ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

Xabier

Filed under: CARA ADIANTE,VARIA NATURA — 6 Abril 2015 @ 8:40 p.m.

Sei que che gustaba ler, por iso, se cadra, nese alenmundo onde agora te atopas, igual xuntas vagar e unha miga de atención a estas palabras doídas. Escríboche porque non teño corpo para outra cousa. Mentres eu estaba nunha distancia tan lonxe, ti deixábasnos. O patriarca da familia xa non poderei visitalo cando me volva achegar a Riopedroso, cando reúna forzas suficientes para voltar por alí. cando reúna forzas, porque xa me son moitas a ausencias e pesan cun peso difícil, moi difícil de levar aos que quedamos aquí.

Non puiden estar cando te despediron deste mundo, non quixeron que dera volta e deixara o fillo sen as ben merecidas vacacións. Non estiven. E por iso che escribo agora. Síntome raro por non estar canda os que te acompañaron á morada defintiva. Pero, sobre todo, síntome orgulloso de ser teu sobriño, de pertencer ao clan, á familia que ti iluminabas co teu exemplo de vida, con toda a autoridade que representa o ter vivido moito e saber contalo para que os demais aprenderamos. Por iso eu nunca fun de moitas falas, sobre todo cando estab con vós, contigo, co Amador, co Edelmiro, meu padriño, faltábame tempo para escoitar e aprender.

Sabes? Acho un chisco de conforto sabendo que agora estaredes os tres xuntos outra vez. Ou é unha maneira de autoenganarme, coma se así sufrira menos eu, porque deixas un baleiro que só a lembranza de ti pode dalgún xeito paliar. Dalgún xeito, porque agora son lembranzas de quen xa non está, e é coma se foran menos recordación polo pavor que teño a esquecer.

Oh, morte, terrible e cruel morte, canta alegría nos roubaches!

Oh, morte, inxusta e temida morte, que orfos quedamos sen quen nos levas!

Oh, morte, impiedosa e tiránica, sabemos que o vivir son días contados, pero que présa tiñas en nos esnaquizar os ollos da vida?, acaso gañaches algo con iso?

Xabier, onde esteas, que tanta alegría teñas como foches quen de nos ensinar aos que aquí quedamos.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.