ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: Asasinato no Consello Nacional

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 15 Xaneiro 2015 @ 7:42 p.m.

CRIME PARA O DECTIVE MÍSTICO
Título: Asasinato no Consello Nacional
Autor: Diego Ameixeiras
Editorial: Xerais
O nacionalismo é un dos temas pouco frecuentados na literatura galega. Aqueles que acusan a nosa literatura de dogmatismo, de estar ao servizo do ideario nacionalista e de serlle debedora, fano a conta de, interesadamente, non repararen neste indicio. Tanto, até poder dicir que a novela de Diego Ameixeiras se escribe desde a conciencia do exotismo dun motivo temático que o vai sendo menos. Sobre todo desde A perspectiva desde a porta ( Patricia A. Janeiro, Positivas) e Xelamonite (Luís Paradelo, Galaxia), inseríndose así, a novela de Diego Ameixeiras, nunha corrente vivificadora na que poucas voces se achan aliás as mencionada e Méndez Ferrín ( Retorno a Tagen Ata ) ou Darío Xoán Cabana ( O cervo na torre ).
Isto, e o referente claro, clarísimo, e non negado senón todo o contraio, de Vázquez Montalbán ( Asesinato en el Comité Central, 1981) son o primeiro que hai que ter en conta antes de entrar de cheo na análise doque en si é a novela. Antes de entrar de cheo no que é unha novela que sería desexábel fora aceptada e celebrada pola clase política galega, especialmente pola clase política nacionalista, con deportividade e sen maximalismo, facendo gala da tolerancia que achan de menos noutros partidos, nomeadamente o Partido Popular. Sería desexábel que non tivera que agardar 25 anos para ser recoñecida entre os membros da clase política que a protagoniza. Se entón eran a fronte antieuro e o eurocomunismo dous dos conflitos escritos na axenda política, Diego Ameixeiras escolle o momento posterior a que o bipartito perdera o goberno para situar cronoloxicamente unha intriga política e detectivesca na que non resulta complexo establecer as correspondencias, os trasuntos, das personaxes ficticias. Velaí temos a Xelmírez (en quen é posíbel ver a Paco Rodríguez), a Quiroga ( en quen se recoñece Quintana), a Balboa ( personaxe secundaria que emula a Baltar), a Balseiro (Beiras) e Amoedo (Aymerich). A novela non é, nin quere ser, crónica da realidade, senón que constitúe unha escisión ficticia dun acontecemento prendido no almanaque dun devir aínda moi recente. O cal non debería ser impedimento para que o recoñecemento antes mentado sexa posíbel. Outra cousa é que os medios de comunicación galegos lles brinden oportunidades para manifestalo, esquecendo o silencio interesado en que manteñen todo o que teña que ver coa literatura (cultura) galega. Pode que os políticos galegos estean á áltura ( saberémolo?), e quen non estea sexa a prensa.
O relevo do, coñecido xa, Horacio Dopico tómao Alberte Cudeiro, detective moi dado á filosofía oriental, ao misticismo, aspecto que o individualiza fortemente, conferíndolle un tipo de personalidade pouco frecuentada, e a quen lle senta do máis natural a retanca galega. Unha personaxe secundaria (Sara, estudante) ten a mision de salientar esta faciana dun Alberte Cudeiro que non deixa de ser outra persoa que andou pola vida dando golpes de cego a muíños de vento enormes, e remata como detective privado que sobre todo leva asuntos relativos a infidelidades e/ou esatafas a aseguradoras. De súpeto, Cudeiro é contratado polo BNG para esclarecer o asasinato de Dacosta cando, xusto á saída do Consello Nacional onde Quiroga e o seu equipo dimitiran, este é asasinado. A partir de aí desencadéase unha trama onde Diego Amexieras soubo entremesturar convincentemente, nun único prisma narrativio, a cara da ficción detectivesca, a propia da política ficción, unha nada desprezábel análise social baseda non só en comentarios ( de narrador ou de personaxes) senón tamén nunha galería de personaxes, complexa e completa, que lle permite fuxir de calquera sospeita de maniquea á vez que lle dá á novela unha agradábel dimensión de universo complexo mentres o xirar dunha cara a outra lle permite manter a intriga.
Asasinato no Consello Nacional é iso, a intriga creada e unhas personaxes críbeis nos seus trasuntos ( tampouco se afonda moito , alén do das relacións coñecidas) estando o resto ben configuradas e axudando a manter o lector atento páxina tras páxina. É o que pretende e é o que é, pois pouco ou nada vai atopar quen nela queira ler un plano da expresión potenciado. Case nada agás elevadas doses de ironía, esa ironía ocorrente e retranqueira que pinta sorrisos nos labios lectores. Excesivamente xenerosas doses de irónica retranca, dicimos excesivas porque este feito contribúe a igualar as personaxes e aquí non son poucas as que botan man deste recurso. Nunha novela durante a lectura da cal nos esforzamos en diferenciar/asimilar as personaxes antes vistas cos seus trasuntos, non semella demasiado aconsellábel. Mais o feito de a novela non ser curta (366 páxinas) proporciónalle ao lector tempo suficiente para a familiarización.
Asasinato no Consello Nacional é unha proposta lectora que satisfará aos amantes do xénero detectivesco e negro, e non defraudará tampouco os que a escollan atraídos pola faciana política. Diego Ameixeiras soubo crearlle personaxes complexas e críbeis, coa dificultade que á proposta lle é implícita, a medio camiño ( nunca mellor dito) entre a realidad e a ficción mais sendo inequivocamente ficción, personaxes que lle permiten bosquexar atmosferas notábeis malia o factor igualatorio que é o abuso da ironía retanqueira.
ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.