ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: ” Rúa da cancela” ( Eli Ríos & Eduardo Estévez, Caldeirón)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 26 Marzo 2015 @ 7:40 p.m.

CONTACTO QUENTE NA POESÍA
Título: Rúa da cancela
Autores: Eli Ríos & Eduardo Estévez
Editorial: Caldeirón
Se e narrativa erótica non é precisamente frecuente fóra do premio que convoca Positivas, outro tanto cabe dicir da poesía erótica fóra do premio Illas Sisargas. Malia que difícilmente de poden concebir poesía ou narrativa exentas de erotismo. E tampouco a escrita a dúas mans é máis afortunada. Ante a lectura deste poemario ( precisamente vencedor no IV Illas Sisargas ) non podemos senón lembrar aquel Entre dous (Baía, 1996) de Paulino Pereiro e Vitoria Salgado. Como non puidemos comezar esta crónica letresca sen aludir á dificultade que representa o reto, o que en si xa é un aliciente á hora encetar a lectura.
O poemario está formado pola sucesión de dúas voces poéticas que van alternando. Pretender identificar calquera das dúas cos nomes dos dous autores, cremos que é querer ir tan alá que non leva a ningures. O único certo e innegábel é que esas dúas voces corresponden a g e l, e que non se pode continuar sen deternos a unha mínima reflexión sobre o pouco, sobre o pouquísimo que os bípedos humanos ( endeusados, hipócritas e soberbios ) representamos debaixo da bóveda celeste. Por algo, cando a pulsión erótica se consume, o poemario non deixará, non abandonará nunca a carnalidade, fuxindo do enlevo transubstancial a que tantas veces é proclive este tipo de poesía. Un enlevo transubstancial, ese tocar a divinidade, por outra banda moi curioso pois significa que os humanos cando máis deuses somos é cando nos damos a un acto inequívocamente animal…
Esa sucesión alternante de voces está altamente harmonizada, tanto é así que se recorre ao efecto de darlles formas diferentes para que non haxa posíbel confusión. Unha manifesta na verticalidade e outra na horizontalidade. Unha ergueita, mais que hai que descendela, e outra deitada, que percorremos coa ollada na lectura. Evidentemente, como era de agardar, chegará un momento no que ambas liñas conformen cruzamento danzando unha riba da outra. O cal tamén supón, e é novidade moi a salientar nun libro de poemas, que o poemario está dotado de clímax, está disposto de tal maneira que este chegará, tanto para g e l como para o lector, coincidindo co remate. Trazo propio da narrativa que tamén incorpora esta crónica poética dun encontró erótico.
Porén, obviamente, o poematio-crónica remataría moito antes se só fora crónica dese encontró amatorio. Antes, desde a cita nun local expendedor de bebidas alcólicas, dispóñense outros encontros, outras ocasións para que o desexo se confirme e medre e se relance ávido de consumación. Ocasións para o amiudar e engrandecer, ocasións para o xogo ratificador do devezo, para a anticipación do goce de recibir e dar. Na Praia, onde sexa é o de menos mentres ti esteas na frontera dos meus ollos. Na miña/túa única fronteira. Para a confirmación do ton dun poemario que foxe do sublime e se refuxia no cotián, entre o cotián. Iso é o transcendente, que non se trata senón do acto máis gratificante que o cotián depara.
A estrutura narrativa responde, obviamente, á intención autorial e resulta moi útil nun poemario destas características, un poemario que non pretende atraer o lector desde unha forma poética que prime as grandes metáforas, a figuración sensíbel non pode estar ausente mais non é esa a finalidade aquí. O poemario non se fai para a contemplación gozosa, ou, primordialmente, non só para iso porque dese xeito perdería a parte máis substancial do seu contido. E cal é ese contido imprescindíbel? Pois, como en toda escrita vangardista ou que estea cos tempos, ese contido é o que non se le. O poemas que contén Rúa da cancela non será raro que o lector o perciba como minimalistas, pois confecciónanse con poucas frases. Porén é na forma poética cando esas poucas frases, cando os contidos desas frases, adquiren a súa verdadeira dimensión semántica. O cal, á súa vez, debe tomarse como como reflexión práctica sobre o propio valor da poesía. Sobre o propio valor da poesía como continente desde o cal a mensaxe se redimensiona até adquirir unha extensión sémica que só na mente do lector se poderá retratar con xusteza.

ASDO: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.