ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de A IDENTIDADE FASCINADA

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 26 Novembro 2015 @ 6:38 p.m.

PURO OITENTISMO
Título: A identidade fascinada
Autor: Antonio Piñeiro
Editorial: Galaxia
“O foco non pode ser un. Deixaría demasiado fóra e probabelemente –diría Goethe- todo iso fose o xenuíno,o que nos xenuizaría a nós” (13, salientado seu). De aí o texto concibido como mosaico, como patchword (salientado seu), entre a crónica, o ensaio novelado, as memorias, ou a novela, tendo como fío conductor a historia dos anos oitenta en Compostela. Aquela riada de estudantes que mudou por completo a faciana da cidade universitaria galega, coincidindo coa capitalidade e a chegada de poboación administrativa, a entrada da lingua e literatura no ensino e o desembarco literario entre un público novo. De 30.000 estudantes, a 60.000 matrículas para as que todo era novo. Estreábase liberdade, co ditador xa morto íanse abrindo as primeiras páxinas da liberdade, de liberdade individual e colectiva; a miña liberdade confluía coa túa liberdade e todos no Clangor, segundo Antonio Piñeiro auténtico catalizador hedonista dunha mocidade que reproducía, con achegas propias, o que fora a “movida viguesa” e tamén o que aínda era a orixe: a aldea, os lameiros, as corredoiras. Conformando un cosmos humano xenuíno e irrepetíbel que se reflectía nos locais de ocio e, en décadas seguintes, se espallaría por toda Galicia.
Con moito de nostalxia íntima chega esta reflexión sobre o que significou a deácada dos oitenta compostelá. Con moito de nostalxia e sen pretensión de totalidade, consciente das súas fronteiras, pois fican fóra dela algúns acontecementos que marcaron os anos oitenta, ocórrensenos por exemplo a morte do Zeca Afonso ou o traslado dos restos mortais de Castelao a Galiza. Nostalxia fascinada. Era a fascinación da liberdade recén estreada e era a fascinación do ser propio en proceso de descuberta íntima e social. Pois aquela riada de alumnos que enchían as rúas santiaguesas dos oitenta recoñecíanse a si mesmos no mesmo proceso en que recoñecía a alteridade, o outro. Non nos cansaremos de repetilo, por primeira vez en liberdade.
Ese significado de descuberta reflíctese na arte ( Atlántica, Chévere) ou no Club de Bolsa de Económicas e tamén na literatura, onde conviven dúas xeracións: a dos clásicos (Novoneyra, Ferrín) e dos novos que pulan por facerse un sitio; desde o Reigosa que descubriu a Compostela negra a Fernán-Vello. E tamén nos políticos, pois moitos dos políticos (Pilar Candocia, Néstor Rego) actuais facían as súas primeiras táboas entre a luz dos flexos e o tintilar dos vasos ou cuncas de viño. No Modus Vivendi, no Tai, no San Clemente, no Número K, na Ofisina, no Tarasca, no Derby, no Papa Upa, La Bolera, Metate, Fuco-Lois, e, por suposto, Clangor, pois co atentado en Clangor remata a década fascinada. Unha fascinación que aínda hoxe aniña nos nosos corpos cando paseamos as rúas compostelás. E pode que esa fascinación, esa década fascinada fora tan importante na historia do noso presente, porén non cómpre que a fascinación cegue os nosos ollos porque quel universo humano non era o mellor dos mundos posíbeis, nin o era nin foi unha década tan “perfecta”, pois despois dela chega a dos noventa, que xa non é tan prodixiosa e nela asentan primeirmente algúns dos “vicios” da sociedade actual, como o descompromiso social, como o desapego polos sinais de identidade ( lingua, cultura). E ben pode ser que aquel tanto hedonismo, caracterizador dos oitenta, sexa o xermolo de onde nacen para despois espallarse pola sociedade.
Enténdese ben o título, a identidade, a conquista da individuación, a forma en que se produciu, os lugares onde se produciu, fascinada, fascinada pola propia significación do proceso, fascinada polo que socialmente representa e representará. Na década en que se instala o consumismo e os mozos ou mozas con catiuscas baixan os Basquiños no autobús que os leva ao cuarto entre as fotocopias de Tórculo aínda viñan do rural.
Quizá haxa algo de apoloxía nestas páxinas. No eido musical e de ocio, igual Clangor tivo a importancia que tivo, non o negamos, mais si notamos a ausencia de nomes que protagonizaron a década dos oitenta, como é o caso de Os Resentidos ou Os Diplomáticos de Montealto que xa daquela comezaban a bourear duro.
En todo caso a lectura resulta fascinante, desprende fascinación e nostalxia en alíquotas cantidades.
ASDO.: Xosé M: Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.