ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

primeira aproximación a “Poética” ( Fran Alonso, Pitipoto Edición)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 22 Abril 2015 @ 6:37 p.m.

Adoita dicirse de libros como este que marcan época, que hai un antes e un despois deles. E non falta razóns neste caso. Trátase dun libro en soporte virtual, un libro que se le en internet, non podemos darnos o gustazo de acariñar as súas follas. Pero sobre todo trátase dun poemario que redefine o concepto de poeta, porque agora ao poeta non lle abonda co dominio das palabras, precisa dominar tamén outra linguaxe, unha linguaxe técnica que faga posíbel a incorporación de elementos non sempre literarios e que serven de contraste ou ratificación do texto poético. Fotos, bandas sonoras, debuxos, recitados, cousas así que acompañan outras cuxa literariedade, desde un concepto tradicional, resulta problemática: slogam publicitarios, anuncios, receitas, ligazóns a noticias de prensa, prognósticos…

De xeito que tamén o propio concepto de poesía resulta afectado. Pasa a ser unha arte visual e sonora que incorpora recursos novos, alleos á elocuencia verbal, cuxa única finalidade é a de lograr beleza. Mediante a palabra e calquera recurso que poida complementala. Unha especie de arte total.

Son abondas estas razóns para dicir que se trata dun poemario que marcará época? Nós cremos que si. Esta Poética de Fran Alonso é a primeira, pero estamos convencidos de que a partir de agora aparecerán máis e máis proxectos poéticos por un estilo. Así que covén celebrar este poemario en toda a extensión do seu significado, tanto dentro da literatura galega como alén do Padornelo (pódese ler en galego, castelán, e portugués) pois faise moi difícil atopar precedentes a esta obra de Fran Alonso.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.