ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: Ninguén (Fran Alonso, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 27 Maio 2014 @ 6:14 p.m.

Chega a esta sección da Ferradura a novela de Fran Alonso Ninguén. Que vos preste. E non esquezades que, nesta arquitectura verbal entre o relato e a novela, se reclama a ficción como porta da realidade.

 VAI POR TI, NINGUÉN

Título:Ninguén

Autor: Fran Alonso

Editorial: Xerais

Dez anos despois do Males de cabeza, Fran Alonso regresa aos trinques cunha nova novela. Unha nova novela, non temos dúbidas á hora de adscribila xenericamente. A primeira vista, Ninguén, o que aí atopa son dez relatos entrefrebados con outros tantos hoax. E niso podería quedar, de non ser pola intención autorial de que non quede ancorada aí, de que trascenda fronteiras, de que o texto non sexa un fin senón un camiño, e de que o lector non asista impasíbel a un espectáculo verbal. De feito, fóxese conscientemente da escrita pirotécnica, dese tipo de escrita arroupada en tan ricaz ornamentación que ten o poder de te ancorar nela. Non. Ninguén opta por unha linguaxe clara, sen virtuosismos, opción que semella a maís sinxela mais non o é, nin moito menos, pois isto non significa igualar co memso raseiro cada un dos relatos ou apartados de que consta. Precisamente isto, dotar a cada un deles dunha atmosfera propia, de identidade, malia estaren cada un deles atravesados pola mesma espada, a da soidade, a da incomunicación, a do illamento. Queremos aclaralo, de inicio, porque non cousa na que o lector común doite fixarse e si representa un reto que non sempre os autores se senten capaces     de enfrontar (e Fran Alonso, por riba, lógrao)

                     Alén desa primixenia intención autorial, manifesta xa no mesmo título, pois debaixo dese indefinido o que o lector atopa son pecisamente personaxes, e que demanda, pois, unha lectura activa, unha lectura desde a cal o lector participe no texto, alén desa primixenia intención autorial, a armazón da novela descansa noutros dous piares: as personaxes e a estrututa. Mais antes de reclamalos como centro desta crónica libresca, é imprescindíbel aclarar que, de non aplicarmos esta  actitude lectora activa, reflexiva, participativa, estaremos desposuíndo o texto daquilo que máis o identifica. Non só é un discurso elaborado desde observación, desde a reflexión, senón que ademais pretende ser, é, a ponte que excite a reflexión do lector.

                     Se o lector vai cosendo os diferentes illamentos en que viven. O escritor que recibe e-correos dunha listaxe na que nunca se deu de alta; S Lonely, na súa tentativa de rachar a rutina tampouco foxe do illamento; Sara, á procura da tranquilidade; ou aquel ser vulgar que atopa nos peixes a meta da súa vida; ou aqueloutra que logra unha cita con alguén que coñeceu en internet; ou aquel, máis ousado, que, farto dos ruídos dos rapaces de arriba, en lugar de loitar contra eles únese á familia… Dicimos máis ousado porque el, polo menos, reacciona. Si, el reacciona mais logo chegará quen se lle queixe…Trátase diso, de que o lector reaccione, que se sinta identificado neste espello e iso o convulsione, lle sirva de reactivo, porque as personaxes,como vimos, están moi lonxe diso, queixándose, mesmo, de todo aquilo que interrompa o seu illamento, a súa monótona soidade.

                     Velaí, logo, que o volume se feche cun relato onde o autor reclama a ficción como porta da realidade. Despois de que ao longo da lectura nos fora insinuando a necesidade de non permanecer pasivos.Triste será que nós, persoas de carne e óso, fiquemos reducidos ao esquema de personaxes ficticias. En canto á estrutura, á arquitectura narrativa, o traballo foi moi intenso  até chegar á meditada delicadeza e complexidade finais. Meditada delicadeza, non é sinxelo conxugar  delicadeza e esixencia, por demais que hai que ter coidado cunha cousa: non vaia crer o lector que se lle vai pedir algo fóra dos límites da moralidade, sempre hai que ter en conta eses lectores que, á vista dun texto que pretende movelos a actuar, rexéitano en nome da súa liberdade. Por iso a esixencia é meditada, calculada, e materilizada con moita delicadeza. En canto á complexidade, esta xa nace da selección da natureza dos relatos a incluír como paretes do texto global. Finalmente decidiuse por estes dez casos, poderían ser outros dez e inclusive moitos máis, véxase o caso daquelas novelas río ( A Colmea, Manhatann transfer, por exemplo) que difícilmente se daban contido, estamos no século XXI e tense que notar, Fran Alonso xoga con outros recuros que non contemplaron nin Dos Passos nin Cela, algo do noso tempo: a epifanía, a insinuación. A cal lle permite ao autor meirande condensación sen renunciar a un máis amplo espectro semántico do proxecto narrativo. Nótese tamén a irrupción de internet entre a literatura e vida, unha mediación virtual que tampouco o ser humano aprendeu a utilizar para rachar o seu illamento, se cadra porque o territorio das tres www non dá máis de si, se cadra porque o ser humano xa non sabe dar máis de si. O certo é que nin no mundo urbano nin no rururbano, aquí presentes, a xente de decata o seu illamento, mesmo do seu auto-illamento. Porque só os mundos urbano e rururbano? Pois porque, quen máis e quen menos, por moi urbanita que sexa, pode contrastar coa sociedade rural, se alí, na aladea, con menos posibilidades relaccionais, ese illamento era tanta soidade ou menos e máis humano         .

                     Velaí o título destas liñas, escritas por un autor que aínda cre na xente, por un autor que sabe que literatura ten que ser algo máis que espectáculo verbal, que non reivindica o status de semi-deus tan de certos autores, senón que se sente parte dunha sociedade que anda camiños inapropiados.

                     Non queremos, porén, rematar estas liñas sen mentar a evolución que supón pasar do Males de cabeza a Ninguén. Daqueles delirios a estas estampas. Daquel diagnóstico (a  xente padece males de cabeza ) a esta conclusión ( a xente, moitos ninguén que se cren únicos). E, quen precisar meirande información sobre a interrelación desta nova novela de Fran Alonso co resto da súa obra…saiba que o propio autor a comenta nos postfacio.


ASDO: Xosé M. Eyré                                                                                                                       

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.