ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de OS ELEFANTES DE SOKÚROV

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 30 Decembro 2015 @ 7:43 p.m.

RABUÑANDO NA HISTORIA
Título: Os elefantes de Sokúrov
Autor: Antón Riveiro Coello
Editorial: Galaxia
Alexander Sokúrov (14-6-1951) é un cineasta ruso que imprime aos seus filmes unha marca distintiva propia consistente na alta esixencia estética,e que gañou o León de Ouro no Festival de Venecia de 2011 con Fausto, reflexións a cerca da cal aparecen na novela de Antón Riveiro. O cinema segundo Sokúrov é a arte do plano, se é que se lle pode chamar arte, que aínda está lonxe de selo, na súa opinión. Os elefantes son completamente alleos á súa filmografía, e na novela que hoxe nos ocupa teñen a misión de cambiar de perspectiva a quen sobe neles.
Antón Riveiro Coello preséntanos unha novela de fondo percorrido. En resumidas contas redúcese á historia de Janis e Constantino, a particular de cada un e de ambos xuntos. Pero é moito resumir porque case tanto protagonismo téñeno as histoiras colindantes, as que as envolven. Janis é unha moza na trintena, licenciada traballando nun xeriátrico, un exemplo máis da mocidade frustrada que percorre as nosas rúas neste tempo de crise e involución que non lles deixa a mínima oportunidade. E pode considerarse afortunada porque aínda vai tirando sen ter que emigrar. Pola súa banda, Constantino é un escritor de guías turísticas que está en Compostela escribindo unha. Porén iso é só a tona. Janis é filla de hippies, orfa desde moi nena en circunstancias que a lectura desvelará como pouco claras. E Constantino é fillo dun asasino, un asasino que só con 17 anos deixou unha vida segada nunha cuneta, tamén está en Compostela para pedir perdón polo acto do seu pai. Ambos converxen na cafetaría Gramola, na compostelá praza de Cervantes e , desde esa, parecen predestindaos a estaren xuntos.
É moi de louvar o esforzo por nos presentar personaxes dos nosos días, para que a novela prenda máis en nós. Xentes rebuscando nos cubos do lixo, xentes sen teito nin esperanza, non son os portagonistas directos pero si un decorado de fondo que fai a novela máis críbel, máis nosa, máis actualizada. Agás o caso de Nela (desde nena amiga íntima de Janis, e Lucía) que teñen un protagonismo máis directo. E por outra banda o xeriátrico,a poboación envellecida que se xunta para pasar o tempo que lles queda. Son as flores. Son as flores da primeira parte (“Janis e a flores”). Este é o panorama, unha mocidade sen esperanza e unha poboación envellecida para a cal a esperanza dun día máis xa é abondo, no cal se desenvolve a novela e no cal se desenvolven os días que pasan por nós deixándonos como espectadores atónitos dun filme que tamén protagonizamos. Para completar o cadro, Constantino é un neofalante, orixinario da provincia de Salamanca, viviu un ano en Portugal ademais de tomar clases de galego e desenvolverse na nosa lingua. E a trama novelesca desenvólvese nas vacacións de Nadal. De feito a terceira parte ( “A cea”) é a cea de Noiteboa.
O pulso narrativo do discurso descansa nos cambios de perspectiva desde os cales se nos vai completando o mosaico que é a novela. Ás voces de Janis e Constantino únense as de Nela, Linda ( filla dunha das velliñas, comercia co sexo de alto standing), Roberto ( pai de Janis, que atopa unha nova parella en Cristina), Cristina( parella de Roberto e artista plástica par a cal as colores primarias do vermello e o negro teñen unha importancia capital), Herminia e Oliva ( dúas das velliñas). Todas estas voces, conxuntadas á perfección, cóntannos a novela. Unha novela que ten unha trama para nada equivalente á simpleza da planicie coa que Sokúrov concibe o cine. Todo o contrario. De aí os elefantes. Os elefantes que nos elevan e nos dan outra perspectiva das cousas. Como na novela, que non todo é tan simple. As historias das velliñas son xa complexas de por si, mais a de Janis non se sospeitaba que puidera ser tan complexa, de feito a morte da súa nai abala entre o suicidio e o accidente. Cómpre rabuñar na “luz inédita que o eslúe todo coma nunha película se Sokúrov” ( 404). E as rabuñadelas correspóndense cos cambios de perspectiva. Infortunadamente hai algo que non variará malia os cambios de perspectiva, e é esta sociedade inxusta, esta sociedade envellecida que condena a mocidade ao desemprego ou á emigración. Riveiro Coello sábeo e por iso entra na novela, xa dixemos, actualízaa, faina máis veraz. É coma se autor pousara unha historia máis entre as miles e miles que conforman a nosa veciñanza habitacional. É ficcción. Si. Mais como a vida mesma. Testemuño queda. Dunha situación caótica e insostíbel. E dunha boa novela.
ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.