ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: “Lapidarias. Os versos escuros” (David Rodríguez, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 26 Xuño 2015 @ 8:29 p.m.

CONTRASTE DO POETA ATRAPADO
Título: Lapidarias. Os versos escuros.
Autor: David Rodríguez
Editorial: Xerais
Da apocalipse que atoparei -non do paraíso perdido- teño nostalxia (111)
Abonda este poema para ensinar o estado de ánimo desde o que David Rodríguez escribe este impresionante poemario. Case estiven a piques de escribir “definir”. Como definir un estado de ánima que vai maís alá do tópico ben/mal? Como definir o estado anímico de quen se sente atrapado cando as paredes que o fechan mudan de aparencia?
Sen dúbida, esta, a poesía, a arte da palabra, é unha boa e intelixente maneira de definir o indefiníbel.
Sen dúbida, esta, a poesía na fronteira do relato hiperbreve, igual é a única maneira.
Insinualo, deixar que o receptor imaxine o pozo onde se afoga. Ás veces, tantas veces, moitas palabras o único que fan é complicar, encher ocos que significan máis estando baleiros, tapar, enmascarar.
Velaí, logo, que David Rodríguez opta, decidido:
Para abarcar máis escribirei poemas breves (9)
De aí o título, ese carácter lapidario da brevidade. De aí a escuridade dos versos. De aí que o libro sexa tamén, ademais de exhibición, camiño e instrumento de autocoñecemento, esculca interior e estrañamento da escasa harmonía vital dun mundo entolecido, alleante e alleado. De aí que cada poema refirme o enterior e prologue o seguinte, sendo todos diferentes e irmáns.
E de aí, tamén, o remate:
Ás veces é bo calar
a vida é máis curta que as palabras (133)
………………………………………..
Escribir é unha fraude (135)
(Falando de fraudes. Fraude sería non ler Lapidarias. Os versos escuros. Só quen o leu sabe da fraude de quen o esquece.
Autor que se deu a coñecer desde o Premio de Teatro Radifónico Diario Cultural, David Rodríguez non só este espléndido, atrevido e maduro poemario, tamén é todo o que aínda lle queda por escribir… porque este maduro, atrevido e espléndido poemario non deia de ser o seu primeiro.)
53, 107, 131, 133, 135, por exemplo, outras páxinas nas que se reflexiona sobre o valor da escrita; no medio e contra o remate, malia que xa de inicio se revela formalmente preocupado/ambicioso/deseperado, por iso escribe breve.
Porque é unha fraude escribir? Porque só é un camiño máis, porque non te tira do pozo. Evidente. Estatuto do evidente nunha sociedade que non se estraña de nada, o cal indigna o poeta que sabe que hai que reaccionar aínda que sexa batendo na imaxe do espello (113). Ou da literatura.
Precisamente esta literatura de David Rodríguez é moi lingüística, a palabra é o seu centro, a dimensión física, materializada, de conceptos/cárceres que leva a que os poemas sexan moitas veces descritivo-interpetativos (21, 19, por exemplo), sempre doídos, outras veces entre reflexivos e narrativos. Na disxuntiva entre a nostalxia do pasado ou do futuro, esta poesía non está exenta de propósitos (17, 99, 101) nin tampouco a experiencia amorosa lles é allea (77). E igual é por iso ( aínda que non só ) esa sensación de perda, de extravío, vital. O extravío, apoesía de quen se procura a si mesmo e se estraña do que atopa, cousa que o fai consciente da súa outredade. Ser humano é positivo? O poeta atrapado, o debate.
Así as cousas, poesía fortemente contrastiva. Primeiro contra o espello da realidade, despois contra o espello da propia memoria, tamén contra o espello dos outros, e contra o do tempo.
Si, o poema é para iso, contrastar. Contestar, constatar, a través de, en, por.
Maldicir a Deus
con devoción (101, ou 23, ou 115…)
Con esa contundencia do expreso, mais tamén pode ficar na esfera do agardado, ou do proposto, inclusive no evidente (que as palabras agachan, 127…, sempre), ou no operante na intertextualidade (119,120), non deixa de ser inmobilizante (105), espreitando como entre o tamaño e o contido(9), ou asimilador (29), onde os pólos opostos non se contradín senón que se desexan (63), contraste integrador malia ser obvio (127), onde o preámbulo é a fin ou a fin o único poema (83).
O poema. Atrapada, a voz poética materialízase entre…e entón só queda o lector, o lector é a grande esperanza da poesía e da literatura actual, se cadra tamén da sociedade.
ASDO: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.