ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

person of interest?

Filed under: Sen clasificar,VARIA NATURA — 4 Maio 2014 @ 7:41 p.m.

Hoxe, Mamma mía, as cancións dun musical fixeron abroiar nos meus ollos fontes en manancía, chorei coma un madaleno apaixonado. Cancións dos 20 anos… Toda unha inmensa incógnita por diante. Sen moita fe no porvir porque antes dos vinte anos xa probara o fel da morte de quen comigo quería vivir todos os seus días, nunha estrada traidora un accidente deixounos aos dous sen futuro e a min con vida. Con dezasete participara en dous musicais, dúas óperas rock, e ben me decatei de que todo nos musicais é mentira agás á esperanza que che agariman…e ás veces tamén nin iso porque despois…

Renacín, porén, e sabendo que o futuro é cego e demente, non renunciei a vivir a vida como unha aventura. Custoume, pois habería libar aínda zumes amargos como derrotas, soidades e noites sen lúa. Mais algo de calor sempre, coido agora, algo, algunha brasa conservei e me foi avivecendo até que, non aprendido, apostei  na vida coma un xogador atolado, ireflexivo e aventureiro. E saúme mal. Perdín. Porén esa brasa, esa brasa segue aí a me consumir por dentro e é a grande milagre do mundo que dunha brasa naza tanta auga salgada cara abaixo.

Cantas ilusións e cantas bágoas pode albergar este fráxil envoltorio carnal?

En ocasións conclúo que nin me entendo eu (nunca escarmento) nin entendo a razón da tanta desgraza no mundo semantada. Tamén pouco me importa, quero facer aparentar coma se con iso abondara para seguir adiante…

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.