ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: “Denso recendo a salgado” ( Manuel Portas, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 14 Abril 2015 @ 6:04 p.m.

VIDA ATRAPADA, LITERATURA LIBRE
Título: Denso recendo a salgado
Autor: Manuel Portas
Editorial: Xerais
Quen ten a literatura por un virtuoso mar de palabras, acerta. Quen ten a literatura por un virtuoso mar de palabras alleo á vida, esquece que o valor da literatura non está só no texto senón fundamentalmente nas singraduras que o lector teña dispostas para ese mar de palabras. Quen teña a literatura por un exercicio na procura da expresión sublime, impactante e exquisita, esquece que a mellor literatura, tantas veces!, non é arborado horizonte de exótica follaxe, senón que a humilde fraga, o sinxelo souto de recios carballos e castiñeiros dá sombra máis amiga e compañeira.
Denso recendo a salgado, a novela de Manuel Portas, o obxectivo da nosa crónica letresca de hoxe, é un bon exemplo de canto vimos de dicir. Por tras do non agochado lirismo do título áchase un dos mellores exercicios narrativos do ano que vén de rematar. Nel hai outros pousos líricos, certamente, pénsese, por exemplo, no papel que a música de jazz ten na novela, axudando a crear unha atmosfera melancólica, contida, desbocada, tráxica. Porén ningún outro elemento lírico do discurso novelístico ten a importancia desas catro palabras. Denso recendo a salgado é denso recendo mar, mais tamén denso recendo a vida, denso recendo á orixe, recendo, sombra, lembranza húmida. Nin moito menos vai predominar na narración o elemento descritivo, tampouco. Esta é unha desas novelas puramente narrativas.
Formalmente ubícase nesa corrente que, desde os albores do XX, tenta renovar o discurso novelesco. É novela fragmentaria, é novela parquet, é novela coral, non tan desmesurada, en canto a número de personaxes, como o Manhattan transer ( J. Dos Passos) ou A Colmea (C. J. Cela) ou como a Periferia (Iolanda Zúñiga) de que recentemnte falamos. O esquezo inmediato non é tan forte, tampouco o obxectivo é tan inmenso, non se pretende da conta de vida dunha colectividade grande, só dun grupo de amigos e as colateralidades que lles vaian xurdindo. Existen esquema e vontade narrativas claros, e á vez coralidade, fragmentarismo, na medida xusta para nunca perder o recendo salgado que os pasos das personaxes van deixando na mente, na alma, no entendemento, lectores.
Como xa sinalou Dolores Vilavedra, non é nada novo, mais non por iso deixa de sorprender nin tampouco por iso o discurso de sente como camiño trillado, esforzo sucedáneo, senón todo o contrario.
Así o sente o lector, en virtude tanto da arquitectura narrativa como do tratamento das personaxes. No primeiro caso, artellar un discurso, un discurso fragmentario no que caben tantas personaxes e ilas aproximando, pouco a pouco, desde o recendo que cada unha exhala, non é tarefa sinxela pois require traballar moito tanto a atmosfera que envolve as personaxes, personaxes que en si representan un considerábel abano de situacións sociais e vitais, como a casuística individualizadora. Sendo que ambos traballos inciden, de primeiras, na diverxencia, no afastamento, na non confluencia. Falamos da meirande parte delas, porque non todas remiten a aquel primixenio grupo de amigos; mais as que non o fan, nelas non se nota estrañamento senón que nadan no mesmo río. Certamente, o seren personaxes atrapadas nivélaas, e fai que ansia de liberación se subliñe como supratema á vez unificador e diversificador. As anasias de liberación, de vida, dunha xeneración, aquela xeneración coincidente coa das primeiras mulleres liberadas. Incidíndose niso, no carácter das personaxes, nas interioridades propias de cada personaxe, sobre as que paira como condena a condicionante dunha situación social que os marca a todos, dunha maneira ou doutra, tolléndolles as esperanzas á vez que lles ratifica que só na interación entre eles hai certa dose de satisfacoria ou dicíndolles que esa é a única esperanza, unha esperanza sen futuro.
De xeito que a novela se constitúe tamén en crónica, crónica social elaborada a partir da exposición, sincronizada en amálgama atmosférica de arrecendos en salmoira común, no drama perceptíbel na luz, nos tactos, na calor, no fondo das olladas, dun grupo de amigos habitantes nunha vila das Rías Baixas, formación de ás quebradas que loita por seguir voando, a loita pola vida cando nada está ao teu favor senón a necesidade de que vivir poida ser outra cousa. Crónica indivual, si. Crónica dun tempo, tamén. Crónica social, obviamente. Crónica-retrato da condición humana mortalizada nun tempo, nun lugar, nunhas xentes como exemplo do drama.
Non cómpre, para isto, virtuosismo verbal algún, senón vontade e habilidade froito dunha clara intencionalidade temática. Ese é o único virtuosismo, calquera outro excede.
E Manuel Portas, neste Denso recendo a salgado, celebrado primeiro contributo literario de quen se ten manifestado como sociolingüista e político ( sempre), que chouta inclusive por riba dalgún terríbel tropezó como o feito de algunha vez se trabucar no nome de personaxes. E tamén por riba do feito de que en literatura hai moi poucas cousas que en realidade sexan novas, agás a esperanza de liberdade que nos humaniza perennemente. Liberdade, que non é palabra únicamente política.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.