ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de LENDO LENDAS, DIGO VERSOS

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 5 Novembro 2015 @ 9:45 p.m.

UN LIBRO ÚNICO
Título: Lendo lendas, digo versos
Autores: Antonio Reigosa, Antonio García Teijeiro / Ilustracións: Xosé Cobas
Editorial: Xerais
Todos os libros son únicos, dirán vostedes, e con razón, mais este que hoxe lles comentamos é especial. O seu contido é moi simple. Son lendas contadas primeiro en prosa ( por Antonio Reigosa), despois en verso ( por Antonio García Teijeiro) e despois a través das ilustracións de Xosé Cobas, que merecería figurar como autor tamén e non unicamente confinado baixo o epígrafe “ilustrador”. E é iso o que o fai especial, único, ao ofrecer a posibilidade de ler a lenda en prosa, despois ver como se arromanzou en verso, e finalmente gozar coa interpretación plástica, unha triple perspectiva poucas veces accesíbel ao lector.
Mención especial merece o feito da perspectiva poética, pois, como ben recoñecen os autores, os poetas non se lembraron da nosa rica tradición oral-popular, atendendo prioritariamente a tradición culta ( Breogán, Brigo, Ith, Galván, Merlín). De xeito que o sentir colectivo, presente no relato, vese complementado coa creación individual, aspirando ambos a facerse un oco na memoria colectiva aínda que sexa na era dos computadores e a luz eléctrica. Xa só por isto, por remediar esta carencia, o volume merece ser salientado criticamente. Porén, o efecto de mesturar as tres interpretacións, dúas literarias e unha plástica, é o que prevalece, ao noso parecer.
As lendas foron seleccionadas de xeito que repesenten o rico universo temático a que pertencen, mais tamén a variedade de lugares onde foron recollidas. Deus e o demo, mouras, sereas, lugares, plantas, froitos, tesouros, fantasmas, serpes, monstros, trasnos, anxos, peixes, lobos, casas encantadas (outros dirán poltergeist) desfilan polas páxinas dun libro que pretende ofrecer un mostrario, un escaparate da tradición fantástica popular.Alén das mouras encantadas, coas que as personaxes masculina ( xeralmente) teñen diversa sorte, dependendo de como anden de espabilados á hora de desencantalas. Tamén se pode comprobar a existencia de sereas nas nosas costas, unha sereas que teñen corpo de ave e non de peixe. E mesmo constatan a existencia no noso territorio de costumes tan bárbaros como o de abandonar o vellos no monte cando xa non serven de axuda ningunha.
Mais, para alén do atractivo que ten o mostrario de seres e lugares lendarios, o imaxinario popular é sempre continente do saber popular, un saber popular que ás veces resulta ben astucioso e é que de derrotar mesmo seres tan poderosos como o Demo,
Sen dúbida, eis un volume que entre os primeiros anos da ESO terá un enorme éxito, pois adoitan ser idades nas que esta temática gusta moito e, curiosamente, idades nas que a poesía ao xeito do que escribe Antonio García Teijeiro ten moiotos adeptos. E a quen non abondar con esta dupla exposición aínda lle queda a ilustración de Xosé Cobas.
ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.