ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de “Poétic@” (Fran Alonso, Pitipoto Edición)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 27 Abril 2015 @ 6:16 p.m.

POESÍA DA ERA CIBERNÉTICA
Título: Poetic@
Autor: Fran Alonso
Editorial: Pitipoto Edición
Hoxe temos a fortuna de escribie sobre un libro que marcará época. Xa tardaba que, nos días de hoxe e coa expansión sufrida polos medios cibernéticos, aparecera un poemario que non se contentase con internet como soporte alternativo ao papel mais contendo poesías que, sendo máis ou menos rupturistas, non desaproveitara a cantidade de recursos que ofrece a rede. Deica que chegou este Poétic@ de Fran Alonso, que se pode ler en galego, portugués e castelán e en dispositivos móbiles ou fixos. Xa só por iso, o poemario de Fran Alonso merece lugar salientábel na produción popética actual, mais tamén hai outros, estritamente literarios, que o singularizan.
Levando como título Poétic@, podemos pensar que se trata dun título que quere ser referencial a partir de agora no eido da poesía máis anovadora. E, efectivaente ha de o ser aínda que só sexa por oportunidade. Porén hai outro motivo para ese título, e non é outro que a dilatada reflexión que o poemario fai sobre a propia poesía, sobre a esencia poética, a súa procedencia e forma. Das catro partes que compoñen o poemario, esta é a primeira e máis extensa. A preocupación metaliteraria é constante; fonda e intensa; diverxente; contraditoria mesmo; corrosiva; fondamente irónica e descrida; polivalente, en suma. Tan ben a enxalza como xénero excelso como a compara co alivio dunha mexada urxente. Tan ben lle recoñece o sentimento inherente como a sabe froito dunha necesidade propia do poeta. Di que non debe recrearse nas miudezas do mundano e quixera lazar o seu verso como un puño, e tamén diferencia entre @ poeta e quen escribe versos, refuga a celebridade e condena a pedantería. Refuga a quintaesencia petrarquesca e refuxiase na corrosión do máis sinxelo. De xeito que resulta, igual que lle pasou ao poeta, imposíbel afirmar unha definidición de poesía que non sexa manifestación da diversidade, aínda recoñecendo o maxietrio dos máis vellos e que a poesía tamén é reescrita e novidade. Transmite un ar iconoclasta, incorformista e revolucionario e lúdico que en certos momentos nos lembrou moito aquel Unicornio de cenouras que calagas os sábados do colectivo Ronseltz.
Un poemario destas características algún día tiña que xurdir, un poemario que incorporara unha boa parte dos recursos propios da linguaxe cibernética ou que esta fai posíbel. Non cabe dúbida de que o paso á ciberpoesía lle sentou moi ben a un texto que, segundo confesa o autor, naceu en papel aínda que con moitas referencias a intenet. A multiplicidade de lecturas, ao conectar uns poemas con outros ou simplemente con hipertextos da máis diversa natureza, volve moi rico un poemario no que non falta unha cita ao pé case de cada poema, mais tamén aparecen comentarios aos poemas, receitas, xogos de palabras, entrevistas, diálogos, prognósticos, emoticonos, nubes, anacos de cancións, recitados, ligazóns a noticias de prensa, anuncios, incógnitas, fotos, bandas sonoras, os gústame, peticións online, ou slogam publicitarios ademais dun verso ( o ruído elástico das pombas ao voaren) que percorre todo o poemario. Iso ademais de poder xogar coa orientación dos versos, coa súa mobilidade. De xeito que chega un momento no cal Fran Alonso xa non fala de poesía simplemente senón de instalación poética, recoñecendo as diferenzas entre o texto puro, o texto só composto por palabras,e o texto enriquecido que conforma os poemas presentes nesta Poétic@.
“Teoría do banal” é a segunda parte do poemario, que sempre co espírito lúdico e corrosivo antes mentado recoñece que o eu enunciativo son varios eus, así como a necesidade de desfacerse dese eu poético. O cal chega a suceder cando o poema xa non existe, pois o poema en si só pode configuralo o lector despois da lectura dos diálogos propostos polo autor. Só despois dese contraste, dese debate, desa conversa, nace o poema e en cada lector é diferente. Recoñécese a poesía como algo corrupto e runúnciase á poesía pura, banalizándoa ( lembran o do xénero sublime?) até extremos que baten de fronte co que as mentes máis tradicionalistas entenden por materia e forma poética. A irreverencia é constante, chegando a admitir que Deus é o máis prefecto personaxe de ficción, xa na terceira parte “Ciberpoesía” onde se pretende xogar máis directamente coas posibilidades que a linguaxe cibernética fai posíbel, de todos xeitos a noviade non é moita con respecto ao que o poemario ofreceu anteriormente, nin aí nin no “Epitafio” nin na “Posdata”.
Eis todo un poemario bomba, ou un poebomba, pura zona hacker ( outra mensaxe que percorre as follas virtuais do poemario) da poesía tradicional, irreverente e desprexuizado, que sen dúbida abre novos camiños para a poesía, enriquecéndoa con múltiples recursos paraliterarios que lle confiren unha nova dimensión, unha dimensión acorde cos tempos da era cibernética.
ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.