ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de LIQUIDACIÓN DE EXISTENCIAS (Ramón Caride, Xerais)

REALISMO INCONDICIONAL
Título: Liquidación de existencias
Autor: Ramón Caride
Editorial: Xerais
Están nun libro, mais estas historias ben podían saír nun telexornal, en medios xornalísticos ou mesmo na realidade da nosa andaina vital. “Tan aterradoras, tan cómicas, tan absurdas que abalan entre a empatía e o noxo”, como ben di a presentación editorial do novo libro de relatos de Ramón Caride. Oito relatos e unha novela curta intercalada entre cada dous relatos. En total nove historias dun realismo descarnado, un realismo de hoxe, do hoxe que nos aboura por todos lados con noticias dunha cruel inhumanidade. Porén esta acusada sincronía non opera que as historia sexan flor de un día, senón que a selección temática as eleva a intempoprais. Un desafiuzamento é cruel hoxe e en calquera tempo que o queiramso imaxinar. Podiamos escoller un desafiuzamento como exemplo ad hoc, mais é que en Liquidación de existencias hai un desafiuzamento, non podía faltar nesta feira de historias mundanas. Historias entre as cales se intercalan tarxetas de presentación localizadas todas nun “Polígono outlet”, dúas palabras que proceden de mundos antagónicos (“polígono” ten que ver coa laboriosidade, coa industria, co traballo; “outlet” ten que ver co mundo do refinamento da moda) e que sitúan moi ben a realidade entre a cal vivimos.
Unha romanesa pedindo na porta do súper do polígono, deféndea do seu chulo un policía que andaba por alí e que despois se vai “ocupar” con outra romanesa nun puticlub. Tráfico de seres humanos, non é a única vez que a atoparemos, e tamén esa moral inmoral, esa moral de patacón, esa moral de aluguer, que serve para unhas cousas e é absolutamente inútil para outras. Unha limpadora de hotel enganada polo seu home, historia cun remate sorpresivo e contundente. Precariedade laboral en “Ou de pé ou de xeonllos”. Malversación de capitais en “Marca España”, portador dunha fina e evidente ironía que as noticias de actualidade poñen en evidencia. Un vello comunistas homenaxeado en “Chámalle XY”, moi consecuente coas súas ideas e con parella de dereitas. As ideas, os ideais valen para o que valen e deixan de valer cando a ocasión é propicia. Un detective privado na procura de Nayla, que fuxiu porque o mozo lle pegaba. Outra volta o tráfico de seres humanos se se quer. Onde resulta innegábel é en “A consolidación do sector terciario” pois é a auténtica protagonista do relato, un realto que nos leva fóra das fronteiras galegas, a terreo albano-kosovar. Tamén hai lugar para o humor en “Veteranos das guerras psíquicas”, dous veciños que se levan mal e un deles que sentencia “Isto con Fraga non pasaba”, con Fraga nin sequera chovía. E para finalizar os relatos “Barra libre” onde unha muller, Sandra, que vai quedar sen nada, mesmo sen marido, mais vai ter que seguir pagando a hipoteca, argallla unha sagaz vinganza. Unha vinganza que na vida real non serve de nada, porque é ficción, si, mais nunca está mal un pouco de xustiza poética, polo menos.
Queda aínda a novela curta, fraccionada en catro entregas, que tematiza un secuestro exprés, levado a cabo por dous afeccionados e que sae ben até que se lles vai a cabeciña e acaban sendo vítimas da súa imprudencia. Entre a novela curta intercalada entre cada dous relatos, as taxetas de presentación entre cada novo relato ou parte da novela curta, e os relatos que tamén se pode dicir que van intercalados cada dous entre cada parte da novela ( cun para encetar e outro para rematar, com excepcións) componse un xogo de fraccionalidades que non deixa de ser equivalente á realidade, pois vivimos unha realidade fraccionada, escoitamos as noticias fragmentariamente, facendo caso a unhas e desbotando outras, mesmo comemos fraccionadamente ou dormimos tamén fraccionadmanete entre pesadelo e pesadelo. Porque o autor, calquera autor e neste caso como exemplo, ten que ser testemuña do seu tempo, ten que reflectir, dun xeito ou doutro, de maneira intencionada ou por contraste, como se vive no seu tempo. Do contario, un autor que só serve para pasar o tempo, fraccionariamente, por suposto, de pouco utilidade é. E o que non resulta útil desbótase coma refugallo.

ASDO.: Xosé M. Eyré

3 Comments

  1. Dario Gancedo:

    Creo que captaches moi ben o espírito -e o corpo- do libro. Dá gusto ter lectores tan explícitos!

  2. xmeyre:

    Obrigado polo comentario, Darío.

  3. xmeyre:

    Obrigado polo comentario, Darío

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.