ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: ” A arte do fracaso” (Berta Dávila, Barbantesa)

Filed under: CRÓNICA DA CRÍTICA,POLÍTICA, SOCIEDADE, CULTURA — 24 Febreiro 2015 @ 9:49 p.m.

Título: A arte do fracaso
Autora: Berta Dávila
Editorial: Barbantesa
Sendo a literatura arte que constrúe mediante palabras, non é o fracaso un dos temas que, explícitamente, mais se teñan tratado, aínda sendo esta unha das sensacións/experiencias que máis nos preocupan, incomodam e caracterizan como humanos. Dicimos explíctamente, pois, en definitiva, nunca deixou de estar presente, como non podía ser menos. A narrativa de Xosé C. Caneiro, por exemplo e proximidade, adoita narrar fracasos. Do mesmo xeito que Alonso Quijano era un tolo fracasado. Kafka, foi outro que o reflectiu; e o mesmo Otero Pedraio ou a Nova Narrativa Galega ou Samuel Beckett…se nos poñemos a pensar acoden á mente moitos máis casos.
E, malia empatizar moito mellor do, en principio, agardado, segue sendo infrecuente a invocación do fracaso xa desde o título, e menos aínda adxectivado de arte, como nesta ocasión de Berta Dávila.
Baixo esta invocaión dupla, arte e fracaso, aparecen recollidos 32 textos repartidos en dúas seccións: “Do escritor e outros enfermos crónicos” e “Sintomatoloxía”. Un tanto á lixeira, segundo se le no “Nomprólogo” ( ou “Nonepílogo”) de César Candelas, “ O das dúas partes non vén a nada” (16), porque en realidade o volume constitúe unha excelente oportunidade para estudar as fronteiras entre a narrativa convencional e a Narrativa Mínima ou Hiperbrevidade. O criterio empregado para o reparto dos textos nunha parte ou noutra non se agacha ao lector, trátase da extensión. Que en si non é un criterio libre de implicacións que teñan que ver coa literariedade dos textos, máis ben todo o contrario, como lembra a teoría crítica relativa ás Hiperbrevidades ou Literatura Mínima.
“As mellores familias”, relato que conta cunha extensión de pouco máis de dúas páxinas, resulta un exemplo paradigmático, pois comeza facendo un uso da palabra (totalizador,categoremático) propio da Literatura Mínima, mais pouco a apouco ese uso vaise diluindo deica rematar sendo puramente convencional (achegado ao particularismo da acción ou da personaxe). Devido a esta característica fronteiriza, velaí que nós lles chamenos relatos-conto.
Os da primeira parte son textos que adoitan comezar da man individualizadora da personaxe, mais rematan aludindo á dimensión categorial. Dun xeito máis ou menos decidido, convencido, ou casual, é aí onde se atopa a forza climática, na redimensión do cotián. Do resto, trátase de de textos nos que os protagonistas teñen algunha relación co mundo da escrita (profesional ou devocional), de quen se narra algún fracaso. Que nunca son fracasos definitivos. O que é de salientar, senón outro fracaso máis, interpreta o lector que se trata de outro fracaso no camiño e que non impide erguerse e seguir camiñando. Expostos ou tinxidos pola perspectiva feminina que domina os relatos, noticiábel porque é a fonte da que manan as pingas líricas que caracterizan os relatos que fan que esta lectura cobre interese e se singularice a ollos do lector por riba variedade anecdótica relatada.
Na segunda parte lense relatos menos extensos, polo xeral, xa que se na primeira parte se coaran algúns de pouca extensión…aquí vai suceder case outro tanto sen que iso desdiga a tendencia xeral anunciada. Trátase de relatos que están a piques de seren Hiperbrevidades ou Literatura Mínima, ou que o son decidamente, a maioría. Case sempre microcontos, aínda que algúns sexan fronteirizos entre o microconto e o microrrelato ( segundo esta máis ou menos explícita a historia relatada). E é onde mellor loce a escrita de Berta Dávila, pois Hiperebrevidade non tolera o mínimo desmán ou descoido na pulcritude da escrita, quedando agora máis puída que noe relatos da primeira sección.
Estes microcontos son o mellor do libro (a noso xuíxo e sen que isto demereza os anteriores textos) e tamén a razón de que moitos lectores fiquen desconcertados mentres outros beben con ansia toda poesía a que recenden. Nesta altura, que este tipo de prosa agacha moita poesía xa non é un segredo, nin tampouco que aínda son moito os lectores que non saben reaccionar lendo literatura así.
Deamos tamén a benvida a unha nova editorial, Barbantesa, entre Sevilla e Cangas a turrar pola difusión do libro galego e das novas voces literarias

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.