //apequenanovelagalega.blogspot.com.es

  2. xmeyre:

    Todo o contrario, Vidal, no existe mosaico máis grande da actitude e actividade humana que a literatura. Nin da súa idiosincrasia. Porén, eu, maís que diso, falo dunha prestación máis que fai posíbel a literatura, a de deixar as cousas no seu sitio de cara ao futuro.
    Beizón polo comentario

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.