ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: Doce ( Mon G. Buhigas, Follas Novas)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 11 Xuño 2014 @ 9:10 p.m.

 

AMOR, AMOR, DÉBEDA DE AMOR

Título: Doce

Autor: Mon G. Buhigas

Editorial:  Follas Novas

De  todos os comportamentos humanos, ningún tan imprescindíbel na vida como aquel que (pesumibelmente) cremos nos garante un futuro exento de soidade, o meirande inimigo do ser humano.  Do amor falamos; tamén, o tema literario máis recorrente ao longo da historia letrada en calquera dos  xéneros, esas caixás de xastre, habilitados para mellor abranguer a súa inmensidade. Fedro, Platón, Ovidio, Dante, Quevo, Góngora, Novalis, Poe…a listaxe sería longa en exceso aínda que non contaramos nela Rosalía, Celso Emilio Ferreiro, Cunqueiro…aínda que non incluiramos os trobadores nin os autores actuais…a sabendas de que en tanta restrición quedan memorábeis textos literarios…Alguén dixo que, finalmente, a literatura era cousa de tres temas: amor, morte e muller. Que ben podería ficar en muller e morte ou amor e morte. Pois, logo, se un autor neste 2010 decide publicar un “novo” poemario de amor, a noticia non sería tanta. Se se ten en conta que entre tanta manifestación literaria tamén son abondosos aqueles casos onde os textos pouco exceden o sentimentalismo adolescente. Entón podemos ir enxergando a verdadeira transcencencia da novidade, que só calibraremos axeitadamente se non esquecemos que, entre tantos e tantos autores, tamén os houbo, e ben deles, que legaron títulos e textos maxistrais.

                     Certamente, o risco, non é pequeno.

                     Se ademais temos en conta que o imaxinario do novo poemario é constante, que varía pouco de poema a poema…Entón imos individualizando a lectura que hoxe nos ocupa.

                     Doce contén 48 poemas de amor, cheos de beizos, dedos, pálpebras, poros, pupilas, cabelos, paraísos, esperanza, peitos, sal, nomes, nubes, música, lúa, océano, memoria, ollos, devezos, luz, auga, verbas, soño, sorriso, voz, corpo, boca, bicos, ouro, arxila, noite e alba… Como é de agardar. Como é de agardar, en expresións dun amor total, absoluto, onde a voz poética se sente e recoñece en total submisión, en total submisión que nace de que o suxeito amado, ela, merece admiración rendida e toda decaración ou xustificación dese amor será pequena, mais, aínda nesa crenza, co que non sería paga é coa covardía do silencio. Debeda, velaí a auténtica palabra clave, débeda que se materializa en celebración, en cántico apaixonado que se vertebra en sinestesias, en metáforas, en epítetos, en bimembracións que asocian elementos de diversa condición en tentativa universalizante a través da palabra. Da palabra non forzada, da palabra en plenitude que non entende de fronteiras tal e como o suxeito poético, ela, induce un amor infinito e inabarcábel. Inabarcábel como a literatura. Máis. Que así mesmo ela, a amada, é identificada cun poema sen verbas, a quintaesencia da literatura, da beleza. E non só da beleza física senón tamén desoutra menos doada de atopar: a beleza interior, a beleza da alma, da intelixencia e da bondade…coa que se procura identificación, identificación que é unión. En calquera momento e circunstancia. In praesentia e in ausentia, pois inclusive non estando ela alí… o lugar fica impregando de arumes, de esencias e lembranzas dela. Non só tal é a maxia do suxeito amado, senón tamén tal é maxia perceptiva da voz poética.

                     Precisamente, xa que diso estamos a falar, a múltiple valencia da amada, esa maxia, repetimos, ou a capacidade para gardar as mellores calidades que adornar poden o ser humano (para gardar, e tamén para inducir, inspirar, contaxiar), é aspecto central do poemario. Logo dun poema (“Falo das sombras que amo”), con ecos de Celso Emilio, vén unha sucesión onde ela, a amada, é equiparada á literatura (sen palabras, como xa comentamos), á lingua e á solidariedade. Pois o amor, cando é verdadeiro, non coñece fronteiras e non pode deixar de manifestarse; igual que a admiración rendida da voz poética tampouco pode deixar de homenaxeala, á amada, e por medio dela ao amor, diante do cal todo o sombra, contemplación gozosa incondicional e fructífera, pois só ela, aínda que sexa só a súa lembranza, é quen de vencer, de derrotar por inútiles, o tempo e a morte, os dous meirandes inimigos do ser humano.

                     De tal xeito que o poemario, este Doce, sendo espello das ansias, desexos e devezos amatorios da voz poética, tamén o é, tamén é espello, e aínda en meirande proporción das calidades da amada, pois a súa exposición e recoñecemento sublimado, son quizá o verdadeiro obxectivo duns poemas que foxen do isosilabismo e da rima, suxeitándose unicamente á expresividade transida, inspirada, tenra, contemplativa, sensual e sensitiva. Unha viaxe  pola memoria da amada que acode á cita fiel dos versos, desde a reflexión, desde a pre-precepción, desde cada un dos poros de pel e, por supoposto, desde a paixón, a paixón rendida, admirativa e admirada.

 ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.