ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

mafias culturais e mafias anticulturais

Se as mafias en si son un dos fenómenos máis preocupantes da sociedade porque inutilizan calquera forma política en nome dunha fidelidade que só ten algunha semellanza coa ditadura, e ademais tal fidelización lógrana desde a intimidación e o impedimento de calquera tipo de comportamento individual previamente non aprobado pola chefía mafiosa. As mafias culturais son un dos espectáculos máis tristes que o ser humano pode contemplar.

Pedro Barreiro, a lectura de A memoria da choiva volve poñer de actualidade o tema das mafias culturais, como antes, hai ben pouco, o fixera Como en Alxeria ( Xosé Ramón Pena). Sendo ben certo que  na Galiza, coa problemática da lingua como pretexto, é ben certo que a actualidade das mafias culturais non esvaece. E digo que é un dos espectáculos máis tristes que o ser humano pode contemplar porque a cultura debería ser precisamente algo que os afastara de tal pequenez. Aínda que sei que nunca, nunca na historia, nunca ao longo dos séculos  foi así; que sempre existiron cenáculos, círculos, mesas camilla e expresións similares que dan conta da formación de grupúsculos que atenden á defensa da súa cativa leiriña antes que aos intereses culturais xerais, os da xente, é máis: sacrifican os intereses culturais xerais en nome da leiriña que defenden.

Para nada necesito eu agora ningún tipo de aclaración a cerca de cales son os círculos desde os que se debuxa a cultura galega, particularmente a literatura. E entendo que nas tres urbes directrices se comuniquen entre si intereses culturais próximos na súa formulación, vén sendo algo lóxico, totalmente lóxico; inclusive pode verse como lóxico que eses intereses culturais procuren a súa permanencia no tempo a través do proselitismo; pode, entenderíao só até  certo punto, porque a mesma necesidade  facer proselitismo di pouco da veracidade ou xustificación da excusa desde a cal se montou a leiriña, que non precisaría proselitismo ningún se a necesidade dedsa leiriña fose absolutamente transparente e diáfana.

E os galegos somos especialistas en partir leiras. Somos especialistas en leiriñas.

Porén, á luz da actualidade de onte, véxome hox ena necesidade de reflexionar a cerca das mafias anticulturais. Porque as hai, en que as hai. Pensen vostedes nunha Galicia Bilingüe ou en calquera dos seus devanceiros. Mais non só. Pensen no pacovazquismo. Mais non só, non só porque a redor de determinados partidos políticos véñense creando diversas mafias anticulturais que achan na política a súa excusa vital e mesmo a desculpa da súa incultura. Ao de onte, o PP contra a AS-PG, me remito.

Cómpre ser absolutamente necio, cómpre participar dunha necidade raiana no paranormal, para meterse cunha das asociacións ou formacións máis veteranas e prestixiosas da Península no eido da renovación pedagóxica, no eido da metapedagoxía. Cómpre ser absolutamente imbécil para facer tal cousa. E o máis triste de todo é que o fan con  intereses anticulturais, para eles todo vale con tal de criminalizar a cultura galega e, sobre todo, as bases que a fan posíbel. Non se decataron de que en galego pódese facer cultura ao máis alto nivel. Por moito que se lles dixera na escola non atenderon porque iso equivalía a contradicir os prexuízos que lles amamantaban o seu negativismo social, o seu separatismo cultural.

O PP, por excelencia, e o PSOE, por condescendencia, son especialistas nisto. Fornecendo economicamente expresións anticulturais por intereses políticos. Fornecendo economicamente e promocionando socialmente. Deixando ben clara a postura reaccionaria segundo a cal a política é inimiga da cultura, e que a cultura cando emite opinións políticas mexa fóra do testo…porque lle teñen medo, un medo inmenso poisa cultura (iso que os políticos non dan entendido) déixaos en ridículo con suma facilidade.

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.