ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de O DESERTO

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 7 Xaneiro 2016 @ 6:35 p.m.

ATRAVESAR O DESERTO
Título: O deserto
Autora: María do Cebreiro
Editorial: Apiario
A vida humana xa non se pode entender sen a metáfora. Pouco a pouco, chanzo a chanzo, a metáfora foise facendo imprescindíbel na nosa maneira de concebir o mundo, de interpreter o exterior a nós e dotarnos dun lugar no que recoñecernos. De entre todas as metáforas, as que teñen que ver coa vida teñen unha especial importancia para nós pois María do Cebreiro proponnos o deserto como metáfora da vida. O deserto. Ese abismo repleto de nada onde habitamos o inverno do noso descontento. O inverno do noso descontento, outra metáfora máis por moito que ninguén poida citar o corazón do inverno que tampouco é a pretensión da poeta porque este non é un libro desolado, como puidera parecer polo título. Senón que é un libro cheo de reflexións poéticas a indgar sobre a vida e os seus recovecos. Porque podemos ser insubmisos a todos, agás a nós mesmos,e nós mesmos somos o principio da vida que nos é máis familiar e próximo. Esa reflexión, prolongada en quince poemas, comeza cunha “Nota sobre a escultura”, concibido inialmente pra unha exposición de Gonzalo Sarasquete (Museo do Pobo Galego, 14 de xullo de 2015), mais en realidade xa o fixo antes, con esa concepción estética do libro como devocionario, estampas incluídas que marca todo o poemario.
María do Cebreiro non cre na identidade entre o ben e o desexo e aínda que se atreva meterse en fonduras non é quen de adiviñar o segredos do outro, porque agora todo é dous. Non existe o un como identidade senón que esta identidade é compartida aínda que todos vivamos segundo o noso propio código, repetindo rituais onde macho e femia han de pelexar e a traizón é o destino das promesas. Malia todo somos identidade compartida e pregúntase se nunca foi posíbel transmitir nin develar os segredos do amor. Somos identidade verbal compartida malia que as nosas palabras tenten dispoñer as cousas nunha orde e a orde sempre é algo que acontece despois. Que sexamos identidade compartida non é nada meliorativo nin pexorativo, simplemente é, e con arranxo a iso hai que vivir. Igual que o feito de que muller sempre escriba co corazón en chamas, se ben esta é unha denuncia que cómpre desterrar, non por ser muller ten que escribir sempre co corazón en chamas, polo menos non debería. Como vemos tamén chega á denuncia, aínda que é fundamentalmente unha poesía discursiva, moi reflexiva, de verso longo e meditabundo, ás veces cerca da prosa poética ou mesmo do conto moi breve
Os enfermos ( o poemario foi escrito durante unha longa convalecencia), os nenos de peito e os amantes exercen como únicas testemuñas da vida que baixo ningunha circunstancia se detén. Quizá por iso os animais humanos somos cegos ao grande misterio do crecemento das cousas. Submersa nese grande abismo, ela concédelles cada seu espazo ao sangue e a o seme, os fluídos da vida, e ao separar cada un dos espazos libéraos. Pero os humnos non somos animais de razón nin de fala, somos animai de ruptura, de abismo, nin sequera de lembranza, de feito ela non quere que lembre senón que siga vivo na súa pel tal como ela soña que nace no seu corpo a cada instante. Eis outra vez a natureza dual. Unha dualidade cocebida commo unidade e polo tanto exposta á ferida,a ferida que ninguén lle vai dicir canto a estrañará cando sande. Propón desfacer o límite entre a creación e as criaturas, entre o amor e o que se ama, expostos a que o vento entre en nós a través da pequena ferida do frío.
Libro de pequeno formato,composto en caracteres Bodoni de 9,5 pt., conta con ilustracións de François-Joseph Navaez, Fra Angelico, Francisco de Zurbarán e un fotograma de Roberto Rossellini ( Viaggio in Italia) así como de La Bête Humaine de Jean Renoir. Transita dalgún xeito cara ás formas do amor, ou cara ao amor, como xeito de plenitude e cara a posibilidade do enxendramento como finalidade irrenunciábel. Un amor de pel con pel, onde morren as palabras, como roupa que nos envolve mais que non doe, como túnel cara aos outros.. Un amor tan racional como irracional, como procura, mais unha procura pode ser desinteresada e non dar froitos por moito que se gorecese da chuvia. Quizás a morte sexa unha experiencia nobre eno derradeiro instante esteamos sos. Pero é que non hai que andar buscándolle sentido á vida. A vida é o sentido. Naturalmente pregúntase cantas das nosas ilusións son serán máis que espellismos cando o único que importa é a direccción do vento, pois a forza que precisamos para construír é a mesma que necesitamos para derrubar. Pero sempre quedan pegadas da mortalidade, aínda que sexa impresas nun muro ou no corpo do outro. Ela segue crendo na intelixencia do amor a través das primaveras incontables du mundo, e non renuncia a calquera tipo de influencia, sexa pictórica, cinematográfica, proveniente do cancioneiro tradicional ou mesmo da mitoloxía clásica.
Conclúese que que o deserto é unha forma brutal de plenitude e apélase á lóxica das sensacións. Pero os fillos, antes de seren fillos de nai son fillos da terra, dándolles aos deuses unha lección de soberbia e humildade.
Eis un libro para atravesar con devoción racional, tanto na procura de sabedoría como do irrenunciábel feito poético.

ASDO.: Xosé M. Eyré