ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de CANDO LEVANTEN AS BRÉTEMAS

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 16 Febreiro 2016 @ 7:50 p.m.

IMAXES DE GUERRA
Título: Cando levanten as brétemas
Autor: Josip Mlákic´
Traduce: Jairo Dorado Cadilla
Editorial: Huguin e Munin
“Cando levanten as brétemas”… “estaremos fodidos” ( 176) Con esta contundencia se expresa Jakov Sarder na novela de Josip Mlakic´  que traduce Jairo Dorado para Huguin e Munin, facendo referencia á desprotección en que quedarán unha vez que as brétemas inexistentes permitan ao inimigo fixar obxectivos con clareza para atacar. Josip Mlákic´ é un existoso novelista croata e Jakov Sarder a súa personaxe principal nesta novela que hoxe nos ocupa. Unha personaxe que, seguindo pautas médicas, escribe nun caderno imaxes para desta maneira contribuír ao melloramento do seu estado. Esas imaxes, 24, son en realidade relatos, e a través deles ofrécesenos unha descarnada visión da guerra na que chaman á a atención varias cousas. Non é casualidade as varias veces que Jakov Sarder -bon lector e dono dunha “biblioteca ideal” composta por dez volumes- fai ao escribidor de Vargas Llosa , toda vez que a novela do sudamericano explora o universo de relacións entre a realidade e a ficción, que é o que Mlakic´pretende nesta novela. Pero si soprenden moito máis, estamos en guerra, non se esqueza, a enorme presenciae uso da música, desde os Rolling Stones, Scorpions ou AC/DC até autores locais como Bijelo Drugme, Dragma Mirkovic´ ou Dorde Balasevic´. Tanto a música como a literatura son realidades ben diferentes,m esmo opostas, á guerra: mais esta é unha guerra, un tanto especial, haina e hai que estar nela, e polo tanto pasar o tempo de xeito que esta nos afecte o menos posíbel. E música e literatura permiten esa miraxe, permiten instantes que alonxan o conflito bélico a un segundo plano.
Nesa biblioteca ideal tamén figura repetidamente Ivo Andric´ (Nobel 1961, A ponte sobre o Drina está publicada en galego por Rinoceronte) con “ O mestre e a margarida”, e hai unha influencia innegábel da sétima arte a través de figuras que tamén son literarias, tipo Philip Marlowe, e das telenovelas. Chandler e Kundera tamén están nesa biblioteca ideal, así como Alguén voou sobre o niño do cuco ( Ken Kesey) que merece especial atención por ser un dos primeiros achegamentos da literatura moderna á psiquiatría, que tamén é un dos obxectivos de Mlakic´, pois o doutor que lle pide a Jakov que escriba ten intencións similares. De xeito que en Cando levanten as brétemas atopamos a literatura como terapia dun xeito moi salientábel. Mais falabamos do que sorprende na novela, volvamos ao rego. Jakov Sarder móvese de búnker en búnker cunha facilidade espantosa, en realidade viaxa coa condicionante da guerra pero con bastante liberdade e  frecuencia, mesmo escapa do cárcere ( é un asasino) e é reclutado novamente sen maiores problemas. Menos sorprendente é a relación que todos os protagonistas teñen co alcol, outra fuxida á que se ven condenados con moita frecuencia.
A guerra. Iníciase tras a disolución de Iugoslavia e remata coa creación da República de Bosnia e Herzegovina. Retrátase nunha narración que pretende ser honesta e foxe de calquera modelo clásico de literatura bélica, sendo en boa maneira un exercicio autobiográfico pois Jakov escribe sobre o que ve e sobre o que protagoniza. A novela, estruturada en cinco partes, comeza cada unha das partes en terceira persoa e dando conta do que lle acontece ao Jakov enfermo, para despois dar paso ás 24 imaxes, repartidas nas cinco partes, que xa van escritas en primeira persoa. Cabe agora preguntármonos, pois é o que o autor pretende, sobre a relación da ficción de Cando levanten as brétemas coa realidade. Até que punto resulta un achegamento veraz? Precisamente por iso prescinde de calquera referencia da literatura bélica, non quere transitar camiños xa andados. Unicamente se fixa naqueles títulos, antes xa falamos deles, que lle poden ser referenciais ao seu propósito, Ken Kesey ou Vargas Llosa sería case unha fraude que non apareceran –tamén Borges aparece algunha vez.
A novela lese cunha sensación de incomodidade pretendida autorialmete para que nos preguntemos a cerca do que estamos lendo. Se cadra incomodidade non é palabra máis xusta pero si a que mellor se axusta á sensación de estarmos lendo sobre unha guerra con tanta música polo medio, con tanta presencia cinéfila polo medio, que case parece mentira, que case parece que a guerra é un accidente incontrolábel máis pero que a música, a literatura e o cinema nos achegan a verdadeira realidade. Cando é ao revés. A guerra é o único certo. Todo o demais é accidentabilidade ocasional, útil para agachar a crueza bélica da realidade, sen máis.
Agora a ver cantas novelas como esta son neceasarias para que nos decatemos da inxustiza das guerras. Aquí hai guerra porque hai guerra e a xente morre porque hai guerra, pero non hai obxectivos bélicos, só necesidade de chegar vivo a mañá. Do resto a guerra agacha horrores como o de que o protagonista mate por matar, mesmo compañeiros. A guerra, segundo esta novela é iso, matar por matar, porque hai un inimigo.

ASDP.: Xosé M: Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.