ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de CABALOS E LOBOS

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 21 Xaneiro 2016 @ 7:25 p.m.

A VERSIÓN OFICIAL
Título: Cabalos e lobos
Autor: Fran P. Lorenzo
Editorial: Xerais
Podemos vivir cos silencios, podemos vivir coa incerteza, podemos vivir coas lagoas dun pasado que nos pertence mais que, polos motivos que sexan, descoñecemos. Pódese. Mais esa vida é unha vida a medias, é unha verdade a medias, unha árbore a medio trasplantar. Iso é o que lle acontece a Paula Costa Beckmann. Cando lle din que ten que facer unha biopsia pulmonar, sente que hai aspectos do seu pasado familiar que a atinxen mais que que desoñece, e ese descoñecemento amólaa. Polo que decide restaurar a Versión Oficial (V.O.) da historia familiar, como estratexia para deixarlle ao seu fillo adolescente Thomas un pasado recoñecíbel sobre o cal elevar a súa propia vida, para que poida vivir a súa propia vida sen a sombra dos silencios familiares, das lagoas do pasado. E lograrao. Porén, ademais de Paula, só será o lector quen sexa o definitivo coñecedor da historia da familia Costa Beckmann.
Cabalos e lobos tamén é unha novela de Vigo, unha novela transitada por Vigo e que, salvantes pequenas excepcións, se desenvolve integramente en Vigo. Sobre todo teñen especial importancia dous enclaves. Gran Vía nº 2, edificio Albo, que funciona case como unha metáfora da propia familia Beckmann e do mesmo Vigo e da novela, ese edificio encarna o señorío que o clan Costa Beckman reclama e tamén o desenvolvemento dunha cidade laboriosa que non deixa de medrar. E a Privada Moderna, urbanización modesta,obreira, onde viven Delfina, criada dos Beckmann e mais o seu irmán, que terá un papel fundamental no desenvovemento e na resolución da trama novelesca. A través do edificio Albo, tamén é unha maneira de homenaxear a Francisco Castro Represas, arquitecto vigués sen o cal non se entendería o medre da cidade no século XX, homenaxe expresa no propio texto, un texto que vén enmarcado nun plano de Vigo para que o lector non vigués poida situar mellor o desenvolvmento da trama.
O que non é é unha novela da guerra. Teñen unha importancia capital tanto a Guerra Civil española como a II Guerra Mundial, porque proporcionan o caldo de cultivo no cal vai medar a familia Costa Beckmann, primeiro afecta ao fascismo español e despois a movemento nazi alemán. É máis, se non chega a ser polo réxime moral imposto polo franquismo non tería lugar, non se entendería o desenvolvemento e resolución da trama, sen a Lei de Vagos e Maleantes sería imposíbel unha trama coma esta. Porque tamén é unha novela para o contraste, o contraste entre a sociedade na que vivimos agora e aqueloutra repleta de penurias morais que nos tocou padecer durante corenta anos de fascismo a man alzada.
A novela conta con tres partes ( “Gran Vía nº2”, “Descampado” e “Alba de Gloria” e dúas voces ( Paula, na primeira e terceira partes,e Älvaro, na segunda). E engancha ao lector porque o pulso narrativo de Fran P. Lorenzo sabe atraelo e que non abandone a lectura. A primeira parte presenta a unha Paula molesta polos ocos, polos silencios familiares que a ela se lle fan notorios a partir da Gran Caída, que non é outra que a de Ramón Costa, unha noite de 1960, desde o oitavo andar do edificio Albo. Foi un accidente? Foi un asasinato? A que se debeu?Esas tres preguntas sen resposta magóana porque ela quere que o seu fillo Thomas se enfornte á vida sen as sombras e as dúbidas que ela padeceu. Máxime sendo membro dunha familia socialmente notábel, que sempre son proclives a ser suxeito de rexouba popular, con razón ou sen ela. Cómpre indicar o ben logrado que está na novela o devir social e ideolóxico da familia Costa Beckmann, desde o seu hipócrita filonacismo inicial que abandona á súa sorte á familia Skov sen renunciar ao colar que lles madaron para lograr a súa axuda e fuxir daquel inferno que xa era Lübeck, a outra ideoloxía ben diferente que se adiviña en Paula en Thomas.
A segunda parte constitúe a resolución parcial das incógnitas sementadas, porén o lector sabe que ten que haber máis. Álvaro conta a súa historia de silencio e homosexualidade, dun amor tolo que os tempos non queren recoñecer e condenan ao ostracismo da marxinalidade culposa, mesmo delictiva, nunha carta a Thomas e a pedido de Paula, Álvaro dá conta da súa paixón polo irmán de Delfina, a criada. Ese é un dos grandes silencios, neste caso un silencio presentido porque o autor vai deixando caer as suficientes pistas como para que o lector sospeite. Porén ten que haber máis, ese non é cume da pirámide, aínda que teña que ver con el. E ese máis chega na terceira parte, a máis cativa das tres, coa resolución da Gran Caída, sorpresivamente porque agora si que non é posíbel adiviñar nada. Deste xeito, Fran P. Lorenzo logra unha novela redonda. Nin máis nin menos que as penurias e éxitos dunha familia socialmente notábel viguesa, contados coa pericia dun arquitecto competente que sabe dispoñer os elementos para que a súa grande obra,a súa grande pirámide sexa culminada pola redondeza dunha novela completa.

Actual Premio Blanco  Amor.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.