ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

os candados da realidade

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 28 Marzo 2014 @ 6:55 p.m.

Deambulo pola semana mentres trato de establecer o tema en que asentará esta anotación. Quédanme sobre todo as palabras dun alumno meu, Damián, 2º ESO, despois de ler o Recinto gris de Ledicia Costas. A Damián gustáralle moitísimo, non perdeu ocasión de dicirmo e despois de contarllo á María Xosé, a miña compañeira de departamento:

-Que ben me vai coñecendo!

Esas cinco palabras encerran moita máis mensaxe do que parece, convidan a cavilar.

Convidan a cavilar e non no feito de que eu o vaia coñecendo cada día mellor e polo tanto lle dea lecturas máis acaídas ás súas apetencias. Iso é o de menos, porque as lecturas que lle sinale non teñen como obxectivo que todas lle gusten…senón facer del cada vez un lector máis completo e complexo ( porque isto incide moi directamente na cantidade e calidade de razoamentos que será quen de facer no futuro).

A min dáme que cavilar por outra cousa. Pola autoasimilación de Damián a unha historia que é unha aventura de liberación social e individual. Unha historia que non é a materialización dunha fórmula de laboratorio a tres metros sobre o ceo. Senón unha grampa entre realidade e ficción, unha ponte, uso responsábel e benintencionado do símbolo ( fronte á perversidade do uso relixiosocatólido, relixiosocatódico, por esxemplo)

-Que traballo che fago deste libro, porfe?

-Tráeme algo escrito onde me digas cales son os lobos que na realidade tentan meternos a todos en recintos grises, os lobos que non aturan as diferenzas, os que condenan todo forma de pensar que non sexa a obediencia cega.

-Vale

(Non saio do meu asombro. 2º ESO. Entendeu perfectamente o que lle pedía. 2º ESO)

……………………………………………………………..

Susana cursa 4º ESO. Sei que lle ancantou  Tres metros sobre o ceo. Hai un poema no Penúltimas tendencias que fala diso. “Non quero amores a tres metros sobre o ceo”, di o verso ( escribo de memoria). Comentámolo na aula. Realmente Corín Tellado foi unha adiantada do seu tempo, porque se chega a escribir hoxe a ver quen lle facía sombra! E non deixa de admirarme a simpleza coa que se recomendan certos títulos no ensino…

Eu contraataquei:

-Le  2o poemas de amor e unha canción desesperada, despois falamos. E, xa postos tamén podes botarlles unha ollada ás Rimas de Bécquer…

Susana afanouse a  copiar os títulos.

(Que fago eu meténdome en augas alleas? Iso debera ser asunto de Literatura Castelá…Claro que é desde Literatura Castelá desde onde se recomendou a Federico Moccia…a alumnos que non coñecen nin a Bécquer nin a Neruda…)

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.