ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: A lei das ánimas

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 2 Setembro 2014 @ 1:48 p.m.

E, de paso que recuperamos literatura, a ver se tamén nós poñemo sun chanzo máis na recuperación.

Velaí vai a críitca  desta novela de Carlos G. Reigosa, aínda hoxe unha novela bastante lida nos centros escolares. Hai que ter en conta que hoxe poucas veces se transmite de pais a fillos a lenda da Santa Compaña, sobre todo nas cidades. De aí a súa oportunidade.

Continuamos, pois a recuperción das críticas impsíbeis de atopar despois da desaparición  de ANT-Dixital.

A NOVELA DA SANTA COMPAÑA
Título: A lei das ánimas
Autor: Carlos G. Reigosa
Editorial: Galaxia
O título desta crónica é tamén o subtítulo da novela, e unha das mellores formas se definir ou debuxar en poucas palabras o que é nova novela de Carlos G. Reigosa. En días nos cales no imaxinario, das historias de ficción, seres suprahumanos, como os vampiros, están aí amosando a necesidade de revisar os conceptos de humanidade, do ben e do mal, o inferno e o ceo, a bondade (dun deus que a miúdo anda moi despistado) e a bondade, que os galegos resumimos tan ben nese dito: “Deus será bon, mais o demo non é malo”. No imaxinario dese interregno, a cultura galega posúe personaxes ( digámolo así, malia sabermos todos que este tipo de personaxes son comúns ás diversas culturas) cun carimbo de galeguidade a ter en conta. Unha desas personaxes, colectiva, neste caso, é a Santa Compaña, unha Santa Compaña que, por certo, non contempla frrecuencia salientábel no conxunto ficcional nosas letras. De xeito que a novela de Carlos G. Reigosa chega coa bendición das sinerxias establecidas na tirapuxa entre as diferentes correntes temáticas actuantes. Alén de convidar a reflexionar sobre o coidado da tradición oral, unha tradición da que, nos tempos que vivimos, a Santa Compaña xa desapereceu case por completo para moitos escolares. O cal é manifestamente inxusto, nesta terra tan rica en tradicións relativas a este mundo de entremundos. Circunstancia para a cal a novela dispón un roteiro moi suxestivo pola bisbarra norte da provincia de Lugo. Un roteiro que, se desde a perspectiva xeográfica só cabe cualificar como espectacular ( nada menos que comeza na praia da Augas Santas, máis coñecida como das Catedrais), non o é menos en canto ao contido antropolóxio e histórico e sae ao camiño en cada pedra, en cada cume, en cada árbore entre Foz e Mondoñedo. Co engadido de que en Mondoñedo, os escolares poden visitar e coñecer a figura singular de Manolo Montero, ese Merlín que Cunqueiro tratou e que tamén é personaxe desta novela. Dunha novela que, alías, integra unha serie de datos culturais pouco coñecidos e deses que resultan atraentes aos máis novos, que están habituados a iso de que Ourense derive dunha Auria que á súa vez recibía ese nome polo ouro. Nivardo Castro e Carlos Conde reaparecen outravolta nesta A lei das ánimas, e son precisamente eles os voceiros preferentes deste tipo de “curiosidades”.
Ese é o seu papel na novela, que non tanto o investigador, ademais de salientareno carácter de Agapito Landín, que é quen de verdade levará todo o relativo á investigación pola morte e violación (nesta orde) de Melba e do presumíbel asasinato do seu marido Xoán Mondriz. Atopar os culpábeis (son tres) da violación e asasinato, así como a desaparición do cadáver do marido, polas vías habituais dos corpos de segruranza, é a tarefa da Agapito, quen tempo atrás estivera fondamente namorado de Melba e que non é nada dado a explicación paranormais, ese tipo de explicacións que insinúan axentes ás súas ordes e que habitan en moita da xente coa que se vai topando. Máis outra vez, Nivardo e Carlos son bos presentadores deses tipos humanos que, confidencia tras confidencia, van enchedo de contido as figuras de Melba e Xoán, nunha caracterización indirecta hábil e pertinente que ten como resultado unha bonita historia de amor. Porén, o protagonismo non pode ser outro que para a Santa Compaña, un ser colectivo e sobrenatural, fronteirizo entre o mundo dos vivos e dos mortos, que non tolera os maltratos aos cadáveres, e que vai ser o axente definitivo da xustiza, nunha carreira na que Agapito pouco poderá facer máis que agardar a resolución dun caso para o que se prestou voluntario e que lle está a romper a cabeza. Mención especial merece a delicada construción desta personaxe da Santa Compaña, así como a transición entre a novela policial e a novela de terror, creando un espazo propio que tanto pode decantar dun lado como do outro e se vai adonando da narración igual que a néboa se pecha sobre os tres mozos, por moito que queiran fuxir dela hai cousas das que un non dá zafado e se van metendo, pouco a pouco, nun.
Á par disto, non se pode deixar de mencionar a ben estudada dosificación da intriga. Coa entrada en escea de Nivardo e Carlos, a investigación de Agapito non adianta, mais ese dúo presta voz e oportunidade ao anuncio, á suxestión, dun desenlace cuxa precipitación non por agardada deixa de sorprender senón todo o contrario, aínda sae reforzada. O resultado, como non podía ser doutra maneira, é unha novela que se le con agrado e que custa deixar. O cal é así malia descoidos como as varias “luceitas” que no texto se atopan, ou inclusive a pesar dunha aceptación problemática que nos pode facer torcer un chsico os beizos. Non resulta doado asumir, aceptar, que un corpo perda tanto sangue mentes cae, nese breve espazo de tempo, como sucede na novela. A carón diso, que a Santa Compaña o recolla con tanta celeridade, non representa tanto problema pois, debido á súa propia natureza, non nos imos deter na pequenez de cuestionalo. Hai que telo en conta, si, racha a verosimilitude. Porén, a novela é moito máis que ese detalle, moito máis.

 

 

ASD: Xosé M. Eyré

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.