ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de DE REMATE

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 23 Decembro 2015 @ 7:23 p.m.

FIESTRAS E UNHA ÚNICA PAISAXE
Título: De remate
Autor: Héctor Cajaraville
Editorial: Xerais
As fiestras son eses ocos na parede que permiten a entrada de luz e nos asoman ao mundo exterior. Tal como esta novela de Héctor Cajaraville, vencedor ano último Premio Xerais. En De remate ( construída a base de colaboracións xornalísticas de variada índole, correos electrónicos, anotacións nun diario peroal, documentos de texto, entrevistas, poesía e crítica) tamén permite o achegamento de luz sobre diversas cuestións ( carreto de votos, identidade galega, mascotas de eventos, a moda de correr, a Galiza real e a imaxinada, os pros e os contras da mocidade, a illa de San Simón, os antroidos galegos -particularmente o Oso de Salcedo-, o Xardín do Pasatempo…Ás veces con ironía, fina ironía e humor. E tamén aos pormenores dunha vida con data de caducidade. Do cosido de toda estas fiestras resulta a novela que é unha parte da vida do autor implícito: Bieito Sanmarful.
Sendo o contido das colaboracións xornalísticas tan diverso e non se podendo establecer continuidade temática entre eles, as costuras para que a novela teña un contido indetificábel son cousa dos outros textos, que sitúan as colaboracións xornalísticas na vida do autor e nos dan conta do seu acontecer vital, non importando nada a variedade textual que ofrecen. Esa é precisamente unha das virtudes da novela, partir dunha variedade textual ampla para ofrecer o acontecer vital do protagonista central á vez que se atenden múltiples temas que van xurdindo tanto no día a día de Bieito Sanmarful como no do lector.
Ás veces establécese certa recorrencia entre as colaboracións xornalísticas e os outros textos, pois estes tenden a facer referencia os artigos a partir das reaccións que provocan nos lectores; mais non sempre, outras veces tratátase da reacción do propio autor unha vez publicados os artigos.
“ Da columna de opinión á reportaxe, da crónica ó relato, pasando pola noticia covencional ou a entrevista, as colabracións son inclasificábeis segundo a categorización convencional”(12) velaquí un fragmento do prólogo que Pablo Cardeiro, editor de Bieito Sanmarful, nos ofrece da novela que constitúe o conxunto das 22 colaboracións xornalísticas mais o resto de textos. “Nunha amálgama de estilos, nun xogo literario ( ás veces metaliterario) no que os protagonistas son o propio autor e as súas teimas, zunas e obsesións. Mais acaso non é sempre así?” (13). “Aínda diriamos máis: algunhas das cousas que Sanmarful conta nos seus artigos só son verdade polo feito de el as escreber” (13)
Evidentemente, despois do dito, trátase dunha novela de xornalista, unha novela que incide na presencia de tantos autores da literatura galega que tamén son xornalistas,e os homenaxea con frescura e decisión. Con frescura porque é ese é un dos denominadores da novela, a frescura e desdramatización dos artigos, que sempre son convite para a reflexión e para tal convite non é precisa a dramatización senón que resulta inmmellorábel, tantas veces, unha presentación áxil, desinhibida mais sen tocar un dramatismo que xa nos é abondo o que vivimos no día a día ás nosas costas. Esta desdramatización é , ao noso ver, un acerto básico do autor, Héctor Cajaraville, aclarámolo para que non se confunda co outro autor, o implícito, un Bieito Sanmarful de orientación sexual pouco definida e doente dunha enfermidade que lle ten os días contados. Aí si hai dramatismo, mais non importa tanto, sabemos que a novela ten que rematar algunha vez e unha das poisbilidades é que isto aconteza porque o autor implícito, e protagonista central, desaparece. Eis unha novela que se reinventa con cada novo capítulo, mais aínda así e a pesar da súa heteroxeneidade logra un texto ben cosido e de historia central única. A paisaxe única que se constrúe asomándonos a todas as fiestras.
De entre toda a hibridez xenérica que caracteriza o texto, o lector irá tirando cales artigos se acomodan máis aos seus gustos. Imposíbel non facelo. No noso caso son aqueles que teñen que ver coa lingua e mais a retranca marabillosa de “Un café, un voto”, digno de figurar en calquera antoloxía que se preze. Que non é pouco dicir para un autor que se presenta, avalado polo Premio Xerais, con este texto. Sempre é unha marabilla comprobar como a canteira de novos autores non se esgota e saen novos nomes que teñen moito que dicir, no presente e mais no futuro.
ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.