ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

celebrar a intelixencia

Encontrar onde celebrar a intelixencia, nos días de hoxe é un obxectivo case obsesivo, posto que a mediocridade semella instalada nos postos de decisión e coñecer cando se está ante a mediocridade resulta extraordinariamente sinxelo: a mediocridade nin asume erros nin rectifica, de xeito que Feixó pode pasar por estadista ou inclusive por xestor eficaz só porque el o diga e llo coreen os corifeos de garda no momento aínda que continuamente se revele como un trapalleiro egocéntrico, hipócrita, resentido e de mala lei. De xeito que un se ergue día si e día tamén sabendo que Rafael Hernando continúa no seu posto ( portavoz adxunto e deputado) despois de acusar as vítimas de moverse por cartos. É só unha pincelada da actualidade, vostedes poden completar o cadro sen ningún esforzo.

Neste contexto, atopar onde celebrar a intelixencia, a cordura e a xenerosidade, para termos confirmación de que o mundo pode ser outra cousa e non esta cloaca, este moqueiro fedorento, non só é unha necesidade senón unha obriga da que só os parvos esquivan alegremente, porque cómpre ser moi parvo para evitala cando a recompensa é tan grande. Un séntese parte da humanidade, parte da humanidade intelixente, comezando por aí. Comezando por aí, xa que hai algo que resulta imposíbel de cuantificar. Refírome ao poder transformador da boa literatura. Igual non dixen ben cando utilicei a palabra “reansformador”, porque transforma, si, mais seguimos sendo os mesmos.

Refírome a esa recompensa de que sabes que leches algo único. Que tes o privilexio de coñecer intimamente algo único, algo que vai estar aí, dentro de ti, para sempre, indicándoche un camiño de beleza, de bondade, de xenerosidade, de comprensión dos demais ( e polo tanto de menos conflitividade social), de valor (porque cómpre moito valor para escribir algunhas cousas) e de alegría. Si de alegría. A alegría que un sente cando coñece coñece historias novas que lle agrandan o corazón.

E como esta é bitácora dun crítico, propóñolles que fagan a proba con algún destes títulos:

Prosa (estranxeira): Budapest

Prosa (estranxeira, histórica):O castelo dos cárpatos

Poesía: Raíz da fenda, Transmuta

Teatro: Unha corrente salvaxe

Ensaio: A música das esferas, A revolución non vai ser televisada

Narrativa: A lúa da colleita, Cadeas

Seguimos vivos non porque hoxe vaiamos comprar outra cousa. Seguimos vivos porque seguimos participando da intelixencia. A través da beleza e da palabra. Ambas nolas queren roubar, mais seguimos aquí. Con máis beleza ca nunca, con máis intelixencia ca nunca.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.