ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de CAPITALISMO E FASCISMO. PSICO-ONTOLOXÍA DA ESCRAVITUDE

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 1 Febreiro 2016 @ 9:44 p.m.

A MÁQUINA SEN FIN
Título: Capitalismo e fascismo. Psico-ontoloxía da escravitude
Autora: Rebeca Beceiredo
Editoriel: Euseino?
Érguete, traballa, xanta, traballa, descansa, durme para mañá volverte erguer, traballar, xantar, traballar…Traballar para producir, producir para mercar. Canto máis merques máis feliz es, logo canto máis traballes máis feliz es. É a filosofía de vida que nos envolve, así de simple, así de dura. Sen opción a contradicila, quen así o fai pasa a formar parte do inimigo e merece ser punido; prémiase a submisión ao pensamento único e púnese todo aquilo que o contradí. É a máquina sen fin, controlada por uns poucos, mantidas as engrenaxes por todos os demais nunha escravitude sen fin. Con escravos de arrriba e escravos de abaixo, man de obra cualificada e sen cualificar. Mediante a xestión da angustia e o gozo; angustia para os escravos de abaixo, que ambicionan parecerse cada vez máis aos seus amos; gozo para os escravos de arriba, a quen se lles permite a única expresión de pensamento posíbel: o pensamento único.
Homo aeconomicus. Fascismo en funcionamento. Tanto capitalismo como fascismo son rexidos por un prinicipio: dominar ao de embaixo, e que o de embaixo se sinta feliz por poder seguir sendo, canto máis parecido ao de enriba mellor. O escravo séntese libre mentres se autoimpón a escravitude. A racionalidade fascista consiste máis ben no establecmento dun sistema de poder omnipotente que no cumprimento de filosofía ningunha (21).Morte á intelixencia, viva a morte ( 17) O saber pasa a coincidir inexorabelmente co coñecmento financiado polas corporacións (25).
Rebeca Baceiredo realiza unha diagnose seria e contundente da actualidade social. O deseño do comportamento social da xente de hoxe, coma da de onte, é incontestábel. Deseño e denuncia, porque todo o libro é unha denuncia de como os opresores ( capitalismo, fascismo) se comportan cos oprimidos, como xogan coa envexa e o sentimento de inferioridade dos oprimidos, como lles lavan o cerebro para que o seu desexo ( fascismo: codificación do desexo) non sexa outro que o de parecerse o máis posíbel aos opresores. É dicir Capitalismo e fascismo é un libro valente, ser covarde é estar subordinado ao medo, o medo, algo perfectamente canalizado, dirixido, desde o poder. Non ten medo a ser diferente, e polo tanto obxecto de odio. Por iso este é un libro precioso, imprescindíbel.
Bucle eterno: a emoción particular alimenta a dos demais, que á vez volve alimentar a particular, indefinidamente (39). Individualismo de masas. Prefigúrase o concepto de público, facéndoo coincidir cunha masa á que se lle produciu a subxectivación a través do medio que a unifica mentalmente (42). Créase unha sociedade pouco madura capaz de deixarse rexer por ventos abertamente opostos ao seus intereses colectivos (44), existindo unha correlación entre a estrutura da sociedade e a estrutura psíquica do individuos (45). A clase dominate, que posúe os medios materiais de produción, tamén dispón dos medios de produción ideolóxica (45). O autoodio tradúcese nunha actitude servil que funciona como elemento reforzador da identificación cia autoridade (47). A angustia é o mecanismo silencioso e eficaz que golpea reiterativamente (…) a autoestima dos escravos (47)
Non te preocupes, non penses, a supervivencia está máis asegurada se es un suxeito adaptado, se asimilas a norma, que vén definida pola clase dominante (49). Moral se escravo. Servidume voluntaria. Todo conforme a dereito. A xustiza é (…) un pacto entre poderosos. Totalitarismo. Non te preocupe, produce, merca, ten obxectivos materiais, concretos. Primeiro fuches súbdito, agora cidadán. Todo está atado e ben atado, como para que ti veñas agora querer desensarillar o nobelo. Pois si, é o que fai Rebeca Baceiredo, por iso é tan precioso o libro. Pon de manifesto as correlacións entre capitalismo e fascismo. Como eses dous totalitarismos nos teñen capturados. Eses dous totems aos que se premia a asimilación e se condena a desafección. Por iso é imprescindíbel o libro, porque é libre, periférico, afastado da homoxeneización . Mentres haxa seres libres que escriban libros coma este teremos esperanza. Esperanza de revolución. A revolución non vai ser televisada.Temos que protagonizala nós ou non será.
Se o escravo desaparece, o amo tamén (176). A revolución está pousada nos corpos, so hai que saber espertala (175) . Non, non é bonito descubrirte escravo do sistema, un sistema tan perfeccionado que, en maior ou menor medida, a todos nos suxeita. E ti que queres ser libre porque a liberdade é unha característica básica do home, unha liberdade diferente á da adhesión ao tótem capitalista-fascista, unha liberdade diferente á de mercar ou non mercar, unha liberdade diferente á de comer ou non patacas fritidas mentres bebes unha cervexa. Unha liberdade plena.
Vontade. Para desfacer a subxectivación dada hai que ter vontade (173)Mudar o ser por ter a valentía de facelo (173). Cada un vibra na profundidade que decide ( 173) Unha mente desprogramada está desprovista de moral, unha mente reteriotalizada só ten a moral do escravo, e múltiples son as estratexias mediante as cales cre en aparencia ser libre, autónomo, de por si. Capitalismo e fascismo. Psicoloxía da escravitude pon de manifesto esas estratexias. De primeiras pode que nos sintamos oprimidos por un manexo do sxceito tan perfecto, tan perfeccionado, pode que nos sintamos tentados pola inmediatez ofrecida, mesmo pode que nos sintamos premiados coa falsaria igualdade de non sermos diferentes. Porén, somos realmente nós? Non é que o capitalismo funcione como culto, senón que se converteu a si mesmo en deus (172) Mentres nós, ti e mais eu, queiramos, mentres, só mentres.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.