ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: FUTURO IMPERFECTO (Xulia Alonso, Galaxia)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 13 Agosto 2015 @ 8:43 p.m.

VIDA NA LITERATURA, CELEBRACIÓN
Título: Futuro imperfecto
Autora: Xulia Alonso Díaz
Editorial:Galaxia
Na literatura, o apelo para que o irreal axude a entender o real, é o máis común, e adoito do máis celebrado. Xa o contrario non é recibido como novidade cando, xustamente polo antes visto, debera ser saudado polo menos con algo máis de efusión. Pesa moito a cantidade de literatura realista que pouco ou nada achegou, a non ser outra novidade máis da que puntualmente ir dando conta. Por iso, cando xorde un título que non responde a ese patrón onde o autor non pasa de copiador, é como se a un náufrago lle abriran a a billa no medio do deserto. Auga fresca, e vivificadora que estiña tanta secura.
O título que hoxe seleccionamos para traer a estas liñas é un deles. Á pregunta, inmediata, onde reside logo a arte de narrar?, novelas como estas responden de maneira inequívoca: na capacidade de emocionar de que o autor sexa quen de incorporar á historia contada. E, por certo que a resposta non resulta de ningún modo decepcionante desde o punto de vista da literariedade, á vez que explica ese bon número de historias contadas de xeito sinxelo mais que pasan á historia da literatrura porque, xeración tras xeración, século tras xéculo, seguen facendo vibrar os nosos corazóns e as nosas mentes. Velaí a razón de que discursos deste estilo non perdan vixencia mentres outros, moito máis alambicados e formalmente complexos, sobreviven máis nas historias da literatura, cando é o caso, que na mente do lector.
Futuro imperfecto, exemplo perfecto.
Porque contar unha historia da que previamente se sabe o remate, sen que o lector sinta tentación de abandonar a lectura, é unha dos retos máis grandes que un autor ou autora pode acometer. E Xulia Alonso lógrao, meritoriamente. Todos sabemos como rematan as historias que teñen a SIDA como núcleo central, infortunadamente nunca nos equivocamos. Se ben non se pode ignorar que ese mesmo feito xa constitúe de por si unha inxección de esperanza, porque os humanos sempre agardamos que as cousas melloren e a narración e a narrativa vén consistindo no relato dun estado de cousas que reclama normalización, esa esperanza non sobrevive sen a dose vitamínica que desde a autoría se vai sementando páxina tras páxina, e para iso hai que ser capaz, hai que saber facelo e facelo de xeito gradual, e variado para meirande abondamento que non signifique reiterción calcada pouco efectiva.
A estratexia narrativa de Futuro imperfecto é moi simple. Ir contando a propia vida, desde a perspectiva testemuñal do primeiro ser afectado polo desenvolvemento dos acontecementos. A historia de Nico, a historia de amor con Nico, a historia de cómo Nico é vítima da SIDA, que tamén é historia dunha moza de natureza rebelde, a historia de cómo resisten para vivir, unha historia de fe cando a ameaza é inevitábel que revaloriza a importancia das pequenas cousas que a voráxine do día a día fai pasar desapercibidas e aquí recuperan trascendencia, como o valor da mirada, a sensación táctil como vehículo de transmisión emocional cando a palabra deixou de ser operativa, ou a natureza como reflexo de vida, ou a infancia como motor da adultez.
Crónica e lección de vida. Cando as probas a superar non requiren o músculo de Hércules senón a fe, intelixencia e amor de quen quere apañar os farrapos da vida que escapa. Fe, intelixencia e amor, calidades que posúe o ser humano e tan pouco demostra.
Mesturada coa historia de amor, contra o tempo e a fatalidade, con Nico, os flash back contextualizadores da propia historia familiar retórnanos aos tempos da Guerra Civil e amosan exemplos de rectutidude, resistencia e amor que minimizan a incomprensión, a distancia xeracional, a condena que ser muller supón, a condena e o valor.
Como pode un lector conservar esperanza de que a situación plantexada mellore, a poucas páxinas dun remate ineludíbel? A resposta como premio pola lectura da novela de Xulia Alonso. Fagan literatura, poñan, lectores, poñan en lugar do libro a vida porque esta novela convídaos a reencontrárense con ela, coa vida de verdade, a agarrarse a ela con fe inquebrantábel. Non é pequeño o premio cando a literatura é grande
E de paso disfruten unhas descricións salientábeis, precisas, sentidas, necesarias, integradas non como complemento senón como partes dunha historia integradora que sentiría a súa perda. Dicimos ,das descricións, o que ben se pode ampliar novela en si. Non hai palabra que non estea no seu xusto lugar, que sexa prescindíbel, que non se integre cando se sente necesaria. E coas palabras van os sentimentos, as sensacións, erixíndose no auténtico motor dunha historia que neles recupera o sabor da vida.
O frío interior, a desolación da dependencia, o valor da amizade, a resitencia fronte á adversidade, as ganas de vivir, de expremer o zume de cada instante, o valor dun sorriso, dunha ollada…Arredor deles componse a historia do amor entre Nico e Xulia, que tampouco deixa de ser parte da historia dunha xeración, esa de cando a SIDA aparece coa gadaña afiada.
Unha novela para celebración de quen a le. A literatura é das poucas cousas que sempre convidan á celebración, mesmo desde unha historia tan tráxica como esta.
ASD: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.