ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: ” O coitelo en novembro” ( Marilar Aleixandre, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 12 Xuño 2015 @ 6:42 p.m.

Festa da palabra non silenciada
Título: O coitelo en novembro.

Autora: Marilar Aleixandre.

Editorial: Xerais.
Non incomode se adianto resposta. É novela e non é novela. En todo caso, o último título de Marilar Aleixandre que os trinques de novidades nos ofecen, é un soberbio exemplo de literatura maiúscula, de metaliteratura e inclusive de protoliteratura e postliteratura. Deses que, malia o esquezo inmediato penalizar calquera tentativa de retención memorística, unha vez lidos e mentres se le, un ten vontade de gravar indelébel nas teas testemuñais internas, como lector e como crítico.
Édita como foi no 2010, ano de Periferia –é ben sabida a miña estima pola de Iolanda Zúñiga–, esta de O coitelo en novembro vén confirmar un extraordinario ano para unha editora que ademais deu a luz outras obras moi comentadas e valoradas tanto de autores consagrados (a de Manuel Rivas) como debutantes (Ánxel de la Cruz). E tamén cuestionarme inmisericordemente: cal é a mellor novela de 2010?
Teñen cousas en común, desde o equezo inmediato até unha pulsión, unha inquedanza social indisimulábel e exhibida con descaro e orgullo, aínda que máis claramente na de Zúñiga tampouco falta na de Aleixandre. Ou a unha autoría feminina, consciente, revindicadora e reivindicativa, que demostra ben ás claras o nivel de madurez (pénsese en Zúñiga, autora con pouca bagaxe editada) e de anovación punteira (pénsese na da Aleixandre, autora precedida dunha experiencia máis que constatábel) que a literatura escrita por mulleres foi capaz de ir desenvolvendo e hoxe atesoura e ofrece.
Desde a óptica puramente técnica, O coitelo en novembro obríganos a falar, como adiantamos, de literatura, de metaliteratura, de protoliteratura e postliteratura.
Literatura? Sen dúbida. Coma un traxe confeccionado non con remendos senón con anacos gardados/rescatados, que agora entran no fiado dunha nova peza que os cose e redimensiona á vez, pois a estratexia protexe e retroalimenta en tanto configura/crea un macro(con)texto ou biosistema literario que explican e os explica. En maiúsculas? Si, poucos, moi poucos títulos poden presumir de tanta literatura e tan fonda.
Metaliteratura? A destrución (mentres se constrúe, ollo) das compoñentes clásicas que conforman que vimos chamando novela é sistemática e constante. Comezando pola da propia autoría, que se difumina en personaxe á vez que a personaxe reivindica e asume o seu propio papel narrativo. Marilar é Mairal, como Mairal é Aleksandra ou Mila ou Marjane, sen Marilar deixar de ser Marila e sen as demais deixaren de ser quen son. Por suposto, isto leva consigo a destrución/construción da propia personaxe. Non parando aí, pois tamén se dinamitan as coordenadas espazotemporais. O espazo resulta moi irrelevante, como se unha poeta do Batallón Literario da Costa da Morte non puidese publicar nos Feros Corvos da Estrada ou unha poeta da Estrada non puidese pertencer ao Batallón! Igual que os temporais, pois na de Marilar nin pasado, nin presente, nin futuro teñen estatuto fixo senón que o futuro se parece moito ao pasado e o pasado ao futuro, ficando no medio o presente, un presente tan móbil e inconreto que se despraza, sen moverse, desde o pasado ao mesmo futuro. E, loxicamente de argumento fica totalmente esfarelado, mais isto acontece malia unha moi consistente tentativa de dotar os relatos de continuidade/contiguidade, malia ela e grazas a ela.
Protoliteratura? Tanto por ser recolleita de textos antigos (procedentes non só de plataforma libresca), algo así como retroliteratura, como por ser texto novo que suscita na mente do lector un discurso novo (do que estas liñas só son exemplo único e á vez múltiplo, pois único é o de cada lector e tamén múltiplo pois resulta evolutivo e cada fase da súa construción pode considerarse outro discurso) é á vez pre-texto. É dicir: protoliteratura que é, por xunto, pre-/post- texto
Non é tese nin disucurso, é tese-discurso ou discurso-tese.
Como se consegue tal prodixio? Cun abraiante dominio da escrita narrativa, que sabe integrar moi ben rexistros que van desde o horror da fame dunha nai á tenrura do amor, a denuncia social, a poesía ou os microcontos, procurando esculcar tanto dentro do propio relato como da identidade humana, que non ten por que ser distinto de indagar sobre a autoría, o rol da personaxe e o estatuto da propia literatura como continuum. Sabendo ser conservadora da tradición, e á vez anovadora.
E cun traballo estrutural moi salientábel. Primeiramente porque non é nada doado harmonizar discursos tan dispares, e isto mentres se dinamitan os peares da propia narrativa. Parte, para tal, dunha investigadora á procura de datos sobre a actividade aditorial galega en Bos Aires, desde onde ganduxa fíos ao mito de Penélope e ao textos de As mil e unha noites (que actúan como un bon referente do feito literario “total”: mestura de creación popular e engadidos posteriores) para estabelecer un xogo de textualidades internas (da propia obra da autora) e externas (co resto, sobre todo operantes na mente lectora) que dotan o texto dun sal gordo, nutricio e vezador, que se infiltra na pel coma as areas da praia, que se apega ás páxinas de letra en letra e como as palabras prenden dunha boca noutra. Non hai silencio, a boca, esa fenda, a literatura, a palabra, ese coitelo, ti…

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.