ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

recuperando literatura: CONVERSA ULTRAMARINA

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 14 Setembro 2015 @ 8:31 p.m.

SOBRE VIDA E POESÍA
Título:Conversa Ultramarina
Autor:Lois Pereiro
Editorial: Positivas
Entre marzo e xuño de 1995, Lois Pereiro mecanografou esta longa carta que dirixiu a Piedad R. Cabo, muller de granda importancia na vida do Lois, que estaba a realizar un curso de inglés en Estados Unidos. En dúas partes, unha de 26 e outra de 27 folios. Ambas e dúas non son o único que figura nesta edición, pois elas, que representan o núcleo central, van acompañadas doutras dúas, unha que aquí figura a modo de limiar e outra entre medias das dúas partes.
Como sempre, con estas edicións póstumas, hai que ter un especial coidado .Hugo Martínez, del é a edición, optou por realizar as alteracións mínimas, as xustas para que a edición resultara homoxénea. Mais nin así esaven as dúbidas. Estaría conforme o Lois cunha edición que dá del a imaxe de escritor bilingüe? Estaría o Lois de acordo con que fora esta forma a final en que aparecen os fragmentos da Conversa ultramarina ( e non me refiro só aos escritos en castelán)? Por non falar das outras dúas partes, sobre as que as dúbidas se me incrementan moito, moito…
Á marxe diso, hai razóns literarias (para alén do valor como documento humano) que demanden a lectura da Conversa ultramarina? Pois si, e non poucas. Mais imos comezar pola faciana testamentaria dun condenado a morte, dun morto vivinte ou dun vivo morto, tanto ten, e menos aínda a causa que o levou a esa maldita situación. Se a semana pasada comentabamos (Futuro imperfecto) a cerca dunha lección de vida feita literatura narrativa, hoxe toca expoñer o propio da lección de vida que nos deixa un poeta grande, a lección de vida que foi expremendo e condensando en fragmentos de sabiduría, en fragmentos de sentimento descarnado e polo tanto ningún outro tan carnal, en fragmentos dun lirismo e dunha trascendencia estarrecedores, nos que ao lector pouco lle vai importar se se escolleu a fórmula poética ou ben foi a narrativa, nada, absolutamente nada lle vai importar pois resulta imposíbel ficar impasíbel diante de cada unha desas leccións de vida que choran e brillan diante dos ollos lectores. De día ou de noite, no Manhatann monfortino ou no Parrús coruñés, na casa ou no hospital, escoitando a John Lee, a Ravel ou aos Herdeiros da Crus, contemplando un grupo de mozas, lembrando, recibindo amigos (ese tesouro) ou na soidade soa…por dentro sempre había un poeta, e os poetas son seres que sempre queren ver máis, máis no fondo, máis na cima, máis dentro, máis fóra, e o poeta Lois Pereiro obsequiou estas cápsulas de sabiduría vital á súa ex compañeira sentimental e de resultas a nós…
Quen quixer fixarse nas referencias literarias de Lois Pereiro, atopará a Bukovsky, Francisco de Assís Pacheco, T. Bernhard, L.M. Panero, Henry Michaux, Carlos Bousoño, Chejov, J. Joyce, B. Brecht, R. Carver, J.P. Sartre, Simone de Veauvoir, P. Valéry, Botho Strauss, Handke…E entre as musicais a Eric Clapton, Lou Reed, John Lee, N. Young, Ravel, Debussy, Pata Negra, José Afonso, Bach ou os Herdeiros da Crus… Habendo tamén ao cinema ( Ken Loach, Woody Allen)…E máis que se queiran, porén o único importante son as relacións coa vida, con esa(s) man(s) de amigos, sentilos, comprobar como a súa estabilidade e seguranza afectiva permiten a un camiñar ergueito polos camiños, experimentarse vivo…
Outra faciana de moito interese é a da continiudade contiguidade con Poesía íltima de amor e emfermidade, pois este poemario e a Conversa ultramarina coincidiron temporalemente durante a súa redacción, de xeito que é posíbel e frecuente atopar motivos temáticos que entre un título e o outro amosan moi pouca distancia, só distancia formal. Pensar, entón, que a Conversa puido ser material poético inicial á hora de compor a Poesía última é posíbel, igual que considerar que os fragmentos da Conversa poden constituír reelaboracións de poemas xa feitos. En todo caso, esta contiguidade-continuidade é outro pólo atraente para a lectura da Conversa ultramarina, ese diario-crónica dun poeta perto da morte, dun poeta que exerce de poeta porque non sabe nin quere vivir doutro xeito. E, seguir o día a día, ou o hora a hora, dun poeta que non quere deixar pasar ningunha ocasión que lle permita apreixar a vida e a poesía, sentir o seu abrazo potente, é un obsequio impagábel, de xeito que quen merque este título pode ter a seguranza de que o lerá con devoción e admiración, que é un deses libros dos que nunca remata a lectura, que fican sempre abertos agardando un novo regreso a unhas súas páxinas que nos negamoa a abandonar igual que non queremos abandonar a vida.
A propósito das distancias xenericas e do comentado no parágrafo anterior, a conclusión de que estas son puramente casuais imponse. Se na Conversa aparecen en prosa e poeticamente na Poesía última débese a que os xéneros preconfiguraron decisivamente a forma, mais a materia literaria chora e brilla nos dous, con máis vagar narrativo na Conversa e con máis potencialidade poética na poesía. Sendo, pois, deses títulos que achegan poesía e narrativa intensamente, desde a narratividade salientado o feito poético.
Unha Conversa ultramarina, así, especialmente axeitada para o e estudo das fronteiras xenéricas. Poesía, narratina, Literatura Mínima ou Hiperbrebe…pois non son poucos os fragmentos considerábeis como tales, velaí, pois, outro título para os amantes da hiperbrevidade.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.