ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de SOBREVIVINDO

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 14 Xaneiro 2016 @ 7:47 p.m.

A NOVELA DE VAL VALDÉS
Título: Sobrevivindo
Autora: Arantza Portabales Santomé
Aranza Portabales Santomé é filla da emigración ( San Sebastián, 1973), escritora habitual de narrativa hipercurta na rede, e gañadora do XV Premio de Novela por Entregas que convoca un coñecido diario coruñés con Sobrevivindo,a novela que hoxe nos ocupa e que é máis novela que novela por entregas. Cumpre os requisitos marcados ( 31 capítulos, 3500 caracteres) da convocatoria, porén a enxeñaría estrutural é máis de novela que de publicación folletinesca aínda que se siga esta con moita atención. O xogo das analepses e prolepeses e, sobre todo, que cada capítulo se corresponde coa perspectiva dunha personaxe ( Val, Roi, Martín, Marcos, Roque; sempre nesta orde de aparición) fan que o produto final teña máis que ver coa novela (breve) que coa novela por entregas. E, á súa vez, esta singularidade obra que teña para o crítico un interese moito maior que claquera dos outros discursos premiados que se cinguían máis á estrutura folletinesca. En realidade non é que o cambio perspectivesco sexa moi fondo, é simplemente que os capítulos levan eses nomes de personaxes, mais, por outra banda a trama avanza case indiferente a que se trate desta ou daquela personaxe, se ao capítulo lle poñen outro título pouco mudaría a cousa.
Val Valdés é unha personaxe complexa, moi complexa. Intelixente, manipuladora, fanática da orde e a rutina, tamén é unha muller fría, desapaixonada, calculadora e, se cómpre, moi filla de puta. Que cómpre, porque a novela comeza con Val Valdés presentánsose a un reality onde esas cualidades son moi útiles a quen queira gañar, que é o irrenunciábel propósito de Val Valdés. Tina, nos anos de adolescente. Val Valdés nace para gañar o reality é despois guiarse con man firme no mundo dos negocios, onde chega tamén a sobresaír. Porén Val Valdés mata un home, e confesa ser a autora da súa morte sen que haxa ningunha dúbida ao respecto. Porque o fixo? Que foi o que a levou a pegarlle un tiro a Marcos, mozo de Tina cando adolescentes? Unha estrutura clásica de cinema negro. Toda a novela, toda a montaxe da autora, obedece a un propósito: explicar porque sucedeu o que sucedeu á vez que se crea suspenso cara ao remate que terá a trama.
Xa sabemos quen é Val Valdés, muller de orixe humilde que pega un braguetazo e se fai cunha posición económica e social relevante, pero que será o reality quen a lance á fama e a orixe da súa fortuna. Xa sabemos quen é Marcos, o seu mozo adolescente, a súa vítima. Porén hai máis personaxes. Martín ( non Martiño, a novela transcorre entre santiago de Compostela e Madrid, case por completo, de aí que a onomástica da novela sexa unha mesturanza),  é o xefe do gabinete xurídico do grupo LAV, o grupo empresarial de Val, e persoa que coñece moi ben esta muller fatal, porque ten o seu de muller fatal, atraente e destrutora á vez. Roi é o fillo de Val. Un fillo que ten sendo moi nova, que herdará o imperio creado pola nai e mais o da famila Wagner, herdando da súa avoa Emilia, quen non sente ningunha simpatía por Val Valdés, todo o contrario. Mais quen é o pai de Roi? Esa é unha incógnita, que nós non imos desvelar, coa que se xoga cada vez máis segundo a novela avanza. E Roque, o padre Roque, é o director do colexio privado no que estudaran Val e Marcos, colexio privado que ten que bandonar as súas instalacións mentres se celebra cea 25 aniversario da promoción de Valentina, Val, Tina.
Matías, marido de Val; Tamara, amante de Marcos; Nuria, viúva de Marcos; e Míriam, moza de Roi, completan a nómina de personaxes que se moven pola novela e teñen algunha incidencia no deselvolvemento desta. Xogando con este reducido número de personaxes, a autora logra un discurso que vai in crescendo en canto ao seu interese, dosificando moi ben a administración da información que se lle dá ao lector, deica o capítulo 30, onde verdadeiramente fican resoltas todas as interrogantes, sendo o 31 un capítulo de confirmación que a autora aproveita para pechar o círculo, darlle aparencia de círculo a unha novela que remata case como empezou. E outra volta volvemos ao cinema negro clásico.
Unha nova autora á que seguir con moito interese.
ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.