ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: Dragal & A cripta do Apóstolo

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 5 Marzo 2015 @ 7:32 p.m.

Hoxe toca recuperar estas dúas lecturas para moz@s, de Elena Gallego e Pere Tobaruela, que aínda seguen a deparar boas sesións de lectura entre os adolescentes:

Títulos: Dragal / A cripta do apóstolo
Autores: Elena Gallego Abad / Pere Tobaruela
Editorial: Xerais
Seleccionamos hoxe estas dúas lecturas porque nunca cómpre perder a pista do xénero que máis dinamismo imprime á literatura; tamén porque, reflectindo temáticas moi á moda (sobre todo a primeira, mais circunstancialmente tamén a segunda) permiten comprobar até que punto operan ( e codicionan ) as fronteiras xenéricas; porque comparten ambientación relixiosa; e porque tamén comparten remate pouco climático.
A novela de Elena Gallego, finalista do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, rescata para a literatura galega unha figura, unha personaxe que non adoita ser das máis frecuentes malia gozar dunha popularidade ben grande: o dragón, na Galiza. Á vez que recolle temas relativos a valores que adoitan ser considerados moi oportunos nesta caste de narracións. Velaí a soidade, ou a integración e marxinaxión, a amizade, a carón da colaboración e as primeiras experiencias amorosas. Inseridos no clima de misterio que reclaman tanto os lectores destas idades. Hadrián chega a un pobo galego, é novo no instituto, marxinado por raro, igual que Mónica, a chapona. Ambos terán que enfrontarse non só a Brais e a súa cuadrilla de abusóns, senón a un misterio que os irá envolvendo pouco a pouco até mergullalos nunha aventura de proporcións incríbeis.
E se antes mencionamos aspectos compartidos por ambas novelas, fica aínda un: o elexido. Neste caso, Hadrián, herda, mais terá que descubrilo, do seu pai, morto en pouco claras circnunstancias, esa característica, que o fai depositario dun segredo agochado desde tempos inmemoriais. Polo medio, unha igrexa cunha representación dun dragón, unhas catacumbas, unha peculiar poza e a orde de Dragal. A metamorfose Hadrián-Dragal está francamente ben resolta e a dosificación da trama tamén. En realidade só ten dúas pexas. Unha primeira, para nós é a menos importante, que toda a novela é un punto de inicio, e polo tanto o remate non é todo o climático que estes lectores adoitan agardar. E, en segundo lugar, a novela nótase en exceso que está contada para un lectorado de quen non se agarda valoración estética senón temática. En si é un erro moi grave, porque o texto chégalles tan mascado que só lles queda a ancoraxe temática, unha ancoraxe que tampouco os vai encher ao ter ese remate aberto. Por outra banda hai que dicir tamén que a novela xerou as suficientes expectativas como para que esteamos agardando pola continuación xa, que sería ideal cunha exposición máis ambiciosa, unha que non rexeitara ningún tipo de lector, inclusive adulto, pois non por iso vai perder lectores entre os máis novos senón que redimensiona o mesmo misterio central facéndoo máis atraente.
Como Hadrián, na de Elena Gallego Abad, agora, n´A cripta do do apóstolo do barcelonés (xa radicado entre nós ) Pere Tobaruela tamén hai un elexido, e tamén ese feito ameaza con cambiar a súa vida. Nesta segunda novela ( a versión galega é responsabilidade de Rosa Boullón) a vontade de cooperar na formación en valores dos máis novos tamén é patente. Por exemplo, e xa de inicio, porque quere ser e é ponte que achegue informacións sobre o Camiño de Santiago, información máis pertinentes para lectores non galegos, mais que tampouco están de máis para os galegos e están plenamente xustificadas ou esixidas pola propia trama novelesca. Un grupo de alumnos cataláns disponse a facer unha excursión seguindo o Camiño de Santiago, acompañados de profesoras e monitores. Un dos monitores, máis vello cós demais, cunha sospeitosa cicatriz na cara. Un dos alumnos, pola súa banda, é o elexido e el nin o sabe nin semella nada dado a colaborar. A trama avanza, así, de etapa en etapa, e con ela o coñecemento/desvelamento das personaxes e os misterios que con elas levan. Xacobe, Paula, Jaume e Candela teñen por diante 16 días para coñecerse mellor, resolver varios misteriosos anagramas, loitar contra as bochas nos pés, atender explicacións históricas, rappear, rir co padre Francisco, namorarse e evitar a grande hecatombe final que ameaza. Unha trama ben dosificada, que alterna momentos dramáticos, humorísticos, (in)formativos, sentimentais…creando un clima variado onde o lector poida atopar diferentes ancoraxes que lle reteñan o libro nas mans.
Coma na novela de Elena Gallego Abad, nesta de Pere Toubaruela bótase de menos un chisco máis de ambición, non conformarse tan doadamente e abrir a trama decididamente ao lector adulto, profundizando nas implicacións que os temas teñen na vida tanto de lectores como de personal, non reducindo tanto a conformación psicolóxica das personaxes a estándares adolescentes que son hoxe igual que hai vinte anos. Por exemplo. De xeito que o tema e a trama se vexan redimensionadados e así atrapen o lector, calquera lector, adulto e mozo, ao sentiren o tema, a trama, as personaxes, a novela, como unha atmosfera que os succiona, que os interesa canto máis dentro están e canto máis dentro están menos claro ven o desenlace.
Máis ca nunca, hoxe, o lector desas idades sente paixón por estirar a man na procura de alcanzar algo que se lle nega. É a maneira de medrar.

ASDO.: Xosé M. Eyré.

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.