ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de POR QUE AS SOMBRAS NON TEÑEN OLLOS

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 9 Febreiro 2016 @ 9:36 p.m.

ESPÍAS NA SERRA DA PENA
Título: Por que as sombras non teñen ollos
Autor: Luís Manuel García Mañá
Editorial: Xerais
O 22 de febreiro de 1944 un bobardeiro Hudson da Royal Air Force, que saíra de Xibraltar, estrelouse na Serra da Pena,á altura do marco número 125 da fronteira entre Galiza e Portugal, entre o concello de Calvos de Randín e a vila portuguesa de Montealegre. O primeiro en chegar ao lugar do suceso será un contrabandista galego, Xosé Benito, quen se fai cunha pistola e unha carteira con documentación pertencente a un dos seis falecidos. Dá así inicio a última novela de Luís Manuel García Mañá, unha novela de espías na Raia Seca, territorio especialmente querido polo autor para as ficcións ( e non só) das súas obras. Unha novela de espías desde o momento en que tanto os aliados como os nazis, xa á beira da derrota, amosan moito interese polo contido dos documentos desaparecidos e que Xosé Benito, contrabandista experimentado, agachou convenientemente e dos que só el coñece o paradeiro. Pode que eses documentos conteñan informacións relativas á operación Overlord ( desembarco en Normandía), cousa que interesa aos dous bandos.
Hans e Jaakkina son do servizo secreto nazi, mais xente intelixente que observa como a tolemia de Hitler leva a Alemaña cara a unha derrota segura e próxima. É máis, Hans xa está na listaxe negra despois da caída de Canaris, polo que tentará unha aproximaxión aos aliados que se producirá en Vigo, naquel Vigo laborioso mais infestado de espías dun e doutro bando. Son personaxes ambivalentes Hans e Jaakkina, que fan un dobre xogo, por un lado traballan para os servizos nazis mais por outro simpatizan cos aliados, é dicir: abominan da barbarie do nazismo, aínda que sexa a última hora, cando a derrota parece cousa de horas. E teñen que realizar a súa misión en territorio hostil. Expliquemos isto de territorio hostil. Non queremos dicir que a Raia Seca se posicionara con respecto aos bandos da II Guerra Mundial, non, simplemente que é territorio hostil para calquera. As aldeas e pobos da Serra da Pena son territorio hostl para calquera. A vida nelas non é sinxela, é o que queremos dicir, é unha vida dura, e mais en pleno inverno. Só é territorio amigábel para os contrabandistas, se tal, para a ramboia. Para xentes como Xosé Benito ou o seu socio portugués Rui. A eles axúdaos. Mais para os resto dos mortais é un lugar onde vivir, onde o vivir se fai duro, máxime naqueles anos de penurias e escaseza. Precisamente a novela, por riba de ser unha novela de espías, xénero desacostumado na literatura galega, é unha novela sobre a vida das xentes arraianas, sobreo seu vivir e penar. Todo o contrario doutras ficcións nas que os axentes dos servizos secretos se moven no luxo, dentro do que cabe, de cidades populosas como Lisboa, por exemplo. O autor pon moita a tención na descrición tanto físca como do vivir das xentes da Raia Seca.
Terá que se agardar deica a morte de Xosé Benito, quen, coas derradeiras forzas que lle permiten articular palabra, deixe unha pista sobre onde se atopan agochados os documentos. Mais Jaakkina non está en condicións de descifrar aquelas palabras aparentemente inconexas, non o estará deica que un suceso puramente fortuíto a deixa en condicións de saber que era o que o finado quería dicir na súa enigmática mensaxe final. Jaakkina, que está alí baixo a tapadeira de ser unha estudosa da arte e historia que quere facer unha reportaxe sobre os castelos da zona, e que atopa na tía Palmira, indiana retornada e solteira, que posúe o único luxo do lugar ( un retrete), unha anfitrioa que a acolle con moito cariño pois Jaakkina fora quen coidara a Xosé Benito, sobriño seu, na súa agonía e morte. Jaakkina, que ten un affaire amoroso con Hans, mais acaban distanciándose. Jakkina, a verdadeira personaxe clave. Non é unha muller fatal. Simplemente unha muller a redor da cal se move a novela, unha muller que sabe situarse no centro de atención do lector, da trama, e dun tenente da Garda Fiscal portuguesa, personaxe secundaria que, porén, rematará tendo moito que ver no futuro de Jaakina. Porque esta é unha novela de espías con happy end. Contada polo dereito, sen fisuras nin ampulosidades barroquís, con moitas atención ás descricións e á representación do modo de vida arraiano naqueles anos 40 mediados, onde aínda perviven a luz de carburo, as lendas de lobos e as covas e riscos montesíos.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.