ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de LOURENÇO, XOGRAR

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 10 Decembro 2015 @ 7:43 p.m.

UNHA (BOA) NOVELA MOI NECESARIA
Tïtulo: Lourenço, xograr
Autor: Manuel Portas
Editorial: Galaxia
Hai novelas que dan para unhas cantas horas de entretemento e xa por iso son válidas e ben vindas por canto contribúen á mantenza do sistema. E hai novelas que, por demais do pracer que se obtén coa súa lectura, son indispensábeis para o sistema, para un sistema literario que as botaba moito de menos. Ese é o caso do Premio García Barros 2015, esta Lourenço, xograr que nos ocupa hoxe e é da autoría de Manuel Portas. Alén de Magog (María Gándara, Xerais, 1997) moi pouco se ocupou a nosa prosa do período medieval, sempre estará aí o Xelmírez oteriano e a Morte de Rei  de Darío X. Cabana ( 1996, Galván en Saor tamén hai que telo en conta) ademais de As chaves do tempo  de Luísa Villalta. Mais no que atinxe ao perío xograresco só lembramos As flores do meu amigo (Rafael Sánchez Lorenzo, Xerais, 2000) como achegamento ao tempo da explendorosa lírica medieval. Por iso esta Lourenço, xograr é tan importante, porque ten como centro a vida dun dos xograres máis interesantes que a época medieval nos legou. Pouco sabemos del, case nada. Por iso, en boa parte, é posíbel a novela de Manuel Portas, desde a ficción achéganos a vida do xograr Lourenço. Seguramente a súa vida foi ben outra, mais non se pode negar que a novela está ben ambientada e sustentada nunha esculca histórica metódica.
Se o sistema literario ten poderosas razóns para darlle a boa vinda, non é menos o sistema edcativo, pois vén encher un baleiro de lecturas que sempre foi moi doloroso. Ter unha litreratura tan importante como a lírica medieval e tan poucas lecturas que a apoiaran complementando a das propias cantigas. De xeito que Lourenço, xograr ha ter un bo nicho de vendas no ensino, ano tras ano, non é para menos.
A novela preséntase dividida en dúas partes, en dous libros. Por un lado as aventuras de Lourenço en canto é axudante do ferreiro, e por outro o resto da súa vida. Dúas partes moi distintas, pero as dúas con capitulos que van encabezados por resumos en linguaxe medieval, tal que se foran cantigas de Santa María. Un exercicio de estilo e achegamento á escrita medieval moi a ter en conta pola dificultade que supón. Isto dálle un ar de novela histórica que se garadece moito. Se ben somos da opinión de que a novela histórica a distingue, da novela de fondo histórico, precisamente o tratamento lingüístico, e neste caso resulta que a noevela está escrita en linguaxe actual, tamén é certo que resultaría ben complicado para o lector se toda estivera escrita tal que os resumos inciais. Deste xeito, a novela fica entre dúas augas, mais non é isto desdouro ningún, ou algo que lle apoñer como chata. Pois tanto a novela histórica como a novela de fondo histórico sonperfectamente lexítimas.
O Libro Primeiro preséntanos a un Lourenço axudante do ferreiro Diogo no mercado de Braga, que vai ter un comportamento heroico cando os asalten uns bandidos, e que vai coñecer a Joam Garcia de Guilhade, quen o convence para que o acompañe como xograr. Este Garcia de Guilhade é infante de moitas ínfulas e moi pouco pecunio, mais aínda así Lourenço non desaproeveita a ocasión e viaxará con el a Galiza, estando con el en Santiago, cas dona Maior, e marabillándose da catedral e do fervedoiro de xente que alí acode. O texto, entrefrebado con algunha cantiga, é dunha novela de iniciación que garda certo ar picaresco, só certo ar, mais que lle avén de marabilla por canto reforza a imaxe de novela histórica e contribúe a que o lector se mergulle na realidade medieval que presenta a novela. Unha novela de aventuras, que está protagonizadapor un segrel, o de Guilhade, e un xograr: Lourenço. Que tamén presenta outra cara que é a da intriga política, pois a causa da viaxe a Galiza non é outra cá de establecer contactos para que Afonso o Boloñés veña a Portugal facerse cargo dun reino que seu irmán Sancho II, o Capelo, desatende. Toda esta parte conta cun narrador en terceira persoa.
O Libro Segundo é completamente diferente do primeiro. Agora está escrito en primeira persoa, mais non nunha primeira persoa senón en varias primeiras persoas, pois son varias as personaxes que desde o seu discurso dan conta da vida e aconteceres de Lourenço. De xeito que a novela acada un niveis de completude moi elevados grazas a este multiperspectivismo. Aquí tamén o centro é outra viaxe, neste caso a Toledo, onde Alfonso X tiña reunida unha corte que na cal os xograres e trobadores provenzais se achaban moi a seu gusto. Aínda que Lourenço nunca será dos que troben á maneira provenzal, a viaxe si lle será moi útil e nós déixanos a oportunidade de ler un capítulo do que que é autora nada menos que María Pérez A Balteira. Nesta segunda parte a novela abandona aquel ar picaresco e afonda moito máis na intriga política. Afonda moito máis na intriga política mais sen desatender a compoñente social que o multiperpectivismo axuda a lograr.
Mais por riba de calquera outra intriga, por riba inclusive da novela de aventuras, a de Manuel Portas é a novela dun transgresor, a novela dun Lourenço que que non se conforma coa condición de xograr a que a súa nacencia o ten condenado, e se postula como trobador. Toda vez que a súa arte non é inferior á doutros trobadores, Lourenço non descansará en perseguir o seu soño. E resúltanos difícil escoller como prioritaria unha cara da novela, do poliedro que a conforma, toda vez que todas está moi ben conxuntadas e se afirman unha noutra. Mais se tiveramos que escoller algunha, esa sería esta do Lourenço que non desacansa na persecución so seu soño.

ASDO.: Xosé M. Eyré

2 Comments

  1. Pedro Mosquera:

    A novela está magnificamente ambientada, cunha trama ben artellada e moi agradable de ler, tratando un tema ben pouco abordado na nosa literatura. Tenta inmiscirnos na época a través do uso de termos galego-portugueses xa non vixentes na actualidade, para dalle esa aura medieval; pero váiselle a man en ocasións e queda o regusto “lusista” do autor…

  2. xmeyre:

    Non é que se lle vaia a man, Pedro. É que hai que ter en conta que o protagonista á portugués, creo eu.
    Beizón polo comentario.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.