ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de O ÚLTIMO DÍA DE TERRANOVA

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 3 Decembro 2015 @ 7:40 p.m.

MANUEL RIVAS, DE NOVO
Título: O último día de Terranova
Autor: Manuel Rivas
Editorial: Xerais
Quédanos a esperanza de que Manuel Rivas non quixo titular “o derradeiro día de Terranova”, e quizá fique algo da mítica Terranova en calquera outra libraría, en calquera outra xeografía, habitada polos libros, que dera resisitido o terríbel ataque da especulación inmobiliaria como non puido facer a Terranova fundada por Amaro Fontana e a súa dona Comba, que despois sería dirixida polo seu irmán Eliseo e agora o é polo seu fillo Vincenzo, vítima da poliomelite que o franquismo queixo minimizar e que o deixou aleixado de por vida. Quédanos esa esperanza porque O último día de Terranova é unha homenaxe ás librarías e libreiros, unha xusta e sentida homenaxe a eses territorios de resistencia e rebelión que representan as librarías, esas librarías que sempre son depósitos de soños que alguén pon en orde, andel por andel, e ás que chegaban, no contrabando das maletas dos mariñeiros e emigrantes, aqueles libros de Ruedo Ibérico ou Botella al Mar, a mesma A esmorga de Eduardo Blanco Amor ( EBA na novala), por exemplo. Por exemplo e por dicir un pois, sendo homenaxe a librarías e libreiros, ten que selo tamén aos libros, sobre todo aos libros clandestinos, mais toda a novela está preñada de títulos de libros, uns máis coñecidos (Pedro Páramo) e outros menos. O Manuel Rivas que xa festexara o libro en Os libros arden mal, retruca outra volta cunha homenaxe que tamén os atinxe, pois sen eles é imposíbel calquera libraría.
Dixemos da mítica Terranova porque o é, Manuel Rivas converteuna nun lugar mítico nos nosos corazóns e na memoria de quen se achegue aos libros con bo ánimo e mellor vontade. Como tamén é mítica a Terranova como caladoiro onde pescar. E algo de referencia a ela si hai no nome da libraría. Algo. E non só porque a libraría dos Fontana é en si unha terra nova, non só polo seu carácter de ponte insular que fai posíbel a chegada a refuxio do libro clandestino, senón que é un territorio novo e moi de seu, que conta con xeografías propias: a Cámara Estenopeica, Penumbra, Trasatlántica, Mobilis in Mobili, cun teito que é un campo de estraloques. Un territorio ao cal chega Garúa, arxentina que anda en círculos, da man dun mozo Vincenzo Fontana, que aprendeu a superar a súa desafección polos libros cando soubo do seu poder salvífico. Que é tamén o territorio de Baleia, unha cadela que non ladra, de gatos e de plantas e de ladróns de libros. Un territorio, en definitiva, para as historias que Vincenzo lembra e nos vai contando, con múltiples saltos no tempo, e que constitúen o discurso novelístico en si.Un territorio para Dombodán, que nace de repente e non está estruturado para morrer igual que non está estruturada para morrer unha novela, esta, que non remata cando se pecha o libro senón que vive no interior do lector como territorio de afectos e denuncia. Non só denuncia da especulación urbanística senón de todas as penalidades que tivo que sufrir no franquismo un lugar como este para a marabilla, que xunta unha morea de personaxes únicas, como Eliseo, que pertence á Internacional Surrealista, onde hai unha raza existencialista e un nariz pode ser futurista, un paraugas pode ser cubista e a mentira metafísica, unha vaca chámase Electra e dúas personaxes Jonh Deere e Husqvarna.
Evidentemente é unha novela e como tal novela é ficción, mais marabilla que así e todo sexa tan real. Non existiu ningunha Comba, e o seu inquebrabtábel amor aos libros, mais cantas Combas haberá neste mundo baixo un manto de anonimato. Este é o inmenso poder da literatura, que cita na libraría Terranova a Lezama Lima, María Zambrano, Federico García Lorca, Borges, Eduardo Blanco Amor, Teixeira de Pascoaes, Miguel Torga ou Nicolás Guillén, para conformar un incomprábel paraíso de disidencia, resistencia e goce transgresor. Calidades sen as cales é difícil de imaxinar unha especie humana verdadeiramente progresista e non ancorada na cutrez casposa do inmobilismo fascistoide. Por iso este último día de Terranova é tan grande, porque é moita a historia a contar, máis de 60 anos resistindo os embates dunha vida a contramán. Agora vai caer vítima da insaciábel especulación urbanística, mais xa é demasiado tarde, a novela xa está nas librarías e na memoria dos nosos corazóns.
ASDO.: Xosé M. Eyré

2 Comments

  1. Xulia Rodríguez Abella:

    Estou lendo a novela e de novo comprobo como M. Rivas consegue engaiolarnos unha vez máis. Espero que se entusiasme tamén o alumnado!

  2. xmeyre:

    Beizón polo comentario, Xulia

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.