ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica, política e literatura

Filed under: CRÓNICA DA CRÍTICA,POLÍTICA, SOCIEDADE, CULTURA — 15 Outubro 2013 @ 9:27 p.m.

O primeiro de todo é a honradez. Un pode ser mellor ou peor, estar máis ou menos informado, ser máis ou menos culto, mais onde non pode haber déficit é ma honradez. O de Feixó é un exemplo: ten a desvergoña de dicir que Castelao non era soberanista (ibdependentista)….Home, o que eles trouxeron da Arxentina, se cadra deulle un aire e xa só pensa en clave PP, mais o Castelao verdadeiro deixou dito que el non quería voltar á Galiza mentres esta non estivera en pé de igualdade co resto de pobos da Iberia. E paréceme que iso é máis soberanismo do que o PP é quen de dixerir.

Se cadra, Feixó é bo pagador cando contrae debedas económicas, aínda que o dúbido porque as multas de Tráfico, polo menos, é moi deixado á hora de pagalas. Pagaría aquela de Vigo?, era por aparcar mal, creo… En fin, en todo caso, no exercicio político adoita ser moi mentirán, faltón e arrogante, tanto que, sendo dunha cultura máis ben escasiña, se permite ir dando leccións…

Hoxe tamén pedía á oposición que chegara a acordos con eles. Claro, cantos máis acordos se fagan menos críticas vai recibir o PP. Non lles pide chegar a acordos porque así a oposición política sexa máis responsábel, non, o que pretende é eliminar no posíbel a oposición política. Porén o primeiro cometido da oposición  consiste precisamente en avisar das desviacións e incorreccións, vamos, das falcatruadas, do Goberno. Precisamente o que a Feixó non lle gusta nadiña…

E na literatura pasa o mesmo. O crítico é un axente literario intermedial. E da súa honradez depende a súa credibilidade, sen a cal xa pode ser moi culto, estar moi informado e escribir de marabilla…que tanto ten. Nin todo é tan malo nin todo é extraordinariamente bo. Nada hai tan malo que non teña algo bo, nin nada hai tan bo sen algunha pexa.

O problema é que a honradez seica non vende. A iso chegamos. Mais, sen  honradez, a vida é moito menos vida…

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.