ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de AMOR É UNHA PALABRA COMA OUTRA CALQUERA

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 25 Febreiro 2016 @ 7:40 p.m.

TRES DÍAS DECISIVOS
Título: Amor é unha palabra coma outra calquera
Autor: Francisco Castro
Editorial: Galaxia
Adoita empregarse esta frase cando nese lapso de tempo acontece algo extraordinario que muda maneira de pensar ou de actuar dunha(s) determinada(s) personaxe(s). Como acontece aquí, desde que que Carla atopa o cadáver de María Xesús, traballadora do fogar que aparece morta cando ela regresa á hora do xantar. Desde entón, ese día e os dous posteriores van abrir unha fenda entre a Carla de antes e a de despois. Esa é a razón de que nos inclinaramos por este título, aínda que puidera parecer máis propio algún que se referira á desmitificación do amor. Falamos do amor cursi, do amor de telenovela, das cancións melíflúas ou dos filmes acaramelados, pois esas son as plataformas que nos achegan un amor que se mira no embigo, que se fai o centro da vida e evita que ollemos a vida coa neutralidade necesaria para despois non levar desgustos. Tal era o amor que Carla sentía por Xabier, un amor de submisión total, só existían Xabier e o mundo de relacións que se foi creando entre ambos. Un amor de submisión, repetimos, pois este tipo de sentimento non deixa de ser outra estratexia para que a muller se entregue submisamente pensando que o ùnico que fai é acceder a un mundo privilexiado. O do seu amor con tal home.Por certo que velaquí un caso deixa dunha visión un tanto medievalizante, só que agora é a muller a protagonista activa, suxeito e obxecto á mesma vez. E adoita presentarse de maneira tan linda, tan bonita, tan excepcional, este amor, que non é rara a muller que se namora do propio amor, esta concepción do amor que as fai sentirse privilexiadas á vez que as escraviza.
Porén, esta desmitificación deste amor, sen deixar de ser obxectivo, deixa de ser obxecto principal da novela unha vez que aparece a morta e entra en xogo a policía coas súas investigacións. Pouco a pouco vaise producindo a deslocación, teñen máis interese as averiguacións da policía, que sospeita dun asasino en serie e vaise difuminando a desmitificación, especialmente intensa nas primeiras páxinas, nos primeiros capítulos dunha novela que tende ao capítulo breve e posúe un narrador en terceira persoa capaz de contar con desenfado e amenidade mesmo dirixíndose ás personaxes e procurando instantes reflexivos ( sobre o sexo, sobre o amor, sobre os sentimentos) que obriguen a pensar que o que se está escribindo non é máis que a liberación dunha estratexia de dominación, a que supón o amor dos príncipes azuis. Porque Carla, unha vez abandonada polo seu marido, Xabier, non volverá a ser a mesma aínda que lle custe rachar coa súa vida pasada e aceptar un novo sistema de relacións interpersoais. Entra en xogo tamén unha terceira persoa, o namorado de María Xesús, un fotógrafo especializado en fotografar a beleza da muller normal, a que camiña ao noso carón pola beirarrúa, a que cruza o paso de peósn canda nós,a que vén coas bolsas do supermercado. Para nós ten especial importancia esta defensa da beleza da muller normal,a beleza da muller que non aparece nos catálogos de moda,porque é a beleza a que os seres normais temos acceso e porque é moi grande, tan grande que non necesita de longas horas de maquillaxe nin de sesións de retocado unha vez feita a foto.
Entón establécese na propia Carla un triágulo amoroso entre a nova concepción do amor que lle ofrece o mozo da morta María Xesús, a súa vella concepción do amor de bolero e as necesidades que ela vai sentindo en cada momento. Porén, os cambios que se produzan en Carla non van ser a única transición que se estableza, nin o paso a unha novela policial: hai outro máis importante e definitivo. Segundo imos lendo na novela ímonos decatando de que esta ten unha trama pouco diversificada e un número de personaxes bastante reducido, o cal quere dicir que Francisco Castro está explorando as marxes da novela como xénero, posto que a estratexia narrativa é a dunha novela breve e non a dunha novela convencional.
Novela de denuncia, cunha lectura amena e desenfadada, que non renuncia ao sorriso e que conta cunha lista en spotify de consulta gratuíta, que pon en solfa o amor cursi, ese amor falsamente romántico ( o romanticismo é outra cousa), propoñendo unha lectura da vida máis realista e menos escrava, menos submisa, máis libre.

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.