ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: “A cidade sen roupa ao sol” (Marga Doval, Espiral Maior)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,Sen clasificar — 21 Maio 2015 @ 8:38 p.m.

CLAREO DA CIDADE SEN ROUPA AO SOL
Título: A cidade sen roupa ao sol
Autora: Marga do Val
Editorial: Espiral Maior
Tamén a poesía é procura, procura de calor a través do tempo, sempre a través do tempo, o único deus que non morre.
Ten a procura, que é ser activo, inquedanza, a necesidade dun TI que a desecadee, sobre todo que sexa un TI a procurar dentro do EU.
E velaí a poeta e velaí a poesía e velaí o poema. O misterio. A necesidade, de saber, de ser, de saber para ser. De, para saber, ocupar o espazo reflexo de que son e esculca, ocupar o espazo branco a través das palabras. E velaí o poema, e velaí a poesía, e velaí a poeta: todos como pedazos, a se encontrar. A se encontrar, a se espir como o vento ispe a roupa tendida, tendida despois de mollada e repasada, despois de suxa, depois de usada. Como a vida.
O poemario de Marga do Val. Vida reatopada. Procura. Necesidade, esa que senten especialmente poetas ou todos alguna vez, de abrirse para pecharse sobre si mesmos ou pecharse para abrirse. Nada novo baixo o sol. Mais non esquezamos que se a poesía é misterio, é misterio tanto para o/a lector como para, máis aínda, o/a poeta. E velaí pois que, compartindo estratrexia introspectiva e no uniformizado(r) século XXI , os poemarios resulten ben distintos. Sen dúbida, a esperanza para a humanidade pasa pola poesía.
O título do poemario xa indica a fragmentación interior, previa e inesgotábel. Un/unha é tantos/tantas que ben pode ser unha cidade. Exploración da multiplicidade dentro da unicidade, a roupa ao sol está dentro, en cada poema, no baleirado de cada poema-ponte entre cada un dos EUs que conforman o único Ti reflexo. Sita a voz poética na súa cima, irá vendo pasar, iraos poñendo a clareo, poñéndose a clareo baixo a ameaza das cidades sen roupa ao sol e tamén dos ladróns de palabras e tamén das espías do anel. Antítese, ela, implícita a aqueles lugares-seres-cidades onde só a lúa é transparente. Ela, na cima da ponte, da perspectiva que vén esixida polo único deus inmortal que é o paso do tempo e substraerse a el sería mentir, sería mentirse. Desde aí, ve transcorrer(se). Nada novo baixo o sol. Sempre diferente cando o facer poético está á altura. E abofé que ese primeiro poema  encetando a primeira parte das tres que conforman o libro, é unha excelente carta de presentación, tanto no aspecto temático como, sobre todo, no técnico, onde anunciando o compromiso estético, pleno de tensión, que presidirá o poemario. Un poemario que é a vez sementeira e recolleita, recolleita daqueles intantes, daquelas persoas, daquelas cousas que marcaron, que impregnan ( agora sénteo, revíveo) aínda as palabras/tintas da lembranza, é dicir, de demostración de que o ser é, porque ten memoria, memoria e saber que si ocupa lugar.
Esa revista chegará na segunda parte “Educación sentimental”, porén a primeira non ficará enteira, porque nada é enteiro senón un novo preludio, e apela á poesía, ao pacto que a axude a se reatopar no medio da rutina, esa vertixe leva a que un poide perder/esquecer a esencia de si mesmo se non se ispe e pon a roupa ao sol. E aínda así.
A segunda parte é, en realidade, a meirande parte do corpo do pemario.Nela, a voz poética vai percorrendo a vida, recolla e interpretación biográfica desde a infancia, desde a inocencia da infancia aprendiz da nena bonita, co correspondente pouso melancólico e sen que este se vaxa libre da punzada de desengano que a experiencia vital vai rexistrando no seu decorrer. Así, a inconsciencia de nenez non impide a consciencia da frustración, do fracaso. Nun exercicio de medida e equilibrado que non permite nunca un exceso de tinguidura negativista, mais tampouco o seu esquezo. De xeito a que a esperanza camiña da man da resiganción ou de emigración, o fluír migrato xa non deixará de estar presente desde aquelas fronteiras da infancia a esta ponte ou esta torre desde a que observa o devir da princesa, que xa sente o futuro como unha condena que nace da propia e vergoñenta natureza humana capaz de volver a bondade nun acto de hipocrisía. Así ou á inversa, nun vivir de perpétuo exilio onde hai que coidarse de que o que se lava na bolsa non sexan só as rebaixas. Sendo poucas, as certezas, e ademais da frustración, do fracaso, a lingua e a terra emerxe por riba da oferta e demanda que dirixe as vidas de tanta xente, de tanta escravitude, de tanta resiganción a que nin o amor se poida concebir sen separación, igual que a ilusión sen soidade e precisión de xustiza, nun mundo onde cecais a única liberdade verdadeira é da globo que solta unha nena despois da misa do domingo, onde desexo e insatisfacción son inseparábeis, onde hai que camiñar cara adiante, malia todo, aferrados ás lembranzas do cariño inmortal da nai e e da avoa, por entre todo ir acompañados do que somos e, no que somos, tal se reflicte no terceiro dos autorretratos que pechan o volumen, no que somos e levamos aprendido as lecturas, os agarimos da letra allea, teñen protagonismo que primeiro hai que recoñecer e nunca, nunca, esquecer, tendo en conta que ese agarimo de letra allea non só chega desde os libros (Curros, Rilke, Rosalía, María Mariño, Mª Xosé Quizán, Pilar Pallarés, Marica Campo, Xela Arias, Luísa Villalta, Yolanda Castaño, Ana Romaní, A. Pizarnik, Emily Dickinson, Ingeborg Bachmann, Hilde Domin…) senón tamén doutras artes ( Sarah Lucas, Valie Export, Laurie Simmons…) e aínda se cadrar doutra dimensión (Wolfgang Weirauch)…
ASDO.: Xosé M. Eyré

1 comentario

  1. Marga do Val:

    Grazas, por (re)ler a Cidade sen roupa ao sol. A túa lectura é unha aperta de benvida para min, unha aperta saúdabel entre tanta ameaza dos ladróns das palabras e das damas do anel…
    Seguirémonos a ler.
    Marga

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.