ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

non hai tutía

Filed under: LINGUA — 11 Maio 2015 @ 6:36 p.m.

Eis unha desas expresións que lembro ter utilizado alá no Lugo da miña preadolescencia. E non sei se trei algunha vez escrito sobre ela. Paréceme que algunha recordación me vén, mais non tan nítida como a de escoitala saír dos meus labios ou entrar polos oídos. Botabamos man dela cando unha cousa tiña que ser así por forza, inamobibelmente, sen outra posíbel solución. E sempre en forma negativa: non hai tutía.

Hoxe reatópoa lendo as Zapatillas rotas  de Xabier Quiroga que o mes pasado foi distinguida coa Premio da Crítica en Lingua Galega. Desde logo estou seguro que eu  non fun o seu único utente, que era un dito moi na boca daqueles primeiros anos setenta naquel Lugo gris, calado e tristoño. Mais compráceme reatopar a expresión na novela de Xabier Quiroga ( pax. 212). Así, como mínimo, queda constancia escrita da súa existencia alén das páxinas virtuais desta bitácora. E imos facendo un pouco máis pola recuperación ou fixación da nosa fraseoloxía. Como sempre nestes caso deume por comprobar no Dicionario de Dicionarios sen obter resultado ningún.

Compráceme ser parte activa nesta recuperación e fixación da nosa fraseoloxía, un fai o que vai podendo facer. Cómpraceme, neste caso concreto, non  ser o único. Aínda que non sei se me pode a tristura do que vai marchando, do que non quere ficar entre nós. De ser testemuña, e nisto de pouco vale a compaña, dun mundo que non volverá ser cando nós xa non esteamos.

Xabier úsa en cursiva:non hai tutía, como tratándose dunha forma incorrecta, dun castelanismo. E eu non estou tan seguro. Ben podería tratarse dun posesivo de respecto, un dos pouco exemplos onde permanece o  posesivo de respecto en seguda persoa. Ligado a  unha forma de tratamento familiar, igual que mi con padre e madre, por exemplo.

2 Comments

  1. Pepe:

    Nosa? É unha vella expresión española recollida no dicionario da RAE.

  2. xmeyre:

    Certo, Pepe. Veño de comprobalo. Agora a pregunta é, visto que a utiliza xente de toda Galicia, como me testemuñou unha pregunta na Redelibros, a pregunta é: porque figure no dic. da RAE non pode ser tamén expresión galega? Certo que deica hoxe non a recolle ninguén, pero ese carácter popular fai que me entren dúbidas.
    Beizón polo comentario, Pepe.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.