ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: “sobre a lectura seguido de Dïas de lectura”

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 13 Maio 2014 @ 5:08 p.m.

 

SOBRE A LECTURA E UN LIBRO DE CARLOS LEMA

Título: Sobre a lectura seguido de Días de lectura

Autor: Marcel Proust. Tradución, introducción e notas de Carlos Lema

Editorial: Trifolium

Anda o mundo tan indigado resolvendo crises e fusións bancarias, tan atento a se os países logran colocar as súas débedas ou lles rebaixan algún chanzo, tan conmocionado se a bolsa de valores baixa de non sei que mínimos, tan esmagado coas noticias que falan de máis indemnizacións millonarias a algún dos responsábeis de que negocios bancarios de antes foran mal….anda o mundo, o noso mundo, tan pasmado diante do espectáculo incesante que emite a reformulación do sistema capitalista ( en máis capitalista e menos humano)…e vén agora Carlos Lema e peta na mesa reclamando máis atención á lectura! E o crítico, logo de máis de vinte anos colaborando en A Nosa Terra, escolle precisamente este título na súa estrea en Galicia Confidencial, por se as humildes palabras puideran botar algo de luz na reivindicación dun dos mellores herdos que nos deixa o capitalismo: a alfabetización e a posibilidade da lectura como ponte ao pracer e á sabedoría.

                     O libro é de pequeñas dimensións, 10×15 aproximadamente, conta 177 páxinas e consta dunha introducción, obra do propio Carlos Lema, seguido da tradución de dous escritos de Marce Proust a cerca da lectura: Sur la lectura e Journées de lectura. Non é o obxectivo central da publicación, mais cómpre comezar dicindo que  a interpretación introdutoria de Carlos Lema é unha moi boa carta de presentación da narrativa proustiana. Aqueles que pouco o ningún contacto tiveron coa narrativa do autor de À la recherche du temps perdu, teñen aquí unha boa maneira de se iren familirizando coa obra proustiana, a súa forma e as súas estratexias fundamentais. Marcel Proust, autor de capital importancia na historia da literatura, e particularmente na evolución que esta experimentou no século pasado, un dos pais da actual narrativa. Marcel Proust, aínda non suficientemente lido, aínda non suficientemente ben lido.

                     Dicimos Marcel Proust, un dos pais da actual narrativa malia non ser nin moito menos un autor que formalmente quixera propoñer un discurso especialmente anovador. Ben se pode dicir que a fenda da escrita proustiana resultou malgré lui pois tanto a concepción da narrativa proustiana como tamén a da lectura non deixan de medrar e se conformar nun clasicismo moi consciente e asumido. Dicimos Marcel Proust, que na súa escrita/lectura propón unha creba dos eixos temporal e espacial desde a atención ao pormenor, reclamando a consideración do pequeno, mesmo do breve ( atendendo á densidade da súa obra monumental) como condensación ou depositario da memoria das emocións ( e quen queira pensar en O lapis do carpinteiro, pode e ben, mais nin moito menos para aí a influencia, hoxe, do de Auteuil). Así é que non vaiamos cometer a mesma torpeza de André Guide ao rexeitar a Recherche, igual non posuímos tanta nobreza como para arrepetirnos seguindo a Guide, igual xa é excesivamente tarde.

                     E prestemos algo, sequera algo, de atención á lectura. Que como a lingua, aprendida sen esforzo, xa tendemos a pensar que ler non pasa dun acto natural consistente en identificar letras en palabas nun segmento (fónico) único, algo que xa todo o mundo sabe facer. Non. Ler xa non é iso, é algo máis que iso, non todo ser alfabetizado é capaz de ler tal e como esixe o século. De ser así non ficariamos tan apampados perante a situación descrita no incio desta crónica libresca. Que ler nin sequera é acto ou proceso que se realice exclusivamente desde un texto verbal, tal e como a escrita tampouco é canle única na trasmisión de historias.

                     Non. Nunca foi tan necesaria a lectura. Porque só a lectura nos garante a posibilidade de acceder ao saber á marxe do sistema ou a pesar do sistema. Só a lectura garante uns mínimos democráticos na posibilidade de acceder ao saber, a un saber que sexa algo máis ou algo diferente do que o sistema prevé e canoniza que podemos ou non debemos saber. E diremos máis, a lectura non asegura a conformación de boas persoas, porén sen ela a tarefa resulta moito máis complexa. E diremos máis, que é a lectura, precisamemente, procedemento de extraordinaria importancia á hora de lograr un humanismo que se achegue á plenitude.

                     Xa que só a lectura nos proporciona un moi substancial incremento da nosa experiencia vital. Carlos Lema viu con clareza como Proust escribe desde experiencia e o sentimento. As dúas traducións do Carlos permiten comprobar inmellorabelmente como na experiencia, experiencia vital, non só estaba esta conformada polos recendos e pousos dos días vivivos senón tamén polos recendos e pousos e mundos procedentes das lecturas.

                     Velaí, pois, a explicación de que a lectura sexa tan molesta, tan incómoda, aos políticos, sobre todo aos políticos actuais, que son os que máis interesan, xa que se senten impotentes á hora de controlar o inmenso caudal literario, e, se non o controlan xa non lles é útil e si un estorbo. E se estas palabras sorprenden a alguén, non ten máis que certificalas desde as medidas restritivas encamiñadas a afogar a literatura galega, obrigada a competir desvalidamente cun sistema literario apoiado polas forzas estatais ( instititucionais, privadas e mediáticas), non se trata de oportunismo senón de lectura da actualidade.

                     E velaí, tamén, como o ser humano, de achegarse con proveito á lectura e xa dixemos, se achega tamén á plenitude do seu humanismo. E velaí tamén o que perde, a esencia ínfima a que queda reducido sen o concurso auxiliante da lectura. O cal non deixa de ser extraordinariamente triste. Poucas cousas tan positivas deixa en herdanza este sistema capitalista, poucas como a literatura e a lectura, poucas da súa humanitaria importancia. E xa será triste que a xente fique á súa marxe!

                     Mais han de disimularme tanta contaminación prosutiana, pois, ao igual que o Proust das Journées, estamos rematando e aínda non entramos de cheo no libro de Carlos Lema. Porén é que é así. Non sería axeitado navegar só os mares de dentro e esquecer o océano que nos rodea, esquecer a significancia das augas novas no contexto do actual abismo. E non queremos poñer fin a esta crónica sen ponderar a tradución, que a súa oportunidade xa tratamos, atenta do Carlos, igual que, retomando outro fío no nobelo, insistir no valor que o conxunto ten como presentación da escrita proustiana: se as palabras da análise introdutoria constitúen unha boda maneira de achegarse á obra de Marcel, os textos que o Carlos pon en galego complementan esa explicación ás mil marabillas. Velaí que non deixe de ser un auténtico espectáculo, nos Días de lecutura ou Journées, como a prosa poderosa de Proust nos vai introducindo nalgunhas das claves que despois atopamos conformando o seu universo literario ( tanto no contido como na forma), tales como a lectura ( soidade, emoción), a comida (comninatoria de sabores, sensacións, emocións), as visitas ( a frescura da novidade, o contacto con outras perspectivas), a decoración ( máis combinatoria, porén haina útil e supérflua), a pintura ( colores…), a arquitectura, a amizade…na procura da conquista da verdade, contra o esmagador paso do tempo e na ansia de lograr a pervivencia do espírito.

               O pequemo, ínfimo, abstracto, no concreto e grande continente.

 

 

ASDO: Xosé M. Eyré

 

 (Publicada orixinalmente no ANT. DIXITAL. Como é imposíbel o acceder a ela, dámoslle nova vida na Ferradura)

 

 

 

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.