ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

como homenaxe a Begoña Caamaño

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 28 Outubro 2014 @ 9:22 p.m.

Noutras ocasións recorremos a títulos ao azar, pubicados xa hai tempo. Hoxe, logo do pasamento de Begoña Caamaño, o corazón e o cerebro xúntanse a pedirme que recuper as críticas ás súas dúas novelas. Qu eserán quen a partir de agora falen por ela, por Begoña, unha muller coas cousas ben claras e a fabilidade na voz. Van.

O VALOR DA VOZ FEMININA
Título: Circe ou o pracer do azul
Autora: Begoña Caamaño
Editorial: Galaxia.
Antes de que César Augusto decidira o do seu desterro, Publio Ovidio Nasón escribiu un mangado de poemas que hoxe se coñecen como As heroidas, repletos de fina sensibilidade, nos cales recuperaba voces femininas ( da mitoloxía e da literatura) que as fontes orixinais e a tradición tiñan completamente marxinadas, esquecidas, na obsesión por perpetuar a supremacía masculina da herdanza e da pose. De pouco serviu, case só para que cronistas na nosa situación o lembren e se marabillen dese suxestivo, oportuno e valente poemario. Pois hoxe, xa ben encetado o s. XXI, a recuperación da voz feminina aínda non é tarefa rematada, como ben se sabe, pois velaí, entre outras moitas testemuñas, esta a novela que hoxe comentamos de Begoña Caamaño. Unha novela, Circe ou o pracer do azul, que conta co atractivo de ser unha outra versión ou a versión non contada dun dos principais mitos da cultura europea: o de Penélope e Ulises. Para o cal recupera a voz esquecida de Penélope, apenas presente no primeiro canto homérico e nos do remate, aquela Penélope paciente e submisa. E a Circe, a feiticeira cruel. Recupéraas, éncheas de vida e redimensiona por completo a maneira de entender tanto as súas vida como a famosa estratexia que lle valeu a Penélope para non comprometerse con ningún dos pretendentes. Tal como se Begoña Caamaño decidira poñer en novela a quel proxecto do de Sulmona, centrando a narración no triángulo Penélope-Ulises-Circe.
Un primeiro mérito de Begoña Caamaño radica precisamente en que soubo botar man de personaxes por outros creadas, esratexia que non é tan doado levar a cabo como parece, sen que esas personaxes non sen resintan senón que observen unha credibilidade moi salientábel. No proceso de coller personaxes xa existentes e reinterpretalos son moitos os riscos que se corren, sendo un dos principais o feito de que xa non se recoñezan as personaxes orixinais nas agora re-creadas. As tres personaxes protagonistas son perfectamente recoñecíbeis no seu novo corpo dimensional, o cal permite acentuar debidamente a lectura no latricino histórico das súas voces. Máis, non só no seu caso, senón que o mesmo sucede coas personaxes (das historias) intermedias; velaí que os demais, alén dos Ulises, Circe e Penélope centrais, falamos das Medea, Helena, Clitemnestra, Andrómaca, Laertes, Xasón, Agamenón ( que nos chegan nas voces de Circe e/ou Penélope)… tamén o son, tanto ou máis que na propia versión homérica. Logrando dous efectos. Primeiramente, a credibilidade desas historias intermedias obra que a tese da novela non fique pechada as 309 páxinas . E, en segundo lugar, ben se pode dicir que, esta novela de Begoña Caamaño, resulta un complemento imprescindíbel á obra de Homero para quen queira ter unha visión que se achegue ao total do mundo destas personaxes, unha visión que integre o que foron e o que puideron ser e non se contou.
A relación epistolar mantida entre Circe e Penélope, o encontro dialéctico entre unha deusa e unha muller mortal ambas e dúas, a primeira vista, interesadas no mesmo home, columna vertebral da novela, está espectacularmente resolto, producíndose unha tirapuxa e achegamento que finalmente se sabe resolver con aproveitamento para ambas e para unha novela que vive fundamentalmente diso, si, mais na que se soubo crear un discurso en terceira persoa, integrador, que non é nin moito menos anecdótico en canto á relevancia do seu contido na trama novelesca. E marcan, as epístolas, obviamente, o ritmo de lectura da novela, un ritmo pausado como corresponde a un discurso que quere ser de novela histórica, como piden as personaxes e o tempo en que viven e se desenvolven.. Mais onde se feixeron algunhas cuestionábeis concesións “ao século”, dando entrada a un vocabulario que por veces se presenta como problemático e transloce unha figura narratatorial actual e non do tempo da narración, comezando, se se quer, xa pola mesma palabra “cartas”.
Fóra diso, esta reescritura do mito que propón Begoña Caamaño, constitúe unha necesaria actualización que multiplica a súa utilidade, agora xa non é só vestixio histórico senón que esta reinterpretación permite a súa lectura como plataforma tamén dunha problemática actual, asegurándolle, se se quer, máis vida á creación orixinal referente. Que se manifesta por riba doutros discursos que no rescate da voz feminina derivan nunha perspectiva antimasculina maniquea que contrasta ( de vellos que son estes prexuízos ) coa anovación temática que supoñen. Esa sensación final que se resume na pregunta “ para que vale o xénero másculino?” non desaparece totalmente, mais está integrada nunha novela máis ambiciosa, unha novela que cuestiona de maneira intelixente as relacións intersexuais e os seus valores sociais. E velaí que a achega desta novela, ao nicho específico da literatura reivindicadora da voz femina, debe ser salientada neste senso, que, se por riba ese nicho é unha das novidades do panorama actual das letras, pois mel nas filloas e a ler.
Boas novas, para Homero, porque agora as súas Circe e Penélope gozan dunha consitencia e actualidade que antes non tiñan, e sen que os Ulises/Odiseo se viran para nada alterados. Boas novas, para Ovidio, porque aquel vello proxecto ten aquí unha salientábel resposta en prosa, tantos séculos despois seguimos avanzando. Boas novas, para a literatura feminista, pois a cada día que pasa os seus discursos son menos maniqueos, máis elaborados. Boas novas, en fin, para a literatura de nós, non esquezamos que debuta unha autora con madeira de boa narradora.

 ASDO.: Xosé M. Eyré

——————————————————————————————

AS RAZÓNS DA POLÉMICA
Título: Morgana en Esmelle
Autora: Begoña Caamaño
Editorial: Galaxia
Logo de Circe ou o pracer do azul (Galaxia, 2009), regresa ao trinques Begoña Caamaño, con outra reiterpretación mitolóxica, desta volta centrada no mundo artúrico. Reescribíndoo e reinterpretándoo en clave feminina. De xeito que a autora acha, nesta complementariedade á visión masculina que a tradición transmite, un lugar identitario propio e ben defindo dentro do panorama das nosas letras, onde con cada entrega afianza a súa voz. Mais non é, adiantamos, aquí onde a polémica se expresa. Non o é porque desta vez sóubose fuxir moi ben daquel maniqueísmo antimasculino que tinguía as impresións lectoras despois de pasar as páxinas da anterior novela. Non o é, e precisamente niso áchase un primeiro logro moi a ter en conta, pois Morgana en Esmelle lese con moita naturalidade, sen precisarmos ningún condicionante incial e regulador.
E non é só o feito de se ler con naturalidade o que mantén o lector ( sobre todo, o lector; porque, en principio, as mulleres deberían sentirse xa atraídas por este tipo de lecturas), senón que se souberon aproveitar outros subtemas que constitúen focos de interese nada anecdótico. Se xa en si é un logro unha trama onde a ruína de Ávalon e a caída de Camelot teñen lugar porque non se soubo ter en conta a opinión da muller ( nin a de Viviana, muller sabia e de ideas opostas ás de Merlín, nin a de Xenebra, que casa con Artur non porque o ame senón por deber), senón que ademais se asiste a un atraente debate entre a democratización do saber ( que represnta Viviana) fronte ao elitismo ( de Artur), que á súa vez se conecta e esgalla perfectamente noutro a redor da relixión como fin ou como instrumento ( xa que Artur abraza un cristianismo escurantista como remedio aos males do pobo celta), e permite un duelo dialéctico entre Viviana e Artur ( dúas personaxes sabias) ben logrado e que non era nin moito menos doado.
Morgana en Esmelle presenta un discurso moi traballado, xa que se souberon seleccionar os instantes precisos (entre a amplitude que ofrece o mundo artúrico) de xeito que se pode seguir perfectamente a trama incardinándoa na historia legada pola tradición…e ese seguimento ilumina a propia tradición. A estrutura está moi traballada e ao servizo dunha exposición temática atraente, a que soporta unha trama intelixentemente argallada e na que se moven personaxes ben configuradase rexas. Mais hai xa aquí algo do que agroma a primeira polémica, unha primeira polémica que para nada desdebuxa a novela de Begoña Caamaño senón debe provocar na sociedade unha fonda reflexión. Non cabe dúbida de que se trata de lectura de primeiro interese sobre todo para mozos e mozas, porén, se mozos e mozas teñen como naturais as actitudes das personaxes, porque para eles e elas, xa nados nunha sociedade onde as reivindivindicacións femininas está asumidas e integradas na sociedade, non son novidade…entón é que algo se fixo mal e non é precisamente na novela onde está ese mal…Aínda que haxa cousas mal na novela, esta non é ningunha delas.
Porque as hai, máis concesións ao século, e, en si, a segunda grande polémica. Ás veces residen residen no uso da linguaxe ( non é doado imaxinar unha personaxe celta usando o arabismo “adaíl”- sobre todo porque lendo asístese aun descoñecemento lóxico da cultura árabe- ou terminiloxía como “sinónimos”, nin le damos atopado razón convincente ao uso de “sandábel” como sinónimo de “sandador” ou “salutífero”, páxinas 50, 57, 71). Outras veces poden parecer lóxicas, xa que a concepción da muller é unha concepción actual, aínda que podían ser evitábeis, como o feito de que cabalguen ( e soas ), que conviden os homes a bailar, ou que teñan necesidade de se asear (páxinas 39, 161, 41), cando o concepto, e necesidade, de aseo son moitísimo máis modernos, só desde o XIX, como moi cedo, e XX se podenentender, cando nin aínda non anos 80 do pasado século era frecuente que unha muller convidar a bailar a un home…
Tendo en conta que, como dixemos, esta novela histórica proxecta unha fonte luminosa sobre a tradición, que a complementa e explica e que é unha lectura necesaria e que do resto está ben construída ( malia algúns descoidos no ritmo, no estilo), o crítico, o lector non pode deixar de lamentar eses descoidos nunha novela que non carece de interese senón todo o contrario.
ASDO.: Xosé M. Eyré

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.