ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

o valor da palabra

Filed under: LINGUA — 12 Maio 2014 @ 1:42 p.m.

Nacen case canda nós. Ninguén lembra cando empezou a falar. Esa pode ser unha explicación para o desleixo, a despreocupación  coa que xente trata as palabras.  Pouco ou nada plausíbel, porque todos sabemos o que custa aprender unha lingua estraxeira complementar. Mais nin así. Ningunha outra creacion humana se pode comparar á da linguaxe. Absolutamente ningunha. E, desde logo, non merece ese desapego, esa indiferencia cando non desprezo. Porque desprezo é, moitas veces, desprezo son os abusos que coa lingua se cometen, total…non se vai queixar…pois pau enriba.

Ah, aqueles tempos nos que había quen fachendeaba de facer un uso non só correcto senón mesmo floreado das palabras.

Hai uns anos, nunha cidade non galega,vivín un suceso que vén moito ao caso. O meu colega e compañeiro de mesa tiña sede, precisaba auga. Como todas as garrafas da mesa estaban baleiras, non lle quedaba outra que pedir que lla trouxeran. Fun testemuña de polo menos tres tentativas de que camareira, que pasaba arriba e baixo por tras nosa, o atendera. Cada unha das invocacións comezábaa cun “Por favor”.  Nin así. Nada.Entón, quen sentaba á miña dereita distraeume con algún motivo. Cando repuxen atención no meu sedento colega, este xa se erguera, a ver se así. Nin así. Nada tampouco. Provou a erguer a man tamén. E tamén nada.

Desafogou un bocado comigo. “No conozco, no imagino, no se me ocurre forma de que esa mujer repare en que le quiero pedir algo…”

Xusto daquela, a camareira en custión, que do resto era moi eficiente, achegábase a nós. O meu compañeiro debeu pensar “esta é a miña oportunidade”

-Oiga, moza, por favor…sería usted tan galante de traerme una botella de

Tamén debeu pensar que igual extremando a educación…

 Tampouco.Mirouno de arriba abaixo. Continuou coma se nada, coma se non oíra nada.

Entón erguinme. Fun pola camareira. Agarreina dun brazo e sinaleille que o meu compañeiro a chamara, que lle quería pedir algo.

E estou seguro de que a camareira non o facía por mal, porque fóra diso sempre se amosou moi competente e amábel. Só que non estaba habituada a que lle falaran con educación.

Así de triste.

—————————–

Toca agora o rachar de vestidura e berro no ceo. Que malos somos! Que incultos! Que maleducados! Nin que non foramos á escola!

E que así sexa para todos aqueles que non acrediten que no estado español (o valor das minúsculas) as cousas irían doutra maneira se desde Madrid non se fomentaran prexuízos a eito que desprezan a lingua. Por exemplo: Que ben falan os andaluces, que graciosos aínda que nin dean pronunciado todas as consoantes. Que ofensivo é o acento catalán, basco, galego, aínda que pronuncien con primor calquera son…

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.