ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de O FARO ESCURO

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 19 Novembro 2015 @ 9:47 p.m.

NOVELA CURTA POLICIAL
Título: O faro escuro
Autora: María López Sández
Editorial: Galaxia.
Son 31 capítulos, correspóndense a un por cada día do mes, existe un premio literario patrocinado por un diario coruñés con esas características,a sospeita de que este texto proveña desa “factoría” parece máis que razoábel. Trátase dun premio que aproveita moito aos autores, e moitísimo menos á literatura. Porén sempre pode haber casos de atopar algo salvábel. Pode que os textos, lidos día a día,no formato folletinesco, igual gañen e sexan un acaído reclamo á hora das vendas. Lidos en conxunto merecen o xuízo que antes expuxemos.
Unha novela curta son poucas personaxes, non hai espazo para subtemas que fagan a intriga máis intrincada e fonda. Polo que o autor ou autora debe forzar a inventio de maneira que sorprenda no remate, porque é o que se lle pide, que o remate sexa climático.Neste caso María López Sández propón unha lectura onde unha inspectora ( Neira, que ten fillo que require coidados permanentes e renunciou a ascensos que lle farían máis difícil conciliar vida laboral e familiar) debe investigar o caso dunha xornalista desaparecida cando se dispoñía a facer unha reportaxe co gallo do cabodano (17) dun naufraxio no que esa xornalista (Catalina) salvou a vida e que coincide tamén cuns asasinatos en serie que esa xornalista cubriu nos inicios da súa carreira profesional. E un faro, nunha illa que se percorre un dúas horas. E un pozo, no fondo do cal xace Catalina, á que de cando en vez lle baixan cunha roldana algo de comer e un can noviño, e que está sendo vixiada por cámaras conectadas a un ordenador. Quedan por mencionar os axudantes de Neira, Eva (documentalista) e Cuns. E o  fareiro.
Todo se vai contando de maneira alterna. Primeiro é o accidente aéreo de 1997. Despois a resolución do caso Catalina. Nesta resolución, un capítulo dá conta do estado da prisioneira e outro dos avances na investigación, de maneira que non se precipite nada. Non sempre é así, mais por regra xeral esa é a tendencia. Cun estilo sobrio no que salienta o uso do resumo, como é lóxico neste tipo de textos.
A propósito dos nomes cabe reflexionar un chisco no hiperrealismo de usar formas castelás: Catalina, Pablo. As formas castelás son máis comúns na realidade, mais a realidade que aquí importa é a literaria, estamos na literatura galega e non hai porque facer concesións a outras linguas cando a nosa onomástica está en perigo.
Porén non estariamos escribindo esta crónica libresca se o texto de María López Sández non se salvara da mediocridade de discursos que tantas veces manan desta fonte ( ás veces mesmo premiados). E é que o derradeiro capítulo redimensiona o contido de todo o anterior. De primeiras parece un capítulo que está aí para encher, para facer os 31 de requisito. Mais é xusto o parágrafo final o que lle dá outra dimensión a todo o lido anteriormente. Non deixa de ser unha novela curta policial, iso nunca, mais introduce o factor humano, o factor humano que leva por veces a facer o menos razoábel. Porque é así como se resolve finalmente a intriga. Non houbo que dar cen reviravoltas que entreteñan o lector mentres van pasando páxinas. Abóndalle con iso, con recoñecer que hai ocasións onde algo tira de nós que nos leva a facer o menos razoábel, tal como acontece na novela, e é iso precisamente o que nos proporciona a oportunidade de resolver cousas que a razón nos impediría.
ASD.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.