ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

entre as orixe das cousas e a burramia de Feixó

Ao longo desta semana mantiven un fluído diálogo en forma de entrevista con Carlos Lema, quen tivo a infinita paciencia de responder as miñas preguntas. Será a entrevista coa que se inaugure unha nova sección desta Ferradura e aparecerá na semana que vén. Tanto foi así que logo de rematada aínda continuamos debatendo e un deses temas quero recollelo agora nesta anotación. Que é antes, a realidade, a continxencia, ou o xuízo, a palabra? Debo dicir que a miña argumentación non partía estritamente desde o ángulo filosófico, senón desde o lingüístico, desde a psicolinguística; mais se agora o recollo é porque se ve implicada directamente, moi directamente a creación (literaria ou non)

Vén sendo o seguinte. Existe o mundo antes que palabra? Hai quen opina que o mundo xa estaba aí cando os humanos comezaron a falar, e polo tanto a continxencia é anterior á palabra. Mesmo parece tese de difícil refutación. Mais a min no me acaba de convencer, non.

Porque, a ver, que pasa coa creación. Cando o domingo me poña a redactar a crítica da novela de Pemón Bouzas que estou lendo, xa estaba a crítica na novela? É máis, seguindo esa tese porque Pemón se puxo á tarefa de escribila se esta xa estaba escrita dalgún xeito? E haberá quen aventure que si, con tal de salvagardar tal tese. Porén digo eu que entón é unha tontería calquera actividade intelectual se todo está nalgo preexistente xa, para o caso das miñas críticas. Mais non me atrevo a tanto no caso da creación literaria. Manuel Antonio de onde copiou o De catro a catro, logo? Aducir que sempre desde o contexto se pode inferir a obra…non me convence tampouco, porque media unha operación lingüística: inferir.

Outro cantar é a orixe da burramia de Feixó, un tipo que se esforza moito en procurar que as súas palabras mitineiras leven implícito algún didactismo, algunha revelación que  confirme como o director da orquestra social, como o guía da manada, como o porteiro de discoteca que deixa entrar ou non á festa. Que é anterior, a burramia ou Feixó? A burramia, responderáse seguramente, moi seguramente. Aínda que, loxicamente non lle guste nada a Feixó, el ten que ser o primeirísimo, así que non é de estrañar que pretenda superar as históricas e continuadas mostras de incultura que exiben os gobernos do PP como marca da casa, marca PP.

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.