ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

Aprender a ler de forma literaria

Boto man deste artigo e cópiolle o título porque tenche as súas implicacións. “Aprender a ler de forma literaria”, nada menos nin nada máis e con toda a xusta razón. A fin de contas non é tan complicado, apréndese a ler de forma literaria…lendo. Só cómpre iso, ler. É tan sinxelo como iso, ler.

Claro que nun país que sempre maltratou a lectura e as queimas de libros chegan ata o século XX, sempre hai que matizar as cousas. Por exemplo, cómpre que quede ben claro que a conquista da lectura é unha conquista democrática. Que quede ben claro. Durante séculos, a lectura era cousa só de relixiosos ou de poderosos, e era unha lectura en voz alta. Precisamente os signos de puntuación nacen como marcas que os lectores superpoñían ao texto para descodificalo ( Legi et distincxi codicem, lin e puntuei o libro), toda vez que se escribía todoxuntotalecomoaoflarseescoitaba no que se denominaba sriptura continua. Cando Santo Agostiño coñeceu a Santo Ambrosio, quedou pampo de que este fora quen de ler ssen mover os labios os articular xalquera tipo de son.

Teño comentado tamén como a lectura silenciosa se impuxo neste país coa entrada do século XX, e aínda hai xente que non sabe ler se non é en alto. Precisamente a lectura silenciosa é a porta da lectura individual. Por iso digo que a conquista da lectura é unha conquista democrática. Unha conquista antimonástica e contra o poder. De repente, coa conquista da lectura, os vigairos dos deuses deixan de ser intérpretes únicos e pasa a ser a xente. Por iso sempre houbo tanto medo a que a xente lera pola súa conta, porque entón tamén interpretaba sen que ninguén lle encauzara os pensamentos. E tamén é unha conquista contra o poder, sinxelamente porque aquí relixión e política sempre interactuaron, sempre foron da man.

Non é difícil explicar porque nas sucesivas reformas do ensino sempre os números gañaron a batalla ás letras. Nin tampouco que a Igrexa Católica actúe como pexa na difusión da lectura.

Canto máis literariamente leas, máis literalmente libre serás.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.