ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: “As Médulas” (Silvia Bardelás, Barbantesa)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 21 Abril 2015 @ 6:30 p.m.

CAMPO DE ESTUDO ENTRE A NOVELA E A FIOLOSOFÍA
Título: As Médulas
Autora: Silvia Bardelás
Editorial: Barbantesa
Digamos, primeiro de nada, que aínda que non se pode imaxinar a relato dunha historia sen un proceso reflexivo previo e calquera historia relatada é un convite á reflexión tanto sobre a historia como sobre a maneira de contala, diascursos como este, tan decididamente interfronteirizo entre a filosofía e propia novela, non adoitan ser os máis frecuentes aínda que despois a propia historia da arte materializada en palabras nos depare exemplos como as nivolas unamunianas, o teatro do absurdo e, en fin, todas esas obras que se constitúen como testemuña operativa de procesos cognoscitivos, tales como a Nada de Carmen Laforet ou mesmo Os dous de sempre (as personaxes de As Médulas non deixan de lembar continuamente o Pedriño de Castelao), sen esquecer, neste relatorio de ecos, outras manifestacións como as de certa NNG, pensamos, por exemplo, no Cara a Times Square de Camilo Gonsar.
A proposta  é pois campo de ensaio tanto no eido narrativo como no propio filosófico, erixíndose nunha simbiose infrecuente que á sitúa estremando nos lindes da marxinalidade respecto tanto do discurso novelesco como do propiamente filosófico. Até que punto dan de si as catro personaxes protagonistas, catro personaxes protagonitas atrapadas no bucle da inercia vital? Juan e Sara, xentes acomodadas, Juan é un intelectual, Sara traballa no sistema sanitario e pensa que a enfermidade non ten porque ser oposta á beleza. Flora e José, que se coñecen na emigración, Flora ou Cécile ou Suha, José, o obreiro tipo, o seu é traballar, traballar, traballar. Un acontecemento fortuito ( Flora dille a José que pinte nunha pedra ofrecéndose como xardineiro) pon a Flora e José na vida dun Juan que a vida levou a unha casa perdida nun enclave rural, de nome moi simbólico, Voces; de nome moi simbólico en un discurso no que nada fica ao azar, onde detrás de todo hai que sospeitar que poida haber algo aínda que ese algo sexa a nada.
Non é, pois, novela de discurso compracente senón todo o contrario, esta procura que a partir de seres completamente alleados se lanza detrás dunha razón para vivir, para ser, para ser sendo conscientes do que se é. Nin é, a proposta de Silvia Bardelás, caprichoso antollo de laboratorio concebido para pasatempo autorial, senón escachizado espello no que se pode recoñecer unha fotografía tipo da xente de hoxe en día. Unha fotografía parcial e fragmentaria, por suposto, na que as personaxes están dotadas de escasa ou nula conciencia política, tamén hai que dicilo.
Porén, deixaranse, estas personaxes tan kafkianas, novelar sen interferencia narratatorial? O relato das súas experiencias vitais poderá ser chamado novela? Xa desde a óptica filosófica, o relato construído por estas personaxes servirá de campo de estudo do comportamento humano, libre, sen condicionante intermediaria dalgunha teoría de pensamento? Adiantámoslles, xa, que a de Silvia Bardelás non é novela de tese ao uso, a única prisión destas catro personaxes é a dunha vida que as conduciu a crer que vivir é moverse, e que, na súa lectura, poucas máis cousas establecemos que, desalentadoramente, que actividade intelectual de pouco serve como vacina fronte á alienación vital. Pocas máis conclusión se poden establecer que a de que é necesario tomar decisión e e que nesas decisión importa moito que estean orientadas a facer algo polos demais, polos demais, que son os únicos que poden probar que nós existimos.
Xa desde a perspectiva puramente literaria, o que se pode dicir é que, sobre todo respecto ao que habitualmente de entende como novela, as personaxes está certamente pexadas pola súa propia condición, unha condición que á súa vez é froito da súa propia e particular historia, como calquera de nós. A novela non consiste tanto en reconstruír esa historia previa e que ese relato ilustre a necesidade de tomar decisión conducentes ao enriquecemento da personalidade, como en deixar as personaxes ( que, de inicio, nada teñen que ver entre si) observar, facerse preguntas, interactuar, estrañarse. Precisamente ese é o clima da novela, o estrañamento, e que este feito leva a que o realto esixa percica ahora de transitar entre a primeira persoa e a terceira así como habilitar forma de que non interfiran as diferentes voces. Para isto, o discurso aparece fraccionado en intervencións supranarratoriais, en maiúsculas, que serven para confirmar o avanzado e anunciar intencións que doutro xeito non serían doadamente percibíbeis, sendo, pois, un valioso aliado na lectura. Que aínda desexariamos fora maior, pois, instalado no eido do transcendente, axudaría a que o lector fixara mellor os aspectos relevantes de entre o mar de acontecementos que os envolve ( malia seren todos moi inseridos na cotidianía, no vivir básico).
Cabe salientar tamén que, sendo as personaxes suxeitos de laboratorio, arquetipos humanos en laboratorio novelístico, precibíbel en todo momento, coa carga de estrañamento que iso conleva, non perden capacidade empática, mais tampouco a gañan senón cando a novela xa vai ben avanzada e o lector vai tendo máis claro o que significan as cousas para cada unhas das personaxes ao ser máis consciente da súa pre-historia.
Eis, pois, unha porposta narrativa certamente arriscada, nas periferias de case todo, da novela e da filosofía. Absolutamente atípica, tanto no rexistro filososfal como no novelesco. Incómoda tamén por carecer o lector dunha perspectiva sobre o estado final a que se conducen as personaxes. Dito isto desde o fondo proporcionado pola concepción tradicional de novela, a que non responde en absoluto mais que condicionará ao lector desta proposta narratvia nas marxes de todo.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.