ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de “Vattene-O legado extraterrestre”

A HUMANIDADE DESPOIS DA CIVILIZACIÓN
Título: Vattene-O legado extraterrestre
Autor: Alberte Momán
Editorial: Círculo Rojo
Alberte Momán xa no 2012 nos deixara un inquitenate Vattene, novela breve na que ao ser humano se lle daba unha segunda oportunidade que desaproveitaba e sobre a cal xa escribimos isto . Agoara dá á luz un volume moito máis completo onde a primeira “Vattene” se ve complementada con “Polo tempoque me queda” e “Escaleira de baixada”, que continúan a liña argumental inicial, e con “O legado extraterrestre. Unha micronovela psichobilly”.
“Polo tempo que me queda” constitúe o reverso de “Vattene”,e aquel protagonista que infrinxía dolor en quen atopaba polo camiño convértese agora en vítima, sobre el exercítase a crueldade en grao extremo, até a náusea. Anos despois, o antigo secretario de Alexander Hartdeger pasa o seu tempo entre a sordidez da súa casa nos arrabaldes dunha cidade que non para de medrar, e tamén a sordidez dun psiquiátrico onde exercen sobre el actos crueies en maneira extrema, pois é obrigado a infrinxir dolor a unha terceira persoa, Bábara, mentres son obrigados a realizar o coito. A violencia segue presidindo os seus actos, e cando non son os seus pois son os que se executab sobre el. Aínda que sexa partindo dun omnipresente televisor que exerce como estación repetidora/reflectora dunha sociedade presidida polos baixos instintos, polos instintos máis primarios e violentos. Mais, desta vez, xa vello, o noso protagonista será quen de facer algo polos demais, polos manifestantes que berran por un ensino en igualdade de condicións ou por unha vella prostituta da cal só quere a súa compaña. Unha vez máis ten que botar man do seu AK-47 como unha prolongación de si mesmo, e coa súa arma vígase do doutor do psiquiátrico e evita que a policía malle inmisericorde nos manifestantes.
A desolación interior, o medo, o desamparo, a soidade, a sordidez, presiden esta segunda novela curta onde os anos foron depositando algún tipo de lóxica nos actos do protagonista, se ben primaria, coma todos os actos que levan a cabo os habitantes dunha sociedade onde os baixos instintos priman sobre calquera outra cousa, e o sexo ten un papel que para nada se achega ao goce dos corpos senón que en moitas ocasións ocorre xusto ao revés: é instrumento de tortura ou simple satisfacción animal.
Enténdase todo isto en clave de futuro anticipado, pois “Vattene”, a primeira parte, viña sendo unha segunda oportunidade que se lle concedía ao ser humano. E aínda haberá unha terceira, “Escaleira de baixada”, máis breve, análise social, indivudal, colectiva, relixiosa e política, sen deixar nunca de ser narración, sen abandonar a narratividade nin o experimentalismo, o simbolismo, o surrealismo que anteriormente caracterizara o texto. Non está tampouco exenta de violencia, mais constitúe, despois da sordidez, da desolación, anterior, unha forma de rematar esta temática de forma positiva, crendo no ser humano, crendo naquela humanidade que se vén de expoñer á súa parte máis animal, menos racional, máis salvaxe e menos humana. Iso si, as chaves do futuro non desvinculan o individual do colectivo.
Pola súa banda “O legado extraterrestre. Unha micronovela psichobilly” é unha reivindicación da importancia da muller na nosa sociedade, na nosa sociedade e na do futuro, pois esta micronovela sitúase nos eidos da distopía na que coindicen un Renault Wind ( 2010) co clásico Thunderbird, unha muller coma outra calquera (Penélope) cunha extraterrestre (Circe) capaz de sandar as feridas con saliva e procedente do planeta Terdomonte, Superman, Robín ( a parella de Batman) e o Joker nunha divertida aventura que entremestura cancións de The Meteors (banda de psichobilly que se formou en 1980). Unha liberación da muller, pois Circe é unha superclitoriana, mulleres que conseguron evolucionar o clítoris a unha medida superior ao falo masculino. Con humor, unha reivindicación, outra máis, da verdadeira importancia da muller na sociedade. E, ao igual que a desacougante historia anterior, non apta para lecturas planas, senón que esixe un lector que se faga preguntas, que indague, un lector inconformista que sexa quen de tirar as súas propias conclusións.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.