ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

a política e a literatura como discursos deshumanizantes ou humanizantes

Filed under: EDUCACIÓN, ENSINO, ESAS COUSAS,POLÍTICA, SOCIEDADE, CULTURA — 5 Setembro 2013 @ 5:49 p.m.

As fronteiras que delimitan sensación, emoción e sentimento son tan difusas que levan a que os estudos non poidan ser tampouco suficientemente claros. Se comprobamos unha defiición -unha definición non especializada, que sempre é mais restrinxida-  de  sensación, axiña comprobamos que aparecen  outros conceptos relacionados: impresión, emoción ( a seguinte palabra da nosa listaxe) e intuición ou presentimento. Unha definición consensuada de emoción posibelmente nos deixe algo semellante a ” alteración do ánimo”, porén aínda iso resulta pouco claro porque a alteración pode ser negativa e entón non adoitamos falar de emoción senón dun tipo determinado de emoción (ira, odio…) que, eu polo menos, teño problemas en diferenciar do sentimento, moitos problemas. E se nos dá por comprobar a definición, no mesmo deicionario, de sentimento, pois miren vostedes que a primeira acepción nos devolve á impresión e o segundo á intuición.

Se ademais facemos a procura en galego, a cousa mellora un tanto, as palabras están mellor definidas, poderiamos interptretar, porén a interpretación máis axeitada, creo eu, é que a definición en galego se aproxima mellor e máis ao que sentimos nós os galegos que a dun dicionario estranxeiro. Máis unha vez comprobamos que as cousas non son o mesmo en castelán e galego. Vexan: emoción, sensación, sentimento.

Mais a miña pretensión é achegar eses tres conceptos á política e a literatura como discursos. Calquera deles (emoción, sensación e sentimento) son respostas ante un determinado contexto, porén a política e a literatura provocan respostas absolutamente contrarias. Mentres a política elititista ( dereita, extremadereita – e os partidos da esquerda farían moi ben en cavilar se esixen a mesmo tipo de resposta, cavilar e preocuparse) quere que o cidadán non reflexione antes de emitir a resposta, que o seu comportamento sexa visceral e inmotivado…a literatura obra todo o contrario, canto máis reflexionada é a reposta, canto máis pensada e polo tanto interiorizada, máis rica é e máis posibilidades hai de que nela vaia incluída a nosa cadea de conceptos.

Hoxe non toca, porén a seguir quero escribir sobre a emoción, o sentimento e a paixón na literatura. Porque determinados discursos literarios nos apaixonan, nos emocionan, activan sentimentos en nós? En parte  porque vou farto de que os estudos sobre estes conceptos tendan a esquecer a manifestación literaria, o cal é un erro de moita, de moitísima envergadura. E tamén porque esa fascinación ( engádano, se queren á cadea) é algo sobre o que me veño preguntando desde a adolescencia.

Xa teño cavilado e escrito sobre a fidelización do lector a determinados (tipos de) discursos ( contextos). E o que agora pretendo vai polo mesmo camiño.

Agora si, para remate unha pregunta: consideraríanse vostedes humos se os desposuímos da facultade de sentir emoción, senacións, ou ter sentimentos? Porque a política (elitista) pretende iso. Mentres que a literatura afonda en todo o contrario, enriquece a personalidade distintiva.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.