ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: “Obediencia” (Antón Lopo, Galaxia)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 8 Abril 2015 @ 6:05 p.m.

PROTOTEORÍA DO FUTURO IMPERFECTO
Título: Obediencia
Autor: Antón Lopo
Editorial: Galaxia

Obediencia é o Premio García Barros deste 2010 que morre.
Como nada existe exento de contigüidades, a novela de Antón Lopo insírese nunha liña na que forma a carón de Retorno a Tagem Ata ( Ferrín) ou, despois, O cervo na torre (Darío X. Cabana). É dicir, novela unha posibilidade de futuro na cal Galiza é independente. Que isto sexa así non quere dicir que a novela constitúa a recreación dun futuro ideal, non se trata dun locus amoenus, da proxección dun futuro libre da problemática sociopolítica actual. De feito, isto nunca é así, nin nesta novela de Antón Lopo nin nas de Ferrín ou Darío, senón que todas presentan sociedades convulsas nas que non escasea problemática. A posibilidade da independencia da Galiza é un marco, un marco sen o cal é imposíbel unha correcta lectura da historia relatada no cadro. Mais o marco non é o cadro senón só parte inalienábel del. En consecuencia, isto non debe desanimar a quen queira facer unha lectura política senón todo o contrario. Significa que non se lle(s) detectan nin migallas de maniqueísmo. Que se parte de que a independencia política non é o remedio universal a todo mal, só, é xa é bastante, representa a posibilidades de sernos nós quen tome as decisión que nos afecten. Significa tamén que a trascendencia da novela vai moito máis alá
Ata onde pode chegar a trascendencia da novela de Antón Lopo na vida do lector? Dependerá de cada lector. En todo caso sempre permanecerá na mente lectora como a fabulación ( todo o realista que pode ser unha elucubración/delirio futurista) dun devezo da sociedade actual. De por si, iso xa representa un gromo de esperanza. E, tamén por iso, dá medo a algúns. Porque a lectura como espectáculo pasivo pasou á historia; nada na vida é inócuo, nin o entretemento.
Como é o futuro que anticipa Antón Lopo nesta Obediencia? Alén do dito verbo da independencia da Galiza, hai que dicir a sociedade está controlada por un Superorganismo que o ten todo suxeito e ben suxeito, unha sociedade na cal as persoas non son o que parecen senón instrumentos que ese Superorganismo emprega para perpetuar o seu poder á vez que xera a ilusión dunha feroz oposición nucleada a redor de Alogon. Alén diso, o mar case chega a Compostela, capital dunha cidade estado independente aínda que ( a esas alturas máis) non sexa máis que outra ilusión. Logo de Compostela o que hai é o Alemparte, unha rexión devastada na cal a vida é moi dura e difícil. Dígase tamén que o castelán case perdeuse como linua de uso, ficou reducido a un dialecto mesetario do inglés, e que o galego é a lingua da República. Nestas, con este tipo de sociedade, mentar que Antón Lopo non renuncia a deixar unha porta abeta á esperanza do ser humano, máis que unha porta un portelo que hai que ir procurando por entre o tecido de conspiracións no manexo do ser humano que a novela presenta. Tamén nisto se esixe a lectura activa.
Por riba desa sociedade supercontrolada, desa Compostela independente, cal é o fío narrativo que conduce a novela? Vaise esclarecendo pouco a pouco. Elba Mácara, científica posuidora de extraordinarios dotes cos números, foxe do psiquiátrico onde estaba reclusa e inicia unha peregrinaxe polo Alemparte, que serve por un lado para tratar de completar o cadro social descrito e por outra para ir afondando nas implicacións derivadas da fuga, que por un lado teñen que ver coa oposición ao Superorganismo e por outro co establecemento temático de que as matemátcias actuais (2010 como no futuro) están baseadas nun erro, que exista un número máis ( o lef), e que os números oculten/desvelen o futuro do ser humano. O cal fai que a novela non só sexa atraente para sectores afíns ao nacionalismo ou ao xénero, senón que inclúe implicaicóns temáticas de interese tanto para a humanidade de Lalín como de Washington ou Tokio.
E como novela que é, técnicamente? Malia ser calsificada unanimemente como novela que anticipa o futuro, como nos execelentes títulos do xénero pártese dunha análise da sociedade actual que o lector non ten máis remedio que excutar unha vez sabido o futuro que Antón Lopo presenta e vai medrando ( igual que a análise que fai o lector ) con cada un dos capítulos avanzados. Malia isto, tamén ten moito de novela de aventuras igual que, loxicamente, de análise sociolóxica protagonizada por un bon número de personaxes ás veces con pouca marxe evolutiva. Se xa o tipo de sociedade descrito demanda tal confusión, tamén que a técnica empregada o subliña até o extremo de que sonpoucas as seguranzas que o lector pode ter nunhas personaxes sen estatuto fixo, das que se pode agardar calquera posicionamento novo, e das que se pode perder a pista na lectura para despois sorprender. Quizás Elba Mácara e Curuxás sexan as dúas mellor tratadas, nun discurso fragmentario de 125 capítulos onde se agradaba algo máis en canto ao posíbel significado destes números e á funcionalidade interna da numeroloxía. Porén, tendo en conta que a temática central da novela evolúe deica centrarse na poisbilidade de que o destino humano estea marcado e ligado a un número oculto, o desespero ese está xustificado porque dese xeito habilítase a esperanza na capacidade humana para arar os seus propios regos.
Visto o visto, recomendamos unha lectura canto máis intensiva mellor, canto menos fraccionada mellor para non estorbar a concentración. Do mesmo xeito que avimos non se tratar de ninguna lectura cómoda. Son moitas as preguntas que se fará o lector, porque son moitas as que se proxectan e o fan avanzar, desde a posibilidade da independencia á sexualidade híbrida, o futuro ( pasado e presente) da humanidade, os valores que enchen a palabra humanidade…
Obediencia, delirio na procura dos lindes da personalidade e liberdade das xentes, non vai supoñer unha revolución humana no mundo, nin na Galiza. Mais ninguna revolución é posíbel sen novelas como esta de Antón Lopo.
ASDO: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.