ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: O espírito do cabaleiro (Cornelia Funke)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 3 Xuño 2014 @ 6:35 p.m.

Hoxe recupermos unha novela de Cornelia Funke. O espírito do cabaleiro (Xerais), traducida por María Xesús Bello, é desas novelas que devoran os adolescentes e que tamén adoitan ser do gusto dos pais. Velaquí a crítica que no seu día publicamos en ANT-Dixital.

 

UNHA NOVELA PARA TODA A FAMILIA

Título: O espírito do cabaleiro

Autora: Cornelia Funke

Traduce: María Xesús Bello Rivas

Editorial: Xerais

Reaparece, logo do Reckless, carne de pedra, Cornelia Funke nos trinques das librarías, esta vez con O espírito do cabaleiro. Mais outra boa ocasión para gozar dunha novela para mozos e mozas que dá moito máis do que se agarda, sempre que non tomemos  o texto só como un ben de consumo inmediato senón como alimento no que regustarnos logo de inxerilo. E en tanto non chegan as sucesivas entregas que completen a pentaloxía que autora proxecta para un Jacob que xa se convertiu en personaxe fetiche. Porén esta O espírito do cabaleiro sería inxusto tela únicamente como ocasional recheo

                     O primeiro comentario que nos merece a nova novela ten que ver coa maneira en que Cornelia atopa as historias. Se no Reckless, antes de comezar a novela, xa se citaba “Historia atopada e contada por…”, o cal indica para a relación existente entre a historia fabulada e a realidade, nesta ocasión foi unha visita á cidade de Salisbury a que desencadeou a escrita da nova novela. E aínda que a novela igual fora escrita de todas maneiras, pesou moito o feito de poder ver o cadáver dunha rata atopada dentro dunha cabeza humana, a cabeza de William Longspee, medio irmán de Ricardo Corazón de León, fillo ilexítimo do rei Henry II. O animal morrera a causa da inxesta de arsénico…o cal reafirma a tese segundo a que Longspee tería morto asasinado.

                     Xa abondaría, non sería necesario recuncar máis, porén tampouco resistimos mentar o feito de que a autora procure modelos vivos, seres reais, a partir dos cales construír as personaxes, unha homenaxe a seres queridos e tamén outro vínculo entre o real e o imaxinario.

                     O coñecemento disto resulta trascendental. Trascendental sobre todo se temos en conta que, durante a lectura e descoñecendo ese dato, semella que estamos diante dun fantasioso discurso no que se mesturan espiritos e seres vivos, case coma se dun filme de animación se tratara. Sermos sabedores dese feito non modifica, en esencia, tal percepción, mais si lle dá unha nova dimensión á historia, lémola doutro xeito unha vez que coñecemos a súa vinculación coa realidade. Entón deixa de ser un curioso exemplo de mestura entre seres reais e espíritos, e o discurso convértese, adquire matices de reivindicación da Historia como un fluxo contínuo onde pasado e presente se funden, onde pasado e presente se contemplan e non como pólos opostos, onde as consecuencias dos nosos actos non se esgotan, non caducan. Se se quixer pode lerse tamén certo, e claro, aceno cara ás segundas oportuidades. Velaí que a nai de Jon e o pai de Ella ( os protagonistas centrais) teñen unha segunda oportunidade, igual que o mesmo Jon terá unha segunda oportunidade nun novo colexio, que cambiará  a súa maneira de entender as cousas, as cousas da vida, igual que o Longspee e a súa dona terán unha nova oportunidade de selar o seu amor para sempre. Diremos inclusive que tamén o lector que non coñeza a historia de amor entre Longspee a súa dona tamén terá a súa segunda oportuidade se non abandona a historia unha vez rematada a lectura.

                     Mais nesta historia, que tamén é a estrea de Cornelia Funke narrando desde a primeira persoa e onde se fabula como os seres reais e os ficticios poden axudarse mutuamente ( Lonspee, o espírito, axuda a Jon, faino madurar, e sen Jon Longspee seguría penando un amor frustrado, incompleto), non é únicamente unha historia masculina, non é unicamente unha historia de cabaleiros. Aínda que, certamente,  a historia relatada focaliza sobre todo actos masculinos ( Jon, Logspee) cómpre non esquecer que Ella de Salisbury, a esposa de Longspee tamén unha personalidade a reivindicar desde a perspectiva feminina ou feminista, foi a primeira gobernanta de Salisbury ( falamos do século XII), foi a primeira muller en procurar o amparo da Carta Magna e negouse a casar en segundas nupcias, mantendo, como unha nova Penélope, sempre fe en que o seu marido non estaba morto e había reaparecer.

                     Así pois,  alén dos típicos tópicos temáticos deste tipo de narrativa ( valor da amizade, primeiras experiencias amorosas, rupturas matrimoniais, rebeldía, fidelidade e fe, personaxes que non “encanixan” na sociedade), que tamén están presentes, xa que por moi tópicos que sexan tamén é ben complicado imaxinar unha adolescencia onde estean ausentes, e como vimos insistindo, esta historia non debe rematar coa derradeira palabra lida, senón tamén ser excusa para ampliar coñecementos. Porén non podemos finalizar esta crónica libresca sen dicir que Cornelia Funke sabe manter ao lector pegado ás páxinas, fundamentalmente desde unha estratexia narrativa que dispón clímax intermedios que non esgotan a trama senón que a relanzan. Nin tampouco esquecer mencionar as preciosas ilustracións de Friedrich Heckelmann que, mantendo sempre o ar de misterio, reafirman o que diciamos de que a novela case se le como un filme de animación e rescatan o moi ponderado uso que a autora fai da caricatura.


ASDO.: Xosé M. Eyré

 

                    

 

 

2 Comments

  1. Carlota Diaz:

    Eiré é un mediocre, falto de preparación e un iletrado. Oportunista!

  2. xmeyre:

    Moitas grazas polos ánimos…

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.